Noticias
-
A produción do sector do mar en Galicia subiu preto dun 50% desde 2011 ao superar os 5.500 millóns de euros fronte aos 3.700 millóns de euros de 2011 e ten relación con máis do 90% das ramas de actividade da economía. Destaca o gran crecemento da industria transformadora cunha produción de 4.300 millóns de euros, máis do dobre que na edición de 2011. As relacións comerciais con outros países supoñen unha achega importante ao valor global deste sector en Galicia, que fan que o volume económico xeral engadindo os produtos comercializados desde a comunidade rolde os 9.000 millóns de euros, incluíndo as importacións, o que supón a maior cifra da historia.
-
2022 foi un ano histórico para o turismo en Galicia con récord de peregrinos e unha ocupación hoteleira nunca vista no mes de agosto. Esta semana superouse a barreira das 348.000 compostelas do total de 2019, o ano con máis peregrinos desde que hai rexistros. Tendo en conta a progresión de afluencia no segundo ano do Xacobeo, podería pecharse o 2022 coa extraordinaria cifra de 400.000 peregrinos. En canto aos datos de ocupación hoteleira no mes de agosto, acadouse un máximo de viaxeiros e de pernoitas e un nivel de recuperación respecto do 2019 por riba da media de España.
-
A nosa Comunidade contará cunha plataforma experimental de eólica mariña que permitirá testear prototipos flotantes e realizar estudos relacionados co medio mariño e a biodiversidade. O obxectivo é establecer liñas de colaboración que contribúan ao adecuado desenvolvemento das enerxías mariñas desde o respecto, o equilibrio e a compatibilidade coas actividades pesqueiras e a preservación do seu ecosistema, xa que, ademais desta infraestrutura, tamén se incidirá na xeración de coñecemento e a elaboración de estudos.
-
Galicia será a primeira comunidade autónoma española en regular unha certificación de sustentabilidade para a produción alimentaria. Será a través da Lei da calidade alimentaria, en cuxa tramitación avanza a Xunta, completando os pasos previos ao seu sometemento ao Consello Económico e Social de Galicia. Hoxe, o Consello do Goberno galego coñeceu un informe da Consellería do Medio Rural sobre este texto, que se prevé levar ao Parlamento antes de que remate este ano 2022. Con esta iniciativa trátase de actualizar o marco normativo galego referido ao impulso da calidade dos produtos alimentarios que se producen ou comercializan na nosa comunidade.
-
Máis de 170.000 galegos se beneficiaron en 2021 da baixada fiscal da Xunta no Imposto sobre Sucesións e Doazóns (ISD) e do Programa Impostos Cero no rural. Concretamente, 125.971 galegos recibiron unha herdanza, en morte ou en vida, o ano pasado e non pagaron polo imposto de Sucesións e Doazóns grazas á rebaixa fiscal aprobada polo Goberno galego que deixa libre de tributación a máis do 99% dos contribuíntes cando reciben unha herdanza dun familiar directo. Por outra banda, 26.934 cidadáns galegos se beneficiaron do programa Impostos cero no rural.
-
A Xunta de Galicia advirte de que só a máxima participación das Comunidades Autónomas no reparto dos fondos europeos permitirá que se lles saque o máximo partido. Así o puxo de manifesto o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, quen participou o mércores en Madrid nun seminario organizado pola Comisión Europea para analizar e impulsar os investimentos para unha economía verde, dixital e xusta, dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. O responsable da Facenda galega apuntou que existen dificultades para a súa xestión óptima, como a falta dunha planificación consensuada.
-
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, urxiu a construír unha posición sólida a nivel nacional contra o veto á pesca de fondo e compromete o apoio de Galicia aos recursos xudiciais. O titular do Executivo autonómico, acompañado pola conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo unha xuntanza cos expertos e xuristas da Fundación MarInnLeg, do Instituto de Estudos Europeos Salvador de Madariaga da Universidade da Coruña e con distintos representantes da frota afectada.
-
A Xunta rexeita a pretensión da Comisión Europea de equiparar, a efectos de control da contaminación, as explotacións de vacún de máis de 150 unidades de gando maior (UGM) coas grandes industrias. Así o manifestou hoxe o conselleiro do Medio Rural, José González -en liña coa postura do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación-, durante a súa participación por videoconferencia no Consello Consultivo de Política Agrícola para Asuntos Comunitarios. O titular de Medio Rural súmase así á postura tamén defendida por outros Estados Membros da UE, caso de Francia, no sentido de que non procede introducir máis restricións á gandería por medio dunha modificación da directiva de emisións industriais.
-
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, anunciou que a Xunta vai analizar todas as vías legais que ten á súa disposición para recorrer a decisión da Comisión Europea de vetar a pesca de fondo en preto dun cento de áreas en augas comunitarias. A representante do Executivo galego explicou durante un acto na Coruña que nos vindeiros días convocará aos representantes do sector e a expertos xuristas da Fundación MarInnLeg e do Instituto de Estudos Europeos Salvador de Madariaga de Universidade da Coruña (UDC) para avaliar as distintas posibilidades e elixir a máis efectiva na defensa dos intereses da frota galega.
-
A Xunta confirmou hoxe ante os integrantes do Nodo Galego de Intelixencia Artificial (galicIA) a candidatura para que a nosa comunidade acolla a sede da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial (AESIA). Neste senso, o Executivo autonómico traballará para consensuar unha única candidatura que permita maximizar as posibilidades de contar con este organismo de nova creación. Esta confirmación prodúcese tras a decisión do Consello de Ministros de onte martes de iniciar o procedemento para a designación da sede física da AESIA.