Noticias
-
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén de publicar o Plan de Acción en Software Libre 2021, que recolle diferentes actuacións co obxectivo de fomentar e promover o uso e reutilización de software libre na administración pública, o impulso dunha oferta de solucións libres e de calidade para as nosas empresas, e incrementar o uso e coñecemento do software libre por parte da sociedade. Como xa vén sendo habitual, unha parte moi importante destas actuacións desenvolveranse en colaboración dos principais axentes do ecosistema de software libre galego. Así asináronse convenios coa Asociación Galega de Empresas de Software Libre (AGASOL); coas Asociacións Galegas de Usuarios de Software Libre (AGUSL); e co Consorcio para o desenvolvemento de aplicacións Informáticas de Xestión Universitaria de Galicia (CIXUG), integrado polas tres universidades galegas.
-
O Foro Económico de Galicia, coordinado desde o campus de Ourense da Universidade de Vigo polo Grupo Governance and Economics Research Network (Gen), reuniu este venres na xornada A Galicia Dixital de 2040 'a un nutrido grupo de expertos tecnolóxicos para dar resposta ás preguntas chave sobre o estado de dixitalización da economía galega'. Nela, os seus especialistas advertiron de que 'nos próximos 20 anos con seguridade produciranse transformacións tecnolóxicas a unha escala maior do coñecido'.
-
Galicia segue a recuperar os resultados positivos das súas vendas ao exterior. Unha tendencia que xa comezou a reflectirse nos últimos meses do ano, e que se consolida agora nos primeiros meses deste exercicio. Así, e como amosan os últimos datos dispoñibles, as exportacións galegas de maio duplicáronse con respecto ao mesmo mes do ano anterior (+109,7%), permitindo acadar nesta ocasión os 2100 millóns de euros. Un dato, que sendo bo, mellora en comparación co total de España. No conxunto do Estado, as exportacións en maio medraron á metade de ritmo que en Galicia: a media nacional de crecemento neste mes con respecto ao mesmo período do ano pasado sitúase nun 55,3%.
-
Establecer unhas liñas e criterios que permitan unha ordenación do Sistema Universitario de Galicia (SUG) racional e acorde coas necesidades da comunidade para levar o ensino universitario galego “ás máis altas cotas de competitividade, calidade e excelencia” é a meta coa que nace o acordo asinado este mércores por USC, UDC, UVigo e Xunta de Galicia. O documento presentado polo reitor da USC Antonio López; o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez; e os reitores da UDC, Julio Abalde; e da UVigo, Manuel Reigosa define, baixo a premisa da flexibilidade, os criterios polos que se rexerán as titulacións do SUG a implantar ata o ano 2026.
-
O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo en Madrid unha reunión de traballo co director xeral do Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (Inta), José María Salom, para avanzar no deseño da Estratexia do Polo Aeroespacial de Galicia 2021-2025. Na cita, na que tamén estivo presente a directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, destacouse a importancia de contar coa colaboración do organismo público dependente do Ministerio de Defensa para posicionar Galicia, a través das instalacións situadas en Castro de Rei (Lugo), como un referente no sector e impulsar así o seu crecemento económico.
-
O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, unha nova convocatoria do Bono Autónomo cun orzamento de 5,5 millóns de euros para beneficiar a 2.000 profesionais con axudas de ata 3.000 euros. Tras destacar que a iniciativa se pon en marcha por quinto ano consecutivo e que o único requisito será unha antigüidade superior aos 42 meses, Feijóo avanzou que a convocatoria se abrirá nas vindeiras semanas “apoiándose os gastos que se teñan realizado desde o día seguinte da súa publicación ata o 31 de decembro de 2021”.
-
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, avanzou hoxe en sede parlamentaria que o próximo venres o DOG publicará as bases da convocatoria do 3º Plan de Rescate co que a Xunta porá a dispor de autónomos e empresas 234,4 millóns de euros de fondos transferidos polo Estado. Con estes novos apoios directos do 3º Plan, aprobado en Consello o 2 de xuño, a Xunta, a través dos diferentes departamentos, terá posto a dispor de autónomos e empresas máis de 560 millóns de euros en axudas directas.
-
Durante a reunión adoptouse unha declaración a prol da cohesión socioeconómica e territorial nas rexións atlánticas, que este ano viron as súas economías dobremente afectadas pola pandemia e o Brexit. A declaración sinala que estas rexións teñen unha grande oportunidade na economía marítima en todas as súas facetas, tales como os portos, a conservación dos mares, os recursos pesqueiros e o turismo sostible. Ademais, este foro que reúne rexións de Irlanda, Reino Unido, Francia, Portugal e España reivindica a necesidade de que a Estratexia Marítima Atlántica evolucione hacia unha macrorrexión atlántica.
-
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe novos pasos adiante en hostalaría, reunións, campamentos e albergues e anunciou a revisión integral e homoxénea de todas as normas das actividades afectadas pola covid-19. 'Imos levar a cabo unha revisión integral para ter unha nova regulación completa e homoxénea que actualice todas as limitacións; unha nova regulación integral de todas as actividades: hostalería, actividades culturais, actividades deportivas e actividades reguladas con peche completo como poden ser os parques acuáticos, etc', dixo, baixo a previsión de que entre en vigor neste mes de xuño.
-
Tivo lugar esta mañá o acto de presentación da sexta edición de Unvex, a maior feira de drons que se celebra en España. A iniciativa levarase a cabo do 7 ao 9 de xullo na Cidade da Cultura co obxectivo de reunir aos profesionais do sector para abordar o crecemento da industria e analizar os principais desafíos para os próximos anos, poñendo especial atención no uso dos vehículos non tripulados nos servizos públicos que presta a Administración. Unvex 2021 supón un grande escaparate para os avances que se van producindo na industria galega, como por exemplo a iniciativa pioneira en Europa do Polo Aeroespacial de Galicia.