Noticias
-
O ano 2021 pechou en Galicia marcado pola recuperación do mercado laboral. Así o destacou hoxe a directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, quen sinalou que o número de parados -152.584- continúa a niveis precovid-19 e é a cifra máis baixa nun mes de decembro de toda a serie histórica de datos (1996). Respecto ao inicio da pandemia (febreiro 2020), o desemprego reduciuse nun -8,21%, un ritmo de baixada que case duplica ao do Estado (-4,32%). Na evolución anual, Lado sinalou que a caída do desemprego en 37.003 persoas (-19,52%) e o maior descenso desde 1996, tanto en termos relativos como absolutos, unha caída que, segundo subliñou, permite a Galicia acumular nove meses consecutivos de baixada do paro.
-
O II programa Muller e Ciencia 2016-2020 da Xunta de Galicia tivo impacto directo na carreira profesional de 544 mulleres: 520 incorporáronse ao ámbito investigador e 20 conseguiron unha promoción para desenvolver postos de carácter directivo. O balance deste programa, do que a Xunta está a preparar a terceira edición, evidencia deste xeito a súa efectividade cara a avanzar na presenza feminina nestes sectores e na rotura das fendas de xénero inda existentes. Grazas ao II programa Muller e Ciencia promovido pola Unidade Muller e Ciencia desenvolvéronse en Galicia máis dun cento de actuacións por parte de diferentes departamentos da Xunta que alcanzaron a máis de 10.000 persoas de diferentes colectivos.
-
O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou que o novo Plan estratéxico de Galicia prevé acadar no ano 2030 a plena converxencia da Comunidade con España en termos de renda per cápita dos fogares, reducir ao 8% a taxa de paro e diminuír a metade a taxa de paro xuvenil. Así se desprende, abundou, do informe avaliado esta mañá no Consello da Xunta que tamén prevé un crecemento medio do PIB de entre o 2% e o 2,5% anual. A este respecto, Feijóo explicou que esta folla de ruta para a vindeira década ten 5 eixes prioritarios: o reto demográfico, a Galicia verde e sostible, a competitividade e o crecemento, a cohesión social e territorial, por último, a gobernanza.
-
O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), Marcos Araújo, reuníronse con representantes das forzas e corpos de seguridade para coordinar o dispositivo de control das medidas contra a covid, tendo en conta as restricións aprobadas polo comité clínico e as acordadas nas reunións con representantes da hostalería e o do lecer nocturno. Será obrigatorio solicitar o certificado covid para acceder aos locais de hostalería durante todo o día.
-
Galicia volveu confirmar en novembro o excelente ritmo de recuperación da demanda turística hoteleira galega, rexistrando preto de 231.000 viaxeiros aloxados nos hoteis galegos onde pasaron máis de 434.000 noites, unhas cifras que triplican as acadadas o ano pasado. Galicia segue así á cabeza da recuperación da demanda turística hoteleira a nivel nacional, só por detrás de Asturias, segundo recolle o INE na súa Conxuntura Turística Hoteleira de novembro. O novo informe destaca que Galicia mantense nos postos de cabeza da recuperación turística tanto este mes de novembro, con case as mesmas cifras de viaxeiros que en novembro de 2019, como no acumulado do ano.
-
As contas públicas de Galicia para o ano 2022 recibiron hoxe o visto e prace no Pleno do Parlamento galego. Estes orzamentos son os máis altos da historia da comunidade e ascenden a 11.627 millóns de euros para pasar da reactivación á recuperación económica e reforzar o crecemento san. En materia de política fiscal, os presupostos do vindeiro ano inclúen novas rebaixas de impostos no IRPF, no Imposto de Transmisións Patrimoniais (ITP) e no Imposto de Patrimonio que se suman a todas as aprobadas nos últimos anos. A Xunta leva aprobadas tres rebaixas na tarifa autonómica do IRPF en oito anos -2014, 2016 e 2022- co que as rendas máis baixas pagarán no ano 2022 un 22% menos de IRPF que no 2009.
-
Celebrado o acto institucional de inauguración da liña de Alta Velocidade ferroviaria Madrid-OurenseO presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, salientou que a chegada do AVE a Ourense é un novo éxito colectivo e animou a concluílo para aproveitar ao máximo este activo de valor incalculable. No acto institucional de inauguración da liña Madrid-Ourense, que contou coa asistencia da Súa Maxestade O Rei Felipe VI, Feijóo celebrou a chegada dun momento histórico tras alcanzar unha meta longamente agardada e tamén intensamente demandada. 'Para os galegos é un antes e un despois. Supón competir en termos de igualdade co Mediterráneo, o Sur e, en definitiva, coa maior parte de España', expresou.
-
Galicia segue a recuperar os resultados positivos das súas vendas ao exterior, ata o punto de que xa logra, nos dez primeiros meses do ano, superar por quinto exercicio consecutivo, os 20.000 millóns de euros en exportacións. En concreto, e tal e como amosan os últimos datos dispoñibles publicados hoxe polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, as exportacións galegas aumentaron, entre xaneiro e outubro, nun 22,8%, ata acadar os 20.600 millóns. Deste xeito, supéranse tamén os niveis previos á pandemia da covid-19 cunha suba de preto do 13% fronte ao mesmo período de 2019.
-
A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, expuxo na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia que as estimacións realizadas pola Consellería do Mar sobre os recortes nos totais admisibles de capturas (TAC) e cotas no Cantábrico Noroeste e en augas de Francia aprobados no Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea desta semana teñen un posible impacto na economía galega de máis de 16 millóns de euros, incluindo o impacto nas actividades vencelladas co sector marítimo-pesqueiro galego, que ten incidencia dalgún xeito en 64 das 81 ramas de actividade económica da comunidade.
-
Galicia rexistrou durante esta ponte unha ocupación media ata o luns dun 75-80%, onde destaca a ocupación por riba do 90% nos hoteis de 4 estrelas ou superiores, así como nos que ofertan spa ou similares, ademais do turismo rural, no que algúns establecementos da provincia de Ourense acadaron o 100%. O sábado rozouse a plena ocupación en boa parte dos destinos galegos, cifras que foron baixando paulatinamente nas noites de domingo e luns.