Noticias
-
O vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, mantiveron unha xuntanza por videoconferencia cos representantes da hostalería en Galicia para revisar a proposta realizada pola Administración o pasado venres, sobre o establecemento dun modelo que garanta o acceso seguro as locais, independentemente da situación epidemiolóxica que teña cada concello. A esta xuntanza tamén acudiron a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, e o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva.
-
O Executivo galego aprobou este ano 55 proxectos presentados polas confrarías de pescadores para modernizar os portos, lonxas e lugares de desembarque cun orzamento total de máis de 2,5 millóns de euros e que, con eles, a Xunta leva investidos desde 2016 máis de 10 millóns de euros en achegas para máis de 330 actuacións deste tipo. A Administración galega vai publicar esta mesma semana unha nova convocatoria de axudas para proxectos de modernización das infraestruturas dos portos pesqueiros, lonxas ou establecementos autorizados para a primeira venda dos produtos pesqueiros e dos lugares de desembarque que contará cun orzamento de 800.000 euros a repartir entre 2021 e 2022.
-
Os datos do paro rexistrado correspondentes ao mes de xullo confirman, tal e como valorou hoxe a directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, que Galicia non só segue a resistir á covid-19 (hai preto de 40.000 parados menos que en abril de 2020, que marca o impacto inicial da crise sanitaria), senón que a cifra de parados rexistrada en xullo (151.934) é menor á de febreiro de 2020 (166.229), xusto antes do inicio da covid-19. O desemprego, ademais, baixou tanto na evolución anual como mensual e nas catro provincias e sete grandes cidades, nas mulleres, nos menores de 30 e maiores de 44 anos e nos principais sectores económicos.
-
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez, presentou hoxe no Parlamento o teito de gasto non financeiro para o exercicio 2022 que ascende a 11.571 millóns de euros, e que foi aprobado na Cámara autonómica. Valeriano Martínez cualificou este teito de “prudente e rigoroso” e explicou que ten tres prioridades: dar por superada a pandemia en termos sanitarios, seguir reactivando a actividade económica e o emprego, e garantir a protección e o benestar das familias e das empresas. Ademais, o conselleiro tamén subliñou que permitirá recuperar “a mediados do ano 2022 o nivel de riqueza precovid”, antes que a media de España.
-
O Ministerio de Hacienda e Función Pública vén de dar hoxe a razón á Xunta na súa reclamación do importe da mensualidade do IVE de 2017 non transferido a Galicia. O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez asistiu hoxe ao Consejo de Política Fiscal e Financeira (CPFF) no que se trasladaron ás comunidades autónomas as principais cifras para a elaboración do teito de gasto do vindeiro ano 2022 que a Xunta aprobará mañá. Durante a reunión, o Ministerio admitiu que a cifra que o Goberno central adebeda a Galicia pola sentenza do Tribunal Supremo ascende a 211 millóns de euros.
-
Zona Franca de Vigo presentou o Informe Económico e de Competitividade de Ardán 2021, elaborado en colaboración coa agrupación estratéxica Ecobas e o Grupo Gen da Universidade de Vigo. Nel preséntase un monográfico que aborda 'a excepcional situación' que provocou a pandemia da covid-19 e 'pon de relevancia que Galicia sufriu un impacto menor que o conxunto de España en perda de riqueza'. O documento, 'o primeiro informe sobre os efectos da pandemia da covid-19 na economía galega' segundo indican en nota de prensa desde Zona Franca, foi presentado por David Regades, delegado do estado, acompañado por parte da Universidade de Vigo do catedrático Santiago Lago e do profesor Xavier Martínez Cobas.
-
Galicia, que preside agora este organismo interrexional, pasará nos vindeiros días a testemuña a Portugal. Neste período, a comunidade transfronteiriza traballou no seu obxectivo principal de consolidar a Eurorrexión, pero tamén centrou os seus esforzos na dinamización económica, a cooperación ambiental, a cooperación para o desenvolvemento das infraestruturas e da mobilidade, a cooperación para a proximidade e o desenvolvemento de proxectos conxuntos nas áreas de cultura, educación e turismo.
-
Galicia e as demais comunidades autónomas da Cornixa Cantábrica (Asturias, Cantabria e País Vasco) analizarán polo miúdo a proposta de ecoesquemas que presentará o Goberno Central e realizarán as alegacións oportunas para defender os intereses dos nosos agricultores e gandeiros e para garantir que estas axudas ambientais contemplen as particularidades da España húmida. Así o acordaron esta mañá os representantes destas autonomías na reunión por videoconferencia co secretario general de Agricultura y Alimentación, Fernando Miranda, sobre Arquitectura Ambiental do Plan Estratéxico da PAC.
-
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou hoxe na Conferencia Sectorial de Pesca na que se aprobaron os criterios de reparto do Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura (Fempa) para o período 2021-2027 entre os organismos intermedios de xestión da Administración Xeral do Estado e as comunidades autónomas. Nesa distribución a Galicia correspóndenlle preto da metade dos fondos repartidos entre as comunidades -excluída Canarias, que conta cun plan de compensación específico- con máis de 366 millóns de euros dos arredor de 735 millóns de euros outorgados aos Executivos autonómicos.
-
A Axenda Dixital Galicia 2020 logrou os seus obxectivos dunha maior dixitalización da sociedade, un maior impacto socio económico e a creación de oportunidades. Neste sentido, en todo o período 2015-2020 a interacción das persoas de Galicia coa Administración por medios electrónicos foi superior á media de España e da Unión Europea. As xestións en liña representan xa o 78 % das interaccións coas administracións en Galicia. Rexistrouse tamén un incremento significativo no uso das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC), sobre todo nos grupos de maior idade. A evolución das persoas que declara ter usado internet nos últimos 3 meses foi tamén superior á media estatal e europea.