Noticias
-
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno galego traballa nun Plan Estratéxico da Década Xacobeo 2021-2032 co obxectivo de contar cunha folla de ruta que aproveite as sinerxias dos tres próximos anos santos. Alfonso Rueda compareceu esta mañá na Cámara galega, a petición propia, para explicar as previsións e liñas xerais de actuación do seu departamento nesta lexislatura 2020-2024, onde indicou que o turismo é un dos sectores clave para a recuperación económica da nosa comunidade polo que se potenciara o Xacobeo como oportunidade única para a proxección exterior de Galicia, de maneira que se buscarán e potenciarán proxectos que se prolonguen no tempo e sexan mais sustentables e fortalezan a marca Galicia.
-
A Xunta de Galicia, empresarios e sindicatos referendaron hoxe un pacto, materializado nunha declaración institucional, para intensificar o diálogo social centrado na competitividade e nas políticas de emprego. “Hoxe vimos de reactivar se cabe con maior intensidade o marco do diálogo social, cun compromiso pola competitividade empresarial e polas políticas de emprego”, destacou o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, apelando, nun momento de extraordinaria dificultade, á responsabilidade das organizacións sindicais, da organización empresarial e da Administración autonómica.
-
A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou nas demostracións que a empresa Boeing realizou no seu laboratorio de simulación de continxencias de voo situado nas instalacións do Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR) -en Castro de Rei, Lugo- de cada un dos sistemas desenvoltos no marco do contrato de Compra Pública Pre-comercial Galician SkyWay. Un programa de I+D que desenvolve coa colaboración de diferentes empresas e centros de investigación, cunha alta complexidade tecnolóxica, que busca solucións avanzadas para a seguridade do tráfico aéreo non tripulado en espazos compartidos con aeronaves tradicionais.
-
O 88,1% dos fogares galegos ten un servizo de Internet contratado, segundo se recolle no estudo A Sociedade da Información nos fogares galegos. Edición 2019. Esta porcentaxe supón un incremento dun 11,9% respecto ao ano 2016. No mesmo período, Galicia presenta un ascenso superior ao observado a nivel europeo (5,9%) e moi semellante ao crecemento da media estatal (11,6%). Cómpre destacar como a convivencia con nenos eleva, considerablemente, a porcentaxe de contratación de Internet. O 99% dos fogares con nenos e nenas en idade escolar obrigatoria teñen Internet contratado mentres que nos fogares sen menores de 6 a 16 anos a porcentaxe descende ata o 84,7%.
-
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe, na rolda de prensa do Consello, a primeira emisión de bonos sostibles da Comunidade, por un importe de 500 millóns de euros. “Trátase de bonos que estarán integramente orientados aos investimentos sociais e medioambientais, á economía verde e vinculados tamén á Axenda 2030”, aseverou, precisando que soamente se poderán utilizar para as enerxías renovables, a eficiencia enerxética, a xestión sostible dos recursos naturais, o transporte limpo ou a xestión sostible da auga. Así mesmo, estes recursos tamén poderán ser empregados en cuestións sociais, como a mellora da accesibilidade no mundo rural, o acceso a servizos esenciais, o acceso á vivenda ou a xeración de emprego.
-
O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou hoxe o Polo Aeroespacial de Galicia onde se está a acometer a primeira fase de construción do parque tecnolóxico e industrial, que alcanzará unha superficie de 31.000m² e terá capacidade para albergar unha quincena de naves. Acompañado por representantes do Instituto de Técnica Aeroespacial (Inta), o vicepresidente económico puido comprobar a marcha desta primeira fase, na cal se está a traballar sobre unha área inicial de 3.000m² onde Babcock xa está a piques de rematar a construción do seu hangar e Indra fará outro.
-
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, mantivo hoxe en Oviedo unha xuntanza co presidente do Principado de Asturias, Adrián Barbón, na que entre outros asuntos analizaron o novo período de financiamento europeo e acordaron traballar conxuntamente para lograr unha aterraxe suave dos fondos que reciben ambas rexións procedentes da Unión Europea. En pleno proceso de definición da asignación do período 2014-2020, as primeiras previsións indicaban que Galicia e Asturias serían as rexións que perderían máis financiamento comunitario, unha cuestión especialmente gravosa na actual situación de pandemia e do seu impacto na economía e no emprego.
-
A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, valorou esta mañá a evolución do paro rexistrado no mes de agosto –que sobe lixeiramente como ocorre coa media estatal–, así como os datos de afiliacións á Seguridade Social que volven medrar por cuarto mes consecutivo (entre maio e agosto) e permiten recuperar o emprego perdido nos meses de marzo e abril. Así, se temos en conta as afiliacións medias, Galicia suma en agosto 7126 cotizantes máis (+0,71%) ata chegar a 1.012.794 afiliados, o que se traduce en 230 afiliacións ao día.
-
Galicia suma un novo piloto 5G que permitirá desenvolver 14 casos de uso con esta tecnoloxía na Comunidade. O Ministerio de Economía e Transformación Dixital publicou este mes de agosto a resolución da adxudicación da segunda convocatoria de axudas para probar esta tecnoloxía que outorga ao operador Orange unha axuda pública de 9 millóns de euros para realizar un piloto 5G que abrangue 14 casos de uso destas redes sen fíos. Trátase do segundo proxecto de maior importe dos oito concedidos en España nesta nova convocatoria.
-
Por primeira vez no seu medio século de historia, a Conferencia Europea en Intelixencia Artificial, un dos congresos científicos máis importantes do mundo no seu ámbito, desenvólvese como un evento dixital e en aberto. O encontro, organizado pola USC a través do seu Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS), conta con miles de asistentes dos cinco continentes. En total, serán máis de 300 horas de contidos entre o 29 de agosto e o 8 de setembro. O principal foro europeo sobre investigación en Intelixencia Artificial (IA) celebrarase por primeira vez como un evento completamente dixital, pero coa cidade de Santiago como pano de fondo.