Noticias
-
O desemprego en Galicia baixou por primeira vez de toda a serie histórica (1996) nun mes de outubro con respecto ao mes anterior (setembro). Así, na comparativa mensual, o paro descendeu nun 0,27%, unha baixada que ten lugar en todos os sectores de actividade. Galicia é unha das dez comunidades autónomas onde cae o paro este mes. Na comparativa anual, con respecto a outubro de 2021, o paro tamén descendeu, nun -6,70% e caeu nas principais variables: nas catro provincias e nas sete cidades galegas e, ao igual que na comparativa mensual, en todos os sectores económicos. Con respecto a hai un ano, lidera a baixada o sector primario (-12,73%) seguido da industria (-12,28%), da construción (-8,35%) e dos servizos (-5,68%).
-
Estas ferramentas reforzan a recentemente presentada Estratexia de xestión do Cancro en Galicia 2022-2028, que aplica unha serie de medidas para conseguir que cada vez menos persoas enfermen de cancro e se incremente a supervivencia dos que padecen a enfermidade. Todo elo a través de accións que contemplan o fomento de estilos de vida saudables na poboación, os diagnósticos temperás, o uso de tecnoloxía punteira e tratamentos especializados e innovadores, así como a creación dunha rede colaborativa con atención primaria para a formación en determinadas patoloxías oncolóxicas.
-
O mércores 2 de novembro abre o prazo para descargar o Bono Cultura da Xunta, o programa de descontos do 50% na compra de produtos ou utilización de servizos culturais ao que o Goberno autonómico dá continuidade este ano para favorecer o fortalecemento do sector e axudar a particulares e negocios no contexto económico de suba de prezos. Poderá facerse con el calquera persoa maior de idade que teña a súa residencia en Galicia e a descarga estará activa a través da web bonocultura.gal, onde se emitirá en formato dixital a través dun código QR.
-
O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, anunciou que a Xunta porá en marcha, no vindeiro ano, o Centro de fabricación de terapias avanzadas (CAR-T) de Galicia para elaborar novos fármacos innovadores contra o cancro e fomentar a atención personalizada dos pacientes, cun investimento inicial de 2,5 millóns de euros. Na presentación da Estratexia de xestión do cancro en Galicia para os vindeiros seis anos (2022-2028), no Hospital Lucus Augusti de Lugo, Rueda destacou que a iniciativa do Centro activárase en 2021, a pesar de que nos atopabamos en plena pandemia, e que este ano se contrataron as obras e o equipamento necesario. Agora, os Orzamentos 2023 darán un pulo definitivo para financiar as prazas de persoal e facer que o centro poida entrar en funcionamento xa no 2023.
-
O Plan para a Promoción do Talento Dixital de Galicia comeza o curso 2022/2023 con novas actuacións para todas as idades, cos obxectivos de espertar as vocacións científico-tecnolóxicas entre os rapaces e rapazas, e impulsar a adaptación dos estudantes, titulados e profesionais aos novos perfís dixitais esixidos pola transformación tecnolóxica. O catálogo para o novo curso escolar pechouse hoxe nunha xuntanza de traballo presidida por Julián Cerviño Iglesia, o director da Axencia para Modernización Tecnolóxica de Galicia, na que participaron as empresas do Pacto dixital que colaboran co Plan. As propostas das empresas iranse incorporando á web Digitalent, á medida que se pechen datas e prazas de cada unha.
-
Foi presentada en Pontevedra a Axenda Galega das Capacidades para o Emprego no marco do Salón da oferta e da educación e formación de Galicia -Edugal- que hoxe se inaugurou. A Axenda Galega das Capacidades para o Emprego responde á estratexia da Comisión Europea que establece os obxectivos de capacitación e reciclaxe profesional para os próximos cinco anos a través de doce accións centradas nas capacidades para o emprego. Do que se trata é de asegurar que as persoas teñan a formación axeitada para o traballo, definir ferramentas e iniciativas que apoien ás persoas na súa formación ao longo de toda a súa vida e establecer un marco de colaboración público-privada.
-
O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, urxiu hoxe na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia a que o Goberno central presente canto antes o recurso xudicial contra o veto á pesca de fondo decretado por Bruxelas en 87 zonas de augas comunitarias. Neste sentido, lembrou que os xuristas especializados consultados pola Xunta constataron que a vía xudicial directa por parte dos estados membros sería a máis adecuada para frear este despropósito dado que son actores privilexiados neste proceso e a proba da lexitimidade para recorrer o regulamento de execución sería máis doada.
-
Máis de 112.000 clientes de toda Galicia descargaron xa o Bono Activa Comercio en pouco máis de 24 horas (onte foi o primeiro día no que puideron solicitarse estes descontos), mentres que o número de comercios adheridos supera os 4.500. Os bonos, en formato de código QR, poden descargarse a través do móbil na web bonosactivacomercio.gal, onde tamén poden sumarse ata o 30 de novembro novos establecementos comerciais. A principal novidade deste ano é a ampliación de tramos de desconto e os importes.
-
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno galego vai recorrer ante o Tribunal Supremo a recente reforma do Regulamento xeral de costas, impulsada de forma unilateral polo Goberno central, en defensa dos intereses de Galicia, xa que, na práctica, esta modificación limita os dereitos recoñecidos legalmente a particulares, empresas e outros titulares de concesións no dominio público marítimo-terrestre (DPMT), así como as propias competencias autonómicas sobre o litoral.
-
O desenvolvemento do eixo transversal da Estratexia Galicia Dixital 2030, para avanzar na especialización dixital, permitirá á nosa comunidade afrontar o reto ante o que se atopan as rexións para reducir a dependencia tecnolóxica do exterior, dentro dun escenario caracterizado pola escaseza de materias primas, a inflación e a aceleración no uso das tecnoloxías provocado pola pandemia da Covid-19. Como consecuencia desta situación, é necesario que as rexións aumenten as súas capacidades e infraestruturas propias para limitar a dependencia do exterior.