Noticias
-
A primeira xuntanza da mesa industrial de Vestas para buscar solucións que garantan a continuidade do emprego na factoría de Viveiro celebrouse en Santiago de Compostela coa asistencia por parte da Xunta do vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, e da conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, que estiveron acompañados polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias. Asistiron tamén á reunión, convocada pola Xunta de Galicia, representantes do Goberno central, da empresa, do comité de empresa e dos sindicatos.
-
Galicia sitúase no camiño da reactivación económica, xa que o número de afiliacións á Seguridade Social é maior e a cifra de parados no mes de setembro é inferior ao rexistrado ao comezo da pandemia. Así, a comunidade galega conta con 1.034.229 cotizacións e 153.054 parados fronte ás 1.002.624 afiliacións e 174.481 desempregados de marzo de 2020. Ademais, Galicia acumula seis meses consecutivos de baixada de paro na evolución anual, o que, en palabras da directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, demostra a recuperación do mercado de traballo, un feito ao que se une a saída de traballadores dun Expediente de Regulación Temporal de Emprego.
-
A Xunta de Galicia estivo presente en Sevilla na primeira edición da Convención de Turespaña, un foro de encontro e reflexión de tres xornadas dirixido aos destinos turísticos españois co obxectivo de afondar na cogobernanza e onde a sustentabilidade e a dixitalización están sendo as protagonistas. O Goberno galego compartiu neste foro co resto das comunidades autónomas as boas prácticas que están a permitir a rápida recuperación do turismo no noso territorio. A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, foi a responsable de afondar no traballo da Xunta para facer de Galicia un destino máis sustentable, na liña do modelo turístico da comunidade, baseado nun turismo de tranquilo e de calidade, así como nas accións de promoción que se puxeron en marcha.
-
O programa Leader permitiu consolidar un total de 2.274 postos de traballo en Galicia e crear outros 790 empregos no período de programación 2014-2020. Así o salientou o subdirector de Relacións cos Grupos de Desenvolvemento Rural, Moisés Blanco, na súa intervención na xornada 30 anos de Leader, organizada pola Red Española de Desarrollo Rural. O representante galego puxo en valor o feito de que tres décadas despois da súa posta en marcha, a medida Leader, co seu enfoque participativo e transversal, consagrouse como unha ferramenta indispensable para dinamizar o tecido socioeconómico das áreas rurais, tamén en Galicia.
-
O goberno galego vén de presentar a nova Estratexia de Internacionalización para o período 2021-2025, que ten o obxectivo de favorecer a saída ao exterior das empresas galegas, a través da dixitalización e da diversificación de mercados. Partindo desta base, a Xunta de Galicia pretende que 8.000 empresas galegas acaden os 25.000 millóns anuais en exportacións ata o ano 2025, procurando incrementar a nosa presenza especialmente fóra da Unión Europea: a idea é incrementar nun 25% as vendas ao Reino Unido, triplicar as exportacións a América do Norte, e duplicar as de América do Sur e Asia.
-
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe unha achega de 11,6 millóns de euros para poñer en marcha a primeira fase do Polo de Tecnoloxías Cuánticas con aplicacións na medicina, biotecnoloxía, aeronáutica ou telecomunicacións. Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo subliñou que esTENOta primeira fase permitirá despregar as infraestruturas necesarias, do polo, como: un simulador e un computador cuántico; un sistema de computación de altas prestacións; e un sistema de almacenamento exclusivo para computación cuántica que estará no Centro de Datos do Cesga.
-
Galicia pechou o segundo trimestre do ano sendo a 3ª Comunidade Autónoma con menor endebedamento por habitante de España. Así, a débeda por habitante sitúase en Galicia nos 4.476 euros fronte aos 6.607 euros da media de comunidades, co que cada galego debe hoxe 2.131 euros menos que a media autonómica. Os datos de débeda segundo o Protocolo de Déficit Excesivo (PDE) publicados hoxe polo Banco de España volven situar a Galicia como a terceira comunidade de réxime común con menor endebedamento de toda España.
-
O Foro Económico de Galicia, coordinado desde a Universidade de Vigo polo Grupo Governance and Economics Research Network (Gen), presentou o seu Informe de Conxuntura Socioeconómica III/2021. Nel destacan que 'un ano despois do shock, a economía galega recupera o seu dinamismo'. Da súa análise económica subliñan datos tales como que o PIB autonómico medra un 17,5%, que Galicia incrementa o seu gasto público máis que o resto do estado e que medra o emprego feminino, pero baixa a calidade dos contratos.
-
O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou na presentación do novo Clúster da Eólica Offshore que, segundo dixo, permitirá a Galicia, Asturias e Cantabria desenvolver unha estratexia compartida para posicionarse como referente internacional neste sector. Acompañando aos conselleiros de Industria dos gobernos de Galicia, Asturias e Cantabria, participan nesta iniciativa tres socios industriais que representan máis de 200 empresas con actividade e experiencia no sector: o Consorcio Tecnolóxico da Enerxía de Asturias, o Clúster Sea of Innovation de Cantabria e Asime, a través do Galician Offshore Energy Group.
-
O Observatorio Municipal Galego, iniciativa da Rede Localis, fixo público este venres un novo documento de análise da situación económica-financeira dos municipios galegos. Nel, a rede xestionada polo grupo de investigación Governance and Economics Research Network (Gen) da Universidade de Vigo destaca que os concellos galegos “aínda teñen marxe para elevar o uso da súa capacidade fiscal”. Segundo indican en nota de prensa desde a entidade, o documento, que corresponde á nota número 17 do observatorio, céntrase nesta ocasión no estudo do uso da capacidade fiscal propia dos concellos galegos.