Noticias
-
Un total de 29 itinerarios galegos pertencentes a 19 municipios e cunha extensión total de máis de 220 quilómetros terán este ano o recoñecemento internacional de sendeiro azul. Este balance converte a Galicia, unha vez máis, na Comunidade española co maior número de distintivos deste tipo, un galardón que a Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac) concede desde hai varios anos para recoñecer o papel das sendas e camiños como un recurso valioso para gozar da natureza, realizar actividades deportivas e de ocio ao aire libre e interpretar ambientalmente a contorna.
-
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, pediu hoxe ao Goberno central concreción e obxectividade para converter o Perte do naval nunha oportunidade para un sector 'clave para Galicia e que ten moito que achegar'. 'Así llo trasladarei ao presidente do Goberno', aseverou, incidindo en que os estaleiros galegos son competitivos, saben captar investimentos e apostan pola internacionalización. Durante a xornada de clausura de Navalia no Ifevi, Rueda reiterou o compromiso da Xunta con esta industria, reflectido no impulso da nova Estratexia Naval 2022-2026, elaborada en colaboración co sector, co fin de potenciar o seu crecemento e a súa diversificación, a través da transformación dixital, a sustentabilidade e a formación.
-
O tecido empresarial galego investiu en 2021 un total de 545 millóns de euros en tecnoloxía, 88 millóns de euros máis que o ano anterior, o que representa un incremento porcentual do dun 19,4 %. As microempresas destinaron a maior parte do seu orzamento TIC a bens tecnolóxicos mentres o investimento principal das empresas de 10 ou máis empregados destinouse a servizos e consultas tecnolóxicas. Son parte dos datos recollidos no informe 'Galicia. A economía en dixital. A Sociedade da Información nas Empresas de Galicia', publicado hoxe polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia, adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia no marco do convenio de colaboración, asinado entre a Axencia, o Instituto Galego de Estatística (IGE) e o INE.
-
A Axenda Galega de Capacidades para o Emprego constitúe un gran pacto social que permitirá adaptar a capacitación profesional da forza laboral galega ás necesidades do mercado de traballo. Este instrumento, da man do Estudo de Tecnoloxías Emerxentes que vén de rematar a Consellería de Emprego e Igualdade, está a permitir detectar as carencias formativas de traballadores e traballadoras da comunidade, para avanzar no deseño de actuacións con maior encaixe no actual contexto.
-
Esta nova iniciativa, encamiñada a axilizar a consolidación dos estudios seleccionados e a saída ao mercado dos seus produtos, arrancará cunha etapa de aceleración intensiva con consultorías individuais, grupais e accións de mentorización en eidos tanto tecnolóxicos como de márketing, dereitos ou financiamento, entre outros. Contarase para tal fin coa experiencia e o coñecemento de profesionais de referencia a nivel estatal e internacional, tanto nesta industria como noutras áreas do emprendemento. Tamén está prevista a organización de actividades de innovación, de eventos de presentación de proxectos e dun programa para a xestión da mobilidade internacional.
-
O número de parados -150.062- é o máis baixo nun mes de abril de toda a serie histórica (1996) e o menor desde o verán do ano 2008. Ademais, a caída na evolución anual do -11,81% é tamén a maior desde 1996. Con respecto a abril de 2021, o desemprego tamén cae nas principais variables: nas catro provincias galegas e nas sete grandes cidades; e en todos os sectores económicos, liderando o descenso a industria (-15,47%), seguido da construción (-14,47%), dos servizos (-12,29%) e da agricultura e a pesca (-7,35%).
-
Este evento pretende fomentar a innovación no agro galego e contribuír, ao tempo, á difusión de diferentes proxectos que camiñan nesta liña. Trátase, así mesmo, de coñecer a experiencia de distintos expertos na materia, todo nun ambiente distendido e lúdico, que pretende facer o máis atractivas posible as xornadas de debate. Así, o programa deste Spin Rural, que ten un aforo limitado, inclúe charlas, mesas redondas, encontros de negocio e conversas entre especialistas, combinadas todas elas con degustacións de produtos galegos de calidade diferenciada e outras citas de carácter lúdico.
-
Arredor de 70 estudantes de oito centros educativos de Galicia danse cita durante a xornada de hoxe nas instalacións do centro de investigación aeroportada de Rozas ( CIAR), para participar na fase galega do certame de proxectos espaciais CanSat, unha competición promovida pola Axencia Espacial Europea na que os alumnos realizan unha simulación dun satélite desde a súa concepción ata o lanzamento ao espazo e posterior recollida de datos. A Xunta de Galicia apoia por terceiro ano consecutivo a organización da fase galega desta xornada da cal sairán os representantes que acudirán á competición a nivel estatal.
-
O traballo conxunto da Xunta e das tres universidades galegas para analizar o impacto das tecnoloxías intelixentes na cidadanía e no tecido empresarial, así como para identificar os marcos éticos e normativos axeitados para garantir os dereitos das persoas, consolidan a Galicia nunha posición de vangarda na aplicación da intelixencia artificial. Representantes de Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia reuníronse en Santiago cos responsables de sete grupos de investigación das universidades galegas para avanzar na elaboración do 'Estudo do marco ético-normativo e o potencial impacto do uso das tecnoloxías intelixentes'.
-
O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, compareceu hoxe no Pleno do Parlamento para presentar a nova Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia ata 2027, que sitúa a sustentabilidade, a innovación e as persoas como os eixes das políticas de I+D+i da Xunta cunha mobilización extraordinaria de fondos de case 5000 M€ de investimento público-privado. Na súa intervención Conde explicou que, con respecto á anterior RIS3 (2014-2020), esta nova estratexia crece tanto en obxectivos como en recursos por exixencias do contexto de transformación enerxética e dixital que apremia a facer unha aposta aínda maior pola I+D+i.