Noticias
-
A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, valorou hoxe os datos do paro rexistrado destacando que por mor da Covid-19 o desemprego aumentou en todas as comunidades na evolución anual e que o incremento rexistrado en Galicia (14,69%) é máis de oito puntos inferior á media de subida do Estado (22,90%), o que sitúa á Comunidade como a cuarta na que menos ascendeu o desemprego respecto de decembro de 2019. Lado apuntou, ademais, que pese a que a pandemia está a impactar no mercado laboral galego, Galicia conta con 2.042 parados menos que no inicio do impacto da covid-19.
-
No uso de Internet, as diferenzas entre os homes e as mulleres galegas son mínimas: O 85,3% das galegas fronte ao 85,9% dos galegos utilizaron Internet nos últimos tres meses. O uso da Rede entre as mulleres galegas acada así a media que se rexistra na Unión Europea. En termos evolutivos, a fenda de xénero no uso de internet redúcese nun 80%, ao pasar de 3 puntos porcentuais a 0,6 entre 2016 e 2019. Cando se acada un nivel formativo secundario ou superior, o uso de internet é igual ou superior para as mulleres que para os homes. Atendendo á idade, o uso de Internet entre as mulleres supera ou iguala á porcentaxe de homes ata os 64 anos.
-
A Consellería do Mar vén de aprobar un total de 94 plans de xestión de marisqueo de recursos xerais para os próximos tres anos -entre 2021 e 2023- que definirán a actividade marisqueira das confrarías de pescadores e das entidades asociativas do sector en Galicia durante este período. Todos eles aparecen recollidos no primeiro Plan Xeral de Explotación Marisqueira con vixencia de tres anos que pon en marcha o Executivo galego e que sae publicado hoxe no Diario Oficial de Galicia, data na que tamén entra en vigor. Esta orde ten como obxectivo garantir que a explotación marisqueira na comunidade se realiza con todas as garantías e de xeito sustentable, tendo en conta tanto os aspectos medioambientais como os sociais e económicos.
-
O ingreso medio dos fogares galegos aumentou en 2019 un 4,3% ata situarse nos 2.290€ mensuais, o que supón o sétimo ano consecutivo no que medra este indicador económico. Ademais, é a cifra de ingresos máis alta de toda a serie histórica que se iniciou en 2007. Así o recolle a última Enquisa Estrutural a Fogares, publicada hoxe polo Instituto Galego de Estatística (IGE), que analiza a composición, a situación económica e o gasto que realizan os fogares de Galicia.
-
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, xunto co director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou esta tarde por videoconferencia na 64ª reunión do pleno da Conferencia para Asuntos Relacionados coa Unión Europea (CARUE). A Xunta solicitou neste encontro ao Goberno central que estableza as fórmulas necesarias para que Galicia teña representación directa na negociación sobre o reparto das cotas pesqueiras que lle corresponden á UE en augas británicas, dado o peso da comunidade galega neste sector no conxunto de España.
-
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, remitiu hoxe unha carta ao presidente do Goberno central, Pedro Sánchez, na que lle traslada a preocupación de Galicia pola incidencia que o acordo sobre o brexit entre a Unión Europea e o Reino Unido ten no sector pesqueiro galego e que supón un novo recorte da actividade da frota en augas de Gran Sol. Ante a incerteza existente, e dado o peso da comunidade no conxunto da actividade marítimo-pesqueira estatal, o titular do Executivo autonómico solicítalle ao Goberno central que Galicia teña presenza directa na representación de España nas futuras negociacións de TAC e cotas tanto no seo da UE como co Reino Unido co obxectivo de que os intereses galegos sexan escoitados.
-
O Complexo Hospitalario Universitario da Coruña vén de recibir por segundo ano consecutivo o Premio Best In Class ao mellor hospital de España na categoría de Centro de Alta Complexidade. Nesta ocasión, o CHUAC conseguiu tamén os premios aos mellores servizos de Microbioloxía, Reumatoloxía, Nefroloxía e á Unidade de Coidados Paliativos. O resto dos galardóns repartíronse entre o centro de saúde da Estrada que levou, por sexto ano consecutivo, o premio ao mellor centro de saúde de España; os servizos de Cardioloxía, Neuroloxía e a Unidade de enfermidades infecciosas de Pediatría do CHUS; e o servizo de Patoloxía Dixestiva do CHOP.
-
A Xunta lanza unha nova versión da aplicación PassCovid máis intuitiva e con novas funcionalidades. Así a app posibilita a autodeclaración de contactos para que as persoas que estiveran en contacto cun positivo poidan trasladar esta información desde o móbil ao Centro de Seguimento de Contactos. Outra das novidades é que se simplifica o acceso, evitando aos usuarios a obrigatoriedade de elixir entre usuario anónimo e identificado e, ademais, xa se está a activar progresivamente o rexistro en establecementos. Desde finais de outubro máis de 58.000 persoas descargaron PassCovid, unha app para axudar ao coidarnos fronte á Covid e unha canle de contacto permanente entre as autoridades sanitarias e a poboación.
-
A Consellería do Mar e representantes do sector pesqueiro galego concordaron hoxe en convocar un Consello Galego de Pesca extraordinario nos vindeiros días co obxectivo de analizar polo miúdo o acordo acadado entre a Unión Europea e o Reino Unido sobre o brexit e avaliar a incidencia que terá na economía da comunidade. Este encontro permitirá aos distintos actores do sector marítimo-pesqueiro de Galicia intercambiar as súas impresións sobre o acordo e deseñar a estratexia galega na defensa dos intereses do sector de cara a paliar na medida do posible os efectos negativos que terá de xeito directo na frota galega pola perda de cotas de pesca e outras derivadas da xestión e ordenación da pesqueiras.
-
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe a aprobación do decreto de prórroga dos actuais orzamentos, que se aplicará ata que entren en vigor as contas públicas aprobadas para 2021. Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo lembrou que os orzamentos prorróganse debido ao retraso na achega por parte do Goberno central da información necesaria para poder elaborar o teito de gasto. “Isto provocou a necesidade de prorrogar os orzamentos, polo menos, durante as primeiras semanas de 2021”, dixo, precisando que con esta prórroga garántese o normal funcionamento da Administración e dos servizos públicos que presta, como o sanitario, educativo e servizos sociais.