Noticias
-
Galicia pechou o mes de xuño con 140.932 persoas sen emprego, a terceira cifra máis baixa de toda a serie histórica de datos (1996). De feito e, tal e como apuntou a directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, só houbo menos paro en xullo e agosto de 2007 con 139.998 e 140.299 desempregados respectivamente. Lado, quen fixo hoxe unha valoración dos datos, destacou que o paro descendeu na evolución anual e mensual, e nas principais variables: en todos os sectores de actividade, nas catro provincias e nas sete grandes cidades. Tamén salientou o comportamento favorable dos colectivos con máis dificultades para atopar un emprego.
-
O Presidente Alfonso Rueda, trasladoulle ao Rei Felipe as prioridades da Xunta ante este novo comezo de lexislatura, que son, dixo, as de todos os galegos e galegas, e aseguroulle que Galicia seguirá a contar cun goberno estable, responsable e constitucionalista. Tamén que estará centrado en axudar a familias e empresas ante a incertidume económica e o encarecemento de prezos, en fortalecer os servizos públicos e en aproveitar ao máximo os fondos europeos para modernizar o noso tecido produtivo. "Temos magníficos proxectos que van cambiar o mercado de traballo e suporán un impacto moi importante neses territorios".
-
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, mantivo unha reunión en Madrid coa secretaria xeral de Investigación do Ministerio de Ciencia e Innovación, Raquel Yotti. Na xuntanza abordouse a asignación de fondos a Galicia a través tanto do Plan complementario de Biotecnoloxía aplicada á saúde -un sector estratéxico para a Comunidade- como dos aprobados no ámbito das ciencias mariñas, a comunicación cuántica e a biodiversidade.
-
O proxecto Radar on Raia, coordinado polo Cetmar e do que forman parte socios galegos como o Intecmar e tamén nacionais como Portos do Estado, púxose en marcha no 2019 co fin de actualizar e estender fóra da fronteira de Galicia a tecnoloxía de radares de alta frecuencia do Observatorio Costeiro de Galicia, operativo desde 2011, e que forma parte do Observatorio RAIA. O obxectivo é convertelo nunha infraestrutura de observación transfronteiriza que permita mellorar o coñecemento da dinámica oceánica dun nivel local a rexional no Noroeste da Península Ibérica, mellorando a monitorización das correntes e da ondada, e desenvolvendo diferentes ferramentas para medir e predicir o estado do mar.
-
A nova Axenda Enerxética de Galicia prevé a creación dun Hub de hidróxeno verde que vai permitir obter preto de 100.000 toneladas ao ano desta fonte de enerxía para o seu uso na industria, a mobilidade, o almacenamento ou a coxeración. Máis do 74% da enerxía eléctrica producida en Galicia actualmente é con fontes renovables, polo que xa cumpre o obxectivo marcado a nivel estatal para 2030, nun momento no as enerxías renovables son necesarias para facilitar a caída do prezo eléctrico, e que para o tecido empresarial e industrial a sustentabilidade é sinónimo de competitividade.
-
O presidente da Xunta informou da avaliación por parte do Consello da Xunta da Axenda Financeira 2022, 'unha folla de ruta con diferentes programas de apoio ás empresas que suman 135,5 M€ e cos que esperamos unha mobilización público-privada de 400 M€, o triplo que o ano anterior'. Para acadar esta meta Galicia conta con distintas medidas englobadas en tres liñas: o reforzo do capital e os fondos propios das empresas; o acceso a instrumentos de débeda; e a oferta de garantías para facilitar a obtención de crédito.
-
Galicia reduciu un 3,4% o seu endebedamento no primeiro trimestre do ano, o que supuxo rebaixar a súa débeda en 401 millóns de euros, segundo o Protocolo de Déficit Excesivo (PDE) correspondentes ao primeiro trimestre do ano publicados hoxe polo Banco de España. Con estes datos, Galicia diminuíu 1,1 puntos o seu endebedamento en relación ao seu PIB, ata o 17,4%, e sitúase, deste xeito, como a terceira comunidade autónoma de réxime común cunha menor ratio débeda/PIB.
-
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acadou hoxe o apoio de sindicatos e empresarios para instar ao Goberno central a que axilice e concrete os fondos europeos aos que que Galicia aspira. Sobre todo no caso de proxectos prioritarios como son Stellantis, Showa Denko ou o polo forestal de Lugo. O titular do Goberno galego, acompañado da conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, reuniuse esta mañá co secretario xeral de UGT Galicia, José Antonio Gómez, e coa secretaria xeral de CC.OO. Galicia, Amelia Pérez, e posteriormente, mantivo un encontro co presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Juan Manuel Vieites.
-
O vicepresidente segundo da Xunta e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, mantivo unha reunión co novo presidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal (CCDR-N), António Cunha. No encontro, ao que tamén acudiu o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, abordáronse os proxectos conxuntos transfronteirizos previstos no marco da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal co obxectivo de facer fronte aos desafíos tras a pandemia do coronavirus e na captación de fondos europeos para iniciativas comúns.
-
Tivo lugar a presentación da nova tempada dos Trens Turísticos de Galicia, que nos meses de setembro e outubro teñen programadas 37 saídas, con novos roteiros (a Ruta dos Queixos de Galicia e a Ruta de As Mariñas), melloras e novidades que amplían máis aló do verán o éxito desta experiencia que cumpre xa sete edicións. Xa se venderon un 26% de toda a oferta de prazas de trens turísticos desta edición, o que significaría que contando só a oferta de prazas do mes de xuño sería case do 75 %. Os Trens Turísticos de Galicia conseguiron unha ocupación de case o 100% na edición anterior entre os meses de xuño e agosto, o que mostra a súa consolidación como un dos produtos turísticos máis demandados polos galegos e visitantes.