Noticias
-
A intensidade da terceira vaga da COVID-19 e as demoras no proceso de vacinación, están provocando un novo axuste á baixa na maioría das previsións de crecemento para 2021. Esta é unha das principais reflexións que recolle ‘A Economía Galega. Informe 2019-2020’, documento elaborado polo Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) da USC e que acaba de ver a luz coordinado polo profesor da USC Alberto Meixide. O PIB galego medrou un 1,8% en 2019, dúas décimas menos que no conxunto de España, pero cinco décimas máis que na Eurozona. Desde 2015 ata 2019 a taxa de crecemento do PIB, malia que positiva, vai sendo cada ano menor á do ano anterior e coa peculiaridade de que a taxa galega sempre (excepto en 2015) foi inferior á española.
-
As contas públicas de Galicia para o ano 2021 recibiron hoxe o visto e prace no Pleno do Parlamento galego. Estes orzamentos que son os máis altos da historia da Xunta, esgotan o teito de gasto e acadan os 11.563 millóns de euros, aos que hai que engadir 101 millóns no capítulo VIII de instrumentos financeiros. Ademais, o gasto en xuros de débeda sitúase por debaixo dos 100 millóns de euros, o máis baixo desde hai 25 anos. Os Presupostos deste ano inclúen o maior gasto social da historia da Comunidade que ascende a 8.540 millóns de euros, e o maior investimento produtivo que acada a cifra récord de 2.592 millóns.
-
O Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS) participa como socio no proxecto Multispectral Intelligent Vision System with Embedded Low-Power Neural Computing (MISEL), un novo consorcio europeo que aspira a permitir que as decisións tomadas polos sistemas intelixentes poidan realizarse sobre os propios dispositivos, sen necesidade de complexos sistemas externos de procesamento ou computación na nube.
-
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe o Pacto Social pola Vivenda 2021-2025, co obxectivo de mobilizar máis de 1.080 millóns de euros e chegar a 70.000 familias. Durante a sinatura, Feijóo aseverou que se dá así un paso adiante fundamental, consensuando as prioridades co sector e cos consumidores, dentro do Observatorio Galego de Vivenda. Estruturado en catro liñas estratéxicas e con preto de medio cento de accións que combinan medidas implantadas con 12 iniciativas novidosas, o titular da Xunta subliñou que para acadar todos os obxectivos prevese un investimento directo duns 433 millóns.
-
Celebrouse o Consello Consultivo de Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios que serve de preparación para o próximo Consello de Ministros de Pesca da UE, e no que Galicia demandou unha estratexia común para defender os intereses da frota do Gran Sol nas futuras negociacións de posibilidades de pesca tanto no seo da UE como co Reino Unido. Para os tres primeiros meses deste ano nas poboacións de peixes compartidas co Reino Unido se estableceron unhas cotas estables e proporcionais ás fixadas para 2020 e as cotas para despois dese período deben determinarse neste trimestre.
-
Tivo lugar a presentación do centro de innovación aberta en tecnoloxías móbiles avanzadas posto en marcha polo centro tecnolóxico Gradiant co apoio da Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia e Innovación. A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, felicitou a Gradiant pola posta en marcha deste laboratorio “unha iniciativa de gran valor para o ecosistema galego de innovación, especialmente para as pemes que disporán dunha contorna na que testar os seus produtos e servizos innovadores e contribuír así á modernización doutros sectores produtivos estratéxicos para Galicia, como os sectores primarios, a industria, a automoción ou o sector saúde”.
-
O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou no Consello Asesor da Civil UAVs Initiative, no que asegurou que o principal obxectivo do Polo Aeroespacial de Galicia 2025 é crear tecido industrial ao redor deste sector. Conde, que subliñou a importancia da colaboración público-privada desta iniciativa, agradeceu a súa implicación a todos os organismos, empresas, asociacións e colexios profesionais que forman parte e apoian este polo pioneiro en España no eido da industria aeroespacial. Destacou, ademais, que se trata dunha infraestrutura única polo seu tamaño, especialización, equipamento e pola súa capacidade de crecemento.
-
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, trasladou hoxe ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, a necesidade de que os intereses atlánticos e cantábricos do sector se teñan en conta na política agraria europea e no reparto dos seus fondos. Ao respecto, aseverou que Galicia está en contacto coas demais comunidades da Cornixa cantábrica para, “trasladar ao Ministerio unha proposta o máis pechada posible para que se teñen en conta as prioridades e os intereses atlánticos e cantábricos”.
-
“A economía galega amosa un mellor comportamento que a do conxunto do estado fronte ao impacto da pandemia da covid-19”. Esta é unha das conclusión do último Informe de Conxuntura Económica realizado polo Foro Económico de Galicia, entidade xestionada polo Grupo Gen da Universidade de Vigo. Segundo os datos correspondentes ao terceiro trimestre de 2020 recollidos na publicación, a comunidade autónoma presenta unha contracción do seu Produto Interior Bruto do -6,2%, fronte a -9% da media estatal, estando estes dous datos por baixo da media da Unión Europea (-4,2%).
-
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo hoxe unha reunión con deputados españois na Comisión de Pesca do Parlamento Europeo na que lles trasladou a folla de ruta deseñada por Galicia para a defensa dos intereses do seu sector pesqueiro ante o brexit e pediulles a súa colaboración para facer presión ante as institucións europeas e coñecer todos os detalles do acordo entre a Unión Europea e o Reino Unido -incluída a letra pequena- para avaliar o seu impacto real.