Noticias
-
Galicia pechou o ano 2021 como a terceira comunidade autónoma de réxime común con menor ratio débeda/PIB, logo de reducir este indicador un punto en relación ao ano anterior, tal e como mostran os datos de débeda segundo o Protocolo de Déficit Excesivo (PDE) correspondentes ao cuarto trimestre do ano publicados hoxe polo Banco de España.En concreto, a ratio débeda/PIB de Galicia baixou ata o 18,5%, en niveis prepandemia, fronte ao dato do 19,5% do peche do ano 2020. Desta forma, o organismo regulador volve situar á Comunidade Autónoma galega como a terceira de réxime común con menor endebedamento de toda España.
-
O Foro Económico de Galicia, coordinado polo Grupo Governance and Economics Research Network (Gen) da Uvigo, presentou en Santiago de Compostela o seu Informe de Conxuntura Socioeconómica I/2022. Nel destácase que 'Galicia consolida a reactivación económica' aínda que a súa recuperación 'segue a ser incompleta'. O documento, elaborado trimestralmente polos expertos do Foro Económico de Galicia Patricio Sánchez e Santiago Lago (ambos profesores da Universidade de Vigo) e Fernando González Laxe e José Francisco Armesto, 'debuxa un escenario de consolidación da reactivación económica ao presentar unha medra do 5,2%, o que supón unha décima máis que a media española', segundo indican en nota de prensa desde o foro.
-
A Xunta e os actores da cadea loxística de Galicia consensuarán as achegas desde Galicia á Lei que prepara o Goberno de España para aplicar ao sector de transporte de mercadorías por estrada os principios da Lei da cadea alimentaria. O obxectivo desta iniciativa é achegar propostas construtivas e adiantarse para que nesa lei se tomen en consideración as características diferenciais de Galicia, tendo en conta que o sector, aquí, está moi atomizado. A Xunta, os transportistas, distribuidores e cargadores impulsarán unha mesa xeral de diálogo para identificar os principais puntos críticos da cadea do transporte e da loxística en Galicia.
-
O polo desenvolverá unha etapa de aceleración intensiva con consultarías individuais, grupais e accións de mentorización en eidos tanto tecnolóxicos como de márketing, dereitos ou financiamento, entre outros. Tamén está prevista a organización de diferentes xornadas de innovación, dun evento final de presentación de proxectos e dun programa para a xestión da mobilidade internacional, así como unha consultaría de seguimento. Poderán optar a ser entidades colaboradoras entidades asociativas con personalidade xurídica e sen ánimo de lucro, que conten con experiencia no ámbito dos videoxogos e, en concreto, na organización de actividades de difusión deste sector en Galicia.
-
O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe o reforzo do Plan de Choque da Xunta co compromiso de axudas directas para os sectores agropecuarios máis afectados pola alza descontrolada dos prezos derivada da invasión rusa de Ucraína, no caso de Galicia especialmente o sector do vacún de carne e de leite. Tamén se reforzou este plan coa ampliación do Programa Renove Automoción. Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo instou ao Estado a deseñar conxuntamente coas comunidades un paquete de axudas directas destinadas ao conxunto do sector gandeiro español, tendo en conta a súa importancia económica, social e medioambiental en Galicia.
-
Unha vintena de concellos galegos con alta produción láctea e cinco organizacións agrarias veñen de asinar senllas cartas promovidas pola Consellería do Medio Rural para instar á ministra de Transportes a que se reúna cos convocantes do paro que leva días afectando o sector primario. En concreto, como medida que consiga un desbloqueo inmediato da situación, piden que se abra unha liña de diálogo cos transportistas que, no caso da nosa comunidade, son pequenos e medianos empresarios que se encontran -segundo se sinala en ambas misivas- nunha situación insostible derivada da alza dos prezos dos combustibles.
-
O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe a posta en marcha dun plan de choque para paliar a situación económica agravada pola guerra en Ucraína, coa ampliación do bono social térmico e con medidas específicas para o rural e a pesca. Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo referiuse en primeiro lugar á axilización do lanzamento do bono social térmico, que beneficiará a máis de 66.400 familias que recibirán un ingreso único para os gastos de calefacción, auga quente e cociña.
-
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo hoxe unha xuntanza con representantes das principais entidades asociativas da frota galega para abordar a situación do sector ante a escalada nos prezos dos combustibles. Nela a titular de Mar expuxo a necesidade de actuar con celeridade e de adoptar medidas que teñan un efecto inmediato no sector, polo que demandou a convocatoria urxente dunha Conferencia Sectorial de Pesca por parte do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para que o Executivo do Estado e as comunidades autónomas poidan avaliar distintas medidas a adoptar para afrontar o encarecemento do gasóleo, agravado nas últimas semanas pola guerra en Ucraína.
-
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, puxo en valor o potencial e o peso da cadea mar-industria na economía de Galicia e defendeu a necesidade de que se adopten medidas específicas para os sectores máis afectados polo encarecemento dos carburantes, entre eles a pesca. Esta foi unha das demandas de Galicia expostas na Conferencia de Presidentes celebrada a pasada fin de semana e na que a comunidade galega tamén solicitou baixar os impostos que gravan os carburantes, a electricidade e o gas dentro dos parámetros que permite a Unión Europea para aliviar a situación da industria, da frota e da cidadanía.
-
O titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, trasladou o apoio inequívoco ao Goberno na posición exterior de España dentro da UE e da OTAN e reclamou unha baixada concreta dos impostos que gravan o prezo da luz, o gas e os hidrocarburos. Durante a súa participación na XXVI Conferencia de Presidentes Autonómicos, Feijóo fixo fincapé nun primeiro termo na importancia de dar unha resposta coordinada á crise humanitaria, provocada pola guerra en Ucraína. E, sobre este punto, demandou a concreción dun Plan nacional de acollida de refuxiados que permita darlles unha acollida digna e sostible no tempo.