Noticias
-
A Xunta consensuará cos representantes da hostalería galega os pasos que se van dar para a progresiva reapertura do sector no marco dunha desescalada gradual e segura, tal e como se acordou hoxe nun encontro entre os representantes da Administración autonómica e dos hosteleiros para coñecer as prioridades do sector nun proceso baseado na baixada de contaxios e que é froito dun esforzo colectivo. De feito, pese a que nos últimos días se incrementaron os controis sobre as restricións, as denuncias baixaron, proba do bo comportamento dos clientes e do interese dos profesionais por cumprir as normas do plan de hostalería segura.
-
Xunta e o Goberno luso coincidiron hoxe na necesidade de aproveitar os fondos europeos para impulsar as comunicacións entre Galicia e Portugal co AVE entre Vigo,Porto e Lisboa como prioridade. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, co director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, mantivo hoxe unha reunión en Melgaço coa ministra da Coesâo Territorial de Portugal, Ana Abrunhosa, para abordar as infraestruturas estratéxicas de comunicación transfronteiriza.
-
O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, sinalou na presentación da Unidade Mixta de Investigación FASTFly 2035, que impulsan o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e Star Defence Logistics & Engineering (SDLE), que esta iniciativa e o Polo aeroespacial de Galicia demostran que Galicia se pode posicionar na vangarda desta industria. Na súa intervención, Francisco Conde anunciou que no segundo semestre deste ano se lanzará unha nova convocatoria para seguir desenvolvendo programas de compra pública innovadora (CPI), vinculados ao Polo aeroespacial de Galicia, co obxectivo de seguir dando resposta a novos retos tecnolóxicos.
-
A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, valorou hoxe os datos do paro e destacou que Galicia continúa rexistrando menos persoas sen emprego que ao inicio da pandemia. Con respecto a abril, mes que marca o impacto inicial da crise sanitaria, hai 6.401 (-3,34%) desempregados menos. Galicia, ademais, pechou o mes de febreiro cunha baixada do paro do 0,41% con respecto a xaneiro do pasado ano, polo que a evolución positiva que viña rexistrando o mercado laboral galego nos meses de febreiro desde o ano 2014 continúa. O desemprego cae nas catro provincias, nas sete grandes cidades, excepto en Lugo que crece un 0,47%, nos sectores da construción (-3,15%) e da agricultura e pesca (-2,80%) e en todos os tramos de idade.
-
O director do Igape, Fernando Guldrís, salientou hoxe que as vendas no exterior dos produtos de sectores como a automoción, as conservas e o naval -con subas do 33,3%, 20,5%, e 34,6%- contribuíron de maneira decisiva ao volume alcanzado polas exportacións galegas en 2020. Así, ter superado por cuarto ano consecutivo os 20.000 millóns de euros en exportacións confirma a capacidade de resistencia do tecido produtivo galego. A recuperación das exportacións galegas se confirma cos resultados do segundo semestre do ano, no que as vendas aumentaron un 4,9% con respecto ao mesmo período de 2019, e cos do mes de decembro, nos que a suba foi do 6,8%. Esta evolución positiva supón un xiro na caída que experimentaron nos primeiros meses da pandemia.
-
A economía galega baixou no ano 2020 por mor da covid-19 un 8,9%, un descenso 2,1 puntos inferior ao avanzado polo Instituto Nacional de Estadística (INE) para España (-11%). O Instituto Galego de Estatística (IGE) publica hoxe os datos de contabilidade trimestral referentes ao cuarto trimestre. Esta taxa mellora as previsións realizadas polo Goberno galego o pasado mes de outubro cando actualizou o cadro macroeconómico correspondente ao ano 2020. Nese momento, as previsións realistas e prudentes da Xunta estimaban que o impacto na economía galega do coronavirus provocase unha caída do Produto Interior Bruto (PIB) do -9,7%.
-
Nas próximas semanas porase en marcha un programa con medidas específicas para reactivar o comercio de proximidade, que contará cun investimento de 20 M€. O presidente da Xunta explicou hoxe que este programa, que se está a ultimar co sector, contemplará medidas en dous grandes ámbitos. Por unha banda, iniciativas que impulsen a súa transformación dixital, cunha aposta clara polo comercio en liña. E, por outra, axudas para dar resposta ás necesidades máis inmediatas e contribuír a impulsar o consumo nas tendas. Sobre isto, Feijóo adiantou que se poñerá en marcha un programa de bonos desconto para mercar no comercio local.
-
O Foro Económico de Galicia, coordinado polo Grupo Governance and Economics Research Network (Gen), fixo públicos os datos do seu último Barómetro Exportador de Galicia (Baexga). A análise sectorial das exportacións en decembro de 2020 amosa “un crecemento das exportacións galegas dun 6,8% con respecto o mesmo mes de 2019. Un valor considerablemente superior ao rexistrado polo conxunto de España (un 0,9%)”. Con esta taxa de crecemento, indican en nota de prensa desde a entidade, “Galicia segue recuperando o nivel de exportacións anterior á pandemia, situándose nun 92,9% con respecto ao último nivel anual previo á covid-19. No conxunto do Estado a cifra mantense estancada no 89,5%”.
-
Galicia defende a estabilidade ou incremento das cotas de pesca nas augas compartidas co Reino UnidoGalicia defende a necesidade de manter ou incrementar as posibilidades de pesca tanto das especies principais como das accesorias en augas compartidas co Reino Unido co obxectivo de facilitar o labor das frotas galega e española que faenan neses caladoiros así como de permitir os intercambios de cotas con outros estados membros. Trátase dunha postura que expuxo hoxe a conselleira do Mar, Rosa Quintana, durante a súa participación por videoconferencia no Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea, ao que asistiu en representación das comunidades autónomas españolas xunto ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas.
-
O Foro Económico de Galicia, coordinado desde o campus de Ourense polo Grupo Governance and Economics Research Network (Gen), prevé que a economía galega medre entre un 4,8% e un 8,8% no 2021. Os escenarios prospectivos da entidade para este ano contemplan para Galicia dúas posibles evolucións dependendo fundamentalmente da evolución sanitaria da pandemia, da velocidade e eficacia do proceso de vacinación e, a partir de aí, da normalización da vida económica. “A evolución máis optimista suporía un crecemento do +8,8% do PIB e a pesimista un aumento do PIB ao redor do +4,8%.