Noticias
-
O Polo xerou unha comunidade de innovación na que participan unha gran variedade de pemes e centros de coñecemento con capacidades para establecer redes nacionais e internacionais e potencial para captar fondos que permitan a realización de proxectos colaborativos en áreas clave, dotando aos seus membros e ao propio ecosistema galego dun posicionamento estratéxico internacional. Esta colaboración mellorou as capacidades e a competitividade das pemes e centros de coñecemento que formaron parte do Polo Aeroespacial de Galicia, propiciando a xeración de 47 novos proxectos de I+D+i derivados da súa participación na iniciativa.
-
Vaise celebrar este sábado a I Feira Iniciativa Xove para poñer en valor os diferentes proxectos xurdidos ao abeiro deste programa. O Edificio Cinc da Cidade da Cultura acollerá unha completa xornada de actividades cun espazo expositivo de proxectos, obradoiros ou un punto de asesoramento, entre outros. Iniciativa Xove é un programa creado en 2010 polo Goberno galego a través do cal se conceden axudas de ata 5000 euros para que as mozas e mozos de Galicia poidan desenvolver ideas que, transformadas en proxectos empresariais ou programas de interese, revertan na sociedade.
-
O paro baixou en Galicia e as afiliacións á Seguridade Social e a contratación aumentaron na evolución anual e mensual. Así o destacou hoxe a directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, quen indicou que o mercado laboral galego continúa resistindo á covid 19. Explicou que hai menos paro que ao inicio da pandemia, 26.323 parados menos que en abril de 2020, o que supón un descenso do -13,74%. Na evolución anual, Galicia lidera a caída do paro no Estado cunha baixada do 13,49%, o que supón, ademais, un diferencial de 11,5 puntos coa media de descenso do paro rexistrada en España. Invértese a tendencia negativa do 2020 e baixa o paro por segundo mes consecutivo.
-
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, resaltou hoxe que 5.260 establecementos galegos adheríronse ao Bono Activa Comercio posto en marcha para fomentar as compras de proximidade. Os comerciantes tiveron de prazo para formar parte desta iniciativa ata o 31 de maio, manténdose aínda aberto o período para a descarga dos bonos por parte dos clientes. Feijóo destacou que 126.000 galegos xa descargaron o bono para realizar as súas compras nestes dous primeiros meses, incidindo en que esta iniciativa, á que se pode ter acceso a través da web bonosactivacomercio.gal, continúa aberta para os consumidores.
-
Un Museo Centro Gaiás convertido en contorna virtual en 360º acolle a Maker Faire Galicia, que repite este ano cun formato enteiramente en liña no que argalleiros de sete países diferentes –España, A Arxentina, O Xapón, México, EE.UU., Portugal e O Brasil– presentarán os seus proxectos. Despois do éxito da pasada edición, na que se convertía nunha das primeiras Maker Faire do mundo en dar o salto dixital, o evento volve apostar por un formato totalmente de balde, 100% virtual, e máis global ca nunca, con preto de 4.000 inscritos, cifras que cuadriplican as da última edición.
-
A economía galega baixou no primeiro trimestre do ano por mor da covid-19 un 2,9%, un descenso que é 1,4 puntos inferior ao avanzado polo Instituto Nacional de Estadística (INE) para España (-4,3%). Ademais, o comportamento do PIB galego mellorou 4,7 puntos con respecto á taxa interanual rexistrada no cuarto trimestre de 2020. O Instituto Galego de Estatística (IGE) publica hoxe os datos de contabilidade trimestral referentes ao primeiro trimestre de 2021. En canto á taxa trimestral –é dicir, a evolución da economía en comparación co cuarto trimestre do ano 2020-, o IGE estima que o PIB galego rexistrou unha variación do 0,0% mentres que a economía española baixou no mesmo período un -0,5%, segundo a estimación realizada polo INE.
-
Galicia é unha das oito comunidades españolas que superaron en 2019 os niveis de investimento en I+D previos á crise e unha das nove que conta tamén con máis persoal neste eido en comparación con ese período. No Mapa de talento, Galicia avanza tres posicións ata situarse novena. A Comunidade progresa, por tanto, no seu obxectivo de avanzar tanto na I+D como na innovación co obxectivo de seguir afondando nun modelo económico baseado no coñecemento, máis resiliente e que promova sectores tecnolóxicos e especializados, axudando á vez, a evolucionar ao conxunto de sectores cara a unha economía máis innovadora. Un compromiso que se reflicte no orzamento deste ano que destina a este tipo de actuacións 227,5 millóns de euros, un 60% máis que en 2009.
-
Alberto Núñez Feijóo anunciou hoxe na rolda de prensa do Consello as novas medidas que entrarán vigor o vindeiro sábado, tras a reunión onte do comité clínico, e que hoxe mesmo serán enviadas ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia para a súa validación. Así, nun primeiro termo destacou que os concellos de Mos, A Pobra do Caramiñal e Lobios quedarán en nivel máximo de restricións e, polo tanto, estarán pechados perimetralmente, a hostalería permanecerá pechada e non estarán permitidas as reunións de non conviventes.
-
A nova aceleradora é un paso máis neste proxecto de cooperación transfronteiriza que une á Xunta, coa Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), a Autoridade Portuaria de Vigo, así como a Associaçao dos Portos de Douro, Leixões e Viana do Castelo, a Associaçao Empresarial de Portugal e a Cãmara Municipal de Vilanova de Famalição. O obxectivo é apoiar novos proxectos de emprendemento a partir da tecnoloxía, xa que se necesitan proxectos e solucións innovadoras que contribúan a mellorar a eficiencia deste sector. Constará de tres fases: lanzamento, selección e desenvolvemento efectivo, cun itinerario de aceleración ou consolidación das iniciativas.
-
A demanda turística en Galicia neste primeiro cuadrimestre do ano tivo unha mellor evolución que a media nacional e o descenso é 34 puntos inferior ao rexistrado no conxunto estatal. Así o reflicten os datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística (INE) que recollen que mentres que a caída da demanda a nivel nacional foi do 71% no período de xaneiro a abril de 2021 en Galicia foi do 37% respecto do mesmo período de 2020. Neste contexto Galicia sitúase como a terceira comunidade autónoma con mellor recuperación da súa demanda turística no que vai de ano, só por detrás de Navarra e Castela a Mancha.