Noticias
-
O paro baixou no último ano en Galicia (outubro 2020-outubro 2021) en 27.262 persoas (-15,04%), o que supón sete meses consecutivos de caída do desemprego na evolución anual, e as afiliacións creceron desde outubro de 2020 nun 2,04%, uns indicadores que marcan, en palabras da directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, a recuperación do mercado de traballo. Galicia conta con menos paro que ao inicio da crise económica de 2008, xa que en outubro de 2008 había 168.423 desempregados fronte aos 154.045 parados de outubro. Ademais, o descenso producido é o maior de toda a serie histórica (1996) en termos relativos e absolutos e supera en 0,17 puntos a baixada experimentada no Estado (-14,87%).
-
O Polo Aeroespacial foi presentado no marco do congreso World ATM Congress, a principal conferencia a nivel mundial sobre xestión do tráfico aéreo, e Expodrónica, a feira de drons máis importante no sur de Europa, que se están a celebrar conxuntamente estes días no recinto feiral de Ifema. O Polo Aeroespacial de Galicia preséntase como unha iniciativa estratéxica con grande capacidade transformadora e importantes resultados acadados na fase anterior 2015-2020: 164 millóns de euros de investimento público-privado mobilizado; colaboración con empresas tractoras como Indra, Babcock e Boeing, máis de 900 profesionais, 60 solucións tecnolóxicas e cinco novas empresas en Galicia.
-
Galicia segue a medrar no que as súas vendas ao exterior se refire. Unha tendencia que xa comezou a reflectirse nos últimos meses do ano 2020, e que se consolida neste exercicio. De tal feito que, como amosan os últimos datos dispoñibles, as exportacións galegas veñen de acadar, entre xaneiro e agosto, un récord histórico no acumulado destes primeiros oito meses de 2021. En concreto, durante este período as vendas ao exterior da Comunidade rozan os 15.000 millóns de euros, o que se supón un incremento de case o 23% con respecto ao mesmo período do ano pasado, situando a Galicia un punto por riba da media estatal. Deste xeito, as exportacións galegas superan nun 3% o rexistro do 2018, e nun 6,4% o do 2019, os mellores anos ata o de agora.
-
Alberto Núñez Feijóo e o presidente da Junta de Andalucía, Juan Manuel Moreno Bonilla, acordaron impulsar a cooperación entre ambas comunidades para lograr unha economía competitiva e sustentable co apoio dos Next Generation e a cogobernanza efectiva. Unha colaboración que quedou plasmada nunha declaración conxunta, asinada por ambos os presidentes. Entre os asuntos abordados, o responsable do Goberno galego referiuse primeiramente ao Camiño de Santiago e ao compromiso de impulsar a Vía da Prata, a través do grupo de traballo entre Andalucía, Estremadura, Castela e León e Galicia.
-
Máis de 1.100.000 contribuíntes se beneficiarán da nova rebaixa na tarifa autonómica do IRPF para as rendas medias e baixas incluída nos Orzamentos da Xunta do vindeiro ano, o que supón máis do 90%. En concreto, implántase unha nova escala e rebáixanse os tipos en todos os tramos inferiores a 60.000 euros, co que Galicia reforza a súa posición como unha das CC.AA. con menor tributación para as rendas medias e baixas. Así o recolle o proxecto de Lei de Orzamentos para 2022, que ascende a 11.627 millóns de euros, un 6,9% máis que no vixente exercicio e que foi entregado hoxe no Parlamento polo conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, xunto ao proxecto de Lei de Medidas Fiscais e Administrativas.
-
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presentou trala reunión do Consello Extraordinario da Xunta os Orzamentos de 2022, os máis altos da historia, dixo, para pasar á reactivación e á recuperación, cos maiores recursos para o gasto social e o emprego e con novas rebaixas fiscais. Logo de incidir en que estes Orzamentos se aproban 'en tempo e forma' para que entren en vigor o 1 de xaneiro de 2022, Feijóo aseverou que 'aprobamos hoxe unhas contas que se porán ao servizo dunha nova fase económica marcada pola superación da crise sanitaria e coa intención de pasar da reactivación á recuperación: co maior orzamento da historia, cun reforzo sen precedentes no gasto social e no investimento produtivo, cun menor gasto en xuros e cunha nova baixada de impostos'.
-
A transformación dixital está a mudar a configuración do persoal do tecido produtivo galego. Este ano un 13,6% das empresas galegas de 10 ou máis empregados conta con perfís TIC entre os seus traballadores e un 9% contratou ou tentou contratar un especialista do ámbito tecnolóxico no último ano. A pesar de que aínda son porcentaxes baixas polo carácter emerxente destas tecnoloxías, Galicia ocupa a segunda posición entre as comunidades que contratan perfís especialistas en Intelixencia Artificial e o noveno posto en Ciberseguridade. Os datos tamén reflicten o impacto da Covid-19 na adopción do teletraballo. Así o 45,3% das empresas de máis de 10 empregados afirma contar con persoal que teletraballa.
-
A conferencia Fondos Europeos: Miño e Galicia, organizada pola Confederación empresarial da Rexión do Miño, (ConfMinho), celebrada hoxe en Braga amosou que os empresarios e os axentes políticos de Galicia e o Norte de Portugal están decididos a aproveitar ao máximo, e en total sintonía, as oportunidades que ofrece para a Eurorrexión o novo marco financeiro plurianual 2021-2027. En concreto, os relatores apostaron polo tren de alta velocidade e a transición dixital, se ben coincidiron tamén á hora de pedir unha maior cohesión territorial na Eurorrexión.
-
O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou na rolda de prensa do Consello a activación dun 4º Plan de rescate cos 134 M€ sobrantes da convocatoria anterior, que recollerá as últimas modificacións introducidas polo Goberno central co obxectivo de que os cartos cheguen a quen máis o precisa. A este respecto, Feijóo explicou que foron os problemas burocráticos derivados dos requisitos impostos polo Goberno no reparto das axudas do 3º Plan de rescate os impediron que esa cantidade fose distribuída.
-
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informou esta mañá da decisión do comité clínico de ampliar, en liñas xerais, os aforos do 75 ao 90% no locais de diferentes eidos sociais, agás no caso do lecer nocturno. O anuncio prodúcese logo de que comunidade galega se situase, xunto con Asturias, nunha das comunidades autónomas cuxa incidencia acumulada xa se empraza nunha situación de risco epidemiolóxico controlado, ou tamén denominada fase de nova normalidade. Así, Galicia rexistra unha incidencia acumulada a 7 días de 8,6 casos por cada 100.000 habitantes, e de 22,9 casos, no seu cómputo a 14 días.