Noticias
-
O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, avanzou hoxe que a Xunta vai solicitar unha xuntanza con Endesa na que participe o grupo de traballo por unha transición xusta nas Pontes —que integran, ademais da Administración autonómica, o Concello, os sindicatos e representantes da industria auxiliar e dos transportistas—, para concretar as alternativos que permitan manter a actividade e o emprego na central das Pontes.
-
As tres universidades públicas do Sistema Universitario de Galicia (SUG) incorporarán á súa oferta académica para o vindeiro curso un total de dez titulacións a razón de tres graos, cinco másteres e dous programas de doutoramento novos para o vindeiro curso 2021-22. A oferta destas novas titulacións faise efectiva no Diario Oficial de Galicia de hoxe, coa publicación da orde de implantación de ensinanzas universitarias en Galicia. Todas as titulacións recibiron o visto e prace do Consello Galego de Universidades, da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) e do Consejo de Universidades.
-
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informou esta maña en rolda de prensa, da decisión de limitar as xuntanzas na hostalería a un máximo de 6 persoas no interior e, a 10 no espazos exteriores e terrazas, en todos os niveis, salvo no nivel alto e máximo, no que segue a prohibición de abrir no interior dos locais. O titular da carteira sanitaria da Xunta apuntou que esta medida terá carácter de recomendación nos restantes ámbitos sociais, co ánimo de atallar a expansión do virus. García Comesaña trasladou a súa preocupación pola importante suba de novos casos detectados nas últimas datas, onde se destaca a presenza dun amplo número de persoas mozas.
-
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a modificación da orde que regula as bases para o 3º plan de rescate, xestionado pola Xunta cos 234,4 millóns de euros que lle corresponderon do reparto do Estado para axudas directas ao tecido empresarial, coa que amplía o prazo de solicitude dos apoios ata o 30 de setembro para permitir que os cartos cheguen a máis persoas traballadoras autónomas e empresas afectadas pola covid-19. A pesares dos esforzos da Xunta por axilizar e simplificar o 3º Plan de Rescate, as cargas burocráticas impostas no Real Decreto que regula as axudas directas para xestionar as Comunidades están disuadindo ou imposibilitando o acceso ás mesmas de gran parte do tecido empresarial galego.
-
Galicia insiste en reclamar o que xustamente lle corresponde na defensa lexítima dos intereses dos seus agricultores e gandeiros con respecto á aplicación da futura PAC. A nosa comunidade e o resto dos territorios da Cornixa Cantábrica (Asturias, Cantabria e País Vasco) demandan de xeito conxunto ao Goberno central que se teñan en conta as peculiaridades da España húmida á hora de desenvolver esta política, fronte á orientación “mediterránea” que vén amosando o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA).
-
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informou en rolda de prensa da obrigatoriedade de presentar o resultado dunha proba diagnóstica negativa ou o certificado de vacinación completa, para acceder aos locais de ocio nocturno nos concellos galegos nos que rexan as medidas do nivel medio. O titular da carteira sanitaria da Xunta, apuntou que o Executivo galego aposta polo desenvolvemento dun ocio seguro, ao tempo que trasladou a preocupación das autoridades sanitarias polo aumento de casos positivos entre a mocidade.
-
Unvex, o maior evento de vehículos non tripulados que se celebra en España, dará cita aos principais expertos nacionais e internacionais e empresas do sector os días 7, 8 e 9 de xullo na Cidade da Cultura de Galicia en Santiago de Compostela, na Escola Naval de Marín e no Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR) en Castro de Rei (Lugo). Unvex ten confirmadas preto de 70 empresas expositoras que amosarán as súas novidades tecnolóxicas nos máis de 2500 metros cadrados de exhibición, entre os que destacan compañías tractoras do sector aeroespacial así como pequenas e medianas empresas e operadoras.
-
A convocatoria, cun investimento de 1,5M€, sairá publicada no Diario Oficial de Galicia o venres, 2 de xullo, coa previsión de poder apoiar 50 proxectos con axudas que oscilan entre os 5000 e os 100.000€. Trátase dunha liña de apoios específica enmarcada no Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024-Diferenza, que busca consolidar a cultura da innovación e o deseño no tecido empresarial de Galicia.
-
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, anunciou que a Xunta de Galicia se marca o obxectivo de ser unha administración neutra en carbono no ano 2040, reducindo as emisións de gases de efecto invernadoiro en todos os seus ámbitos. Ángeles Vázquez presentou 'un novo reto' da Estratexia galega de cambio climático e enerxía de 2050: a folla de ruta elaborada polo Goberno galego e coa que a Comunidade se converteu nunha das primeiras rexións europeas en establecer por escrito este compromiso de neutralidade climática.
-
O ámbito de descubrimento de fármacos no que traballan a Fundación Kærtor e a Plataforma de cribado de fármacos e farmacoxenómica Innopharma da USC forma parte, na actualidade, da candidatura galega da Xunta de Galicia, xunto a Grupo Zendal e a Corporación Hijos de Rivera, aos fondos europeos Next Generation. Iniciativas como I2D2 (Incubation Innovation in Drug Discovery) ou Cancro Innova son dous dos exemplos máis significativos do éxito deste modelo de colaboración en innovación aberta para conectar a investigación coa súa aplicación.