Noticias
-
A Comisión de Dirección Operativa de BioIncubatech fixo públicos os nomes das propostas seleccionadas na súa segunda convocatoria para formar parte desta bioincubadora de alta tecnoloxía. Son 21 proxectos ou pemes, doce pertencentes ao sector da saúde e nove ao agroalimentario. En total, recibíronse unha trintena de propostas chegadas de todo o mundo e aprobouse a entrada de seis proxectos internacionais. Dous dos proxectos proceden do Reino Unido, dous de Portugal, un de México e un da República Checa. Algúns proceden de centros de investigación de referencia internacional, como a University College de Londres ou o Laboratorio Ibérico Internacional de Nanotecnoloxía.
-
A Xunta e a compañía Indra deron comezo ás probas de voo finais do Targus, o avión opcionalmente pilotado (OPV) civil máis avanzado desenvolto ata a data en España no marco do Polo Aeroespacial de Galicia. A aeronave está preparada para dar apoio en misións de busca e rescate, extinción de incendios, protección medioambiental e do territorio e control de usos do solo, entre outras aplicacións. A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, acudiu ao Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas, en Lugo, para comprobar os traballos que se están realizando co dron. Os pasados meses de xuño e xullo, o Targus xa completou unha primeira serie de probas nas que demostrou a súa capacidade para ser pilotado en remoto desde terra e voar de forma autónoma.
-
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez, presentou hoxe no Parlamento o teito de gasto non financeiro para o ano 2021, que foi aprobado pola Cámara autonómica. En global, o teito de gasto sitúase en 11.664 millóns de euros, cun aumento de 1.516 millóns respecto ao Orzamento deste exercicio, o que supón un crecemento do 14,9%. Deste importe, 11.012 millóns de euros correspóndense con ingresos non financeiros; 685 millóns proceden do obxectivo de déficit e os 33 millóns restantes son axustes negativos de contabilidade nacional.
-
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, presentou hoxe os proxectos vinculados ao eido da automoción incluídos na proposta de Galicia aos fondos europeos e que prevén a mobilización de 1.300 millóns de euros e a creación de 900 novos empregos. Durante a súa participación, esta mañá, na reunión de constitución do grupo de traballo sectorial de automoción Next Generation Galicia-AutoAncora, Feijóo salientou que estas iniciativas se presentan con tres socios “potentes”: “Cun socio tecnolóxico como o CTAG; cunha industria de máis de 130 empresas, agrupadas no Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga); e cunha das grandes factorías de construción de vehículos, o Grupo PSA”
-
O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou en rolda de prensa que a Xunta apoiará aos establecementos da hostalería pechados debido ás restricións provocadas pola covid-19 cunha liña de axudas de entre 2.200 e máis de 7.000 euros. Tras lembrar as reunións mantidas con representantes do sector na busca de solucións e anunciar a apertura dunha Mesa da hostalería para perfilar esta liña de axudas, Feijóo explicou que o abano oscila entre “como mínimo 2.200 euros no caso dun autónomo propietario dun bar ou dunha cafetería sen empregados” e máis de 7.000 euros no caso dun autónomo que teña empregados nesa cafetería, nese bar ou nese restaurante.
-
Este xoves e venres organízase desde a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense o XXII Seminario Hispano-Luso de Economía Empresarial, iniciativa do Círculo Ibérico de Economía Empresarial (Cibecem). A cita, que se celebra a través do Campus Remoto da UVigo debido á situación sanitaria provocada pola covid-19, está considerada como punto de encontro anual das e dos investigadores no eido da economía empresarial das universidades da raia lusa e española e conta coa participación de arredor de 200 persoas.
-
Pese a este aumento, e, segundo destacou a directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, no Estado o desemprego crece case o dobre que na comunidade galega, que se sitúa como a terceira autonomía na que menos aumenta o paro. En concreto, en España medra o paro nun 20,40%, polo que o ritmo de subida en Galicia é máis de 10 puntos inferior. Lado valorou hoxe os datos de paro rexistrado destacando que os efectos da covid-19 continúan impactando no mercado laboral. Pese a este aumento, sinalou que Galicia conta con 10.322 parados menos que ao inicio do impacto da pandemia.
-
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a aprobación do teito de gasto para 2021: 11.664 millóns de euros, centrados na loita contra a pandemia e na reactivación económica. “Este teito de gasto é excepcional, por ser o máis alto da serie histórica, polos recursos extraordinarios que imos recibir de fondos europeos e tamén pola cobertura do 1,1% do déficit público que decidiu o Goberno central para as comunidades autónomas”, abundou, engadindo que “ten como obxectivos afrontar a pandemia sanitaria, a reactivación da economía e, na medida das nosas posibilidades, axudar ás familias, autónomos e pemes que están sufrindo a crise económica e social nos seus propios fogares”.
-
O vicepresidente primeiro Alfonso Rueda, trasladou hoxe ao Goberno central a solicitude de redución do IVE turístico ao 4% para axudar ao sector durante a pandemia. Alfonso Rueda, acompañado pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou por videoconferencia na reunión de responsables da marca turística España Verde, no que están integrados os gobernos de Asturias, Cantabria e País Vasco, que xunto con Galicia, integran a marca España Verde, e onde está tamén Turespaña. A premisa da reunión é seguir traballando en proxectos conxuntos aproveitando o modelo turístico común entre estas rexións coa meta de reactivar o turismo do norte peninsular.
-
A Xunta celebra que o Proxecto de Orzamentos Xerais do Estado atendan, por fin, as demandas que a Administración autonómica vén facendo en relación coa AP-9, a supresión da peaxe de Redondela e rebaixas nas peaxes da autoestrada; e agarda, que nesta ocasión, non quede en promesas incumpridas. O Goberno galego acadou, no ano 2018, o compromiso do Goberno de España, presidido por Mariano Rajoy, de liberación da peaxe de Redondela que, ao fin, aparece recollido nas contas presentadas no día de hoxe ante o Congreso.