Noticias
-
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o Polo aeroespacial como un sector clave para a recuperación, cunha folla de ruta para o período 2021-2025 baseada no desenvolvemento industrial; no fomento das capacidades tecnolóxicas e innovadoras, a través da xeración e transferencia de coñecemento ao mercado; e na creación de emprego de calidade, podendo acadar ata os 3.000 postos de traballo. Trala reunión do Consello, Feijóo incidiu en que o sector contribuirá á recuperación aliñándose, ademais, coas metas a nivel estatal e europeo, co fin de xerar riqueza non só a curto prazo, senón crear as tecnoloxías, mercados e empregos do futuro.
-
A Xunta realizará unha proba piloto como ensaio previo á reapertura do ocio nocturno cando se dean as circunstancias. Farase o 12 de xuño en dúas discotecas e catro pubs de concellos con niveis de restricións medio-baixos. O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, xunto co director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, acordaron con representantes do sector o protocolo de reactivación.
-
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que Galicia está a acelerar a redución de emisións por riba da media nacional e en liña cos obxectivos que marca a Unión Europea, grazas á súa Estratexia de cambio climático e enerxía 2050, que executou xa máis de 317 millóns de euros durante o primeiro ano de vixencia. Logo de avaliar no Consello da Xunta as medidas desenvolvidas desde a súa implantación, Feijóo lembrou que ata 2023 o plan recolle 171 medidas cun orzamento de 1.280 millóns.
-
O obxectivo da RIS3T é dinamizar a participación da Eurorrexión nas convocatorias europeas de cooperación interterritorial e constituír o marco para poñer en marcha accións e proxectos coordinados capaces de competir con maior éxito na captación de financiamento procedente do Programa Horizonte 2020. Liderada pola Xunta de Galicia, a través de Gain, e a Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte (CCDRN), nela participan máis de 200 empresas e centros de coñecemento de ambas as dúas rexións.
-
A Xunta vén de coñecer hoxe a sentenza do Tribunal Supremo que da a razón a Galicia na súa reclamación da mensualidade do IVE correspondente ao mes de decembro de 2017. A sentenza da Sala 3ª do Tribunal Supremo recoñece o dereito a que Galicia sexa compensada pola mensualidade do IVE que non ingresou o Goberno central. O Executivo autonómico reclámalle 204 millóns de euros por este concepto. O Goberno galego acolle con satisfacción esta sentenza, que recoñece que unha vez máis Galicia tiña razón e que as galegas e galegos gañan porque recuperan uns cartos que aboaron todos os cidadáns, e que polo tanto son seus.
-
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe novos encontros virtuais desde Santiago de Compostela cos integrantes do Diálogo Social -Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), UXT e CCOO- e coa Mesa do Emprego Autónomo para terminar de consensuar as bases do 3º Plan de Rescate que a Xunta porá en marcha cos 234 millóns de euros comprometidos polo Estado para Galicia. Lorenzana anunciou aos interlocutores sociais e empresariais a dobre intención do Goberno galego de reservar cartos para que as axudas cheguen aos negocios mais afectados pola pandemia, e que os importes vaian en consonancia coa perda de facturación e o número de persoas empregadas, como se fixo nos dous plans de rescate anteriores.
-
Galicia pechou o mes de abril creando emprego, con máis afiliacións á Seguridade Social e con máis contratacións, e con menos paro nas evolucións anual e mensual. Ademais, foi a comunidade galega con maior caída do paro tamén con respecto a marzo e a hai un ano. A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, destacou hoxe que os datos do paro rexistrado reflicten que o mercado laboral galego está a resistir á covid-19, xa que o desemprego cae tamén, na evolución anual e mensual, en todos os sectores de actividade, nas catro provincias, nas sete grandes cidades e en colectivos prioritarios para a Xunta como son as mulleres ou os menores de 30 anos.
-
Galicia defende que as novas ferramentas de control teñan en conta as características do sector e sexan acordes á súa realidade co obxectivo de que non xeren malestar e sexan entendidas polos profesionais da pesca e do marisqueo. Por iso, pide que se mellore o texto durante o proceso de negociación dos trílogos -os debates entre a Comisión Europea, a Eurocámara e o Consello Europeo- para contar cunha normativa adaptada á realidade da frota e que non castigue ao sector.
-
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha ampliación no orzamento do 2º Plan de Rescate activado o pasado febreiro pola Xunta para aportar liquidez aos autónomos, microempresas e establecementos hostaleiros e de outra natureza afectados polos peches realizados por criterio sanitario. A Xunta engade 21 millóns de euros ao orzamento do 2º plan de rescate que inicialmente contaba con 75 millóns de euros, o que supón un aumento do 28%. O obxectivo deste incremento no orzamento do 2º plan de rescate é poder chegar, coma xa se fixo co 1º plan, á práctica totalidade das solicitudes que cumpran os requisitos.
-
A Xunta seguirá reclamando perante o Estado as competencias que Galicia necesita, pero esixirá que as transferencias cheguen acompañadas da financiación necesaria para asumilas e que o Goberno central salde as débedas pendentes coa comunidade autónoma; entre elas, os 204 millóns do IVE do ano 2017. Na súa resposta a unha interpelación no Parlamento de Galicia, o vicepresidente primeiro recordou que o Goberno galego nunca deixou de reclamar as competencias que lle corresponden a Galicia para seguir avanzando no autogoberno sempre dentro do marco establecido pola Constitución española e polo Estatuto de Galicia.