Noticias
-
O Observatorio da Industria Aeroespacial será clave para a evolución do sector e para identificar novas oportunidades no segmento dos sistemas non tripulados. Trátase dun proxecto conxunto da Xunta de Galicia e do CAG para xerar e divulgar coñecemento experto e estudos científicos sobre aeronáutica e aeroespacial, con especial referencia ao segmento dos vehículos non tripulados. Os primeiros estudos realizados polo Observatorio están a piques de ser publicados e centraranse no financiamento da I+D+i no sector dos vehículos non tripulados, a análise da cadea de valor do sector aeroespacial e a súa integración noutras cadeas de valor nacionais e internacionais, os instrumentos de apoio á internacionalización ou o diagnóstico da creación de empresas aeroespaciais en España e en Galicia.
-
O estudo dos impactos ambientais de diferentes estratexias de economía circular é o obxectivo da investigación desenvolvida por Antonio J. Cortés no Centro Interdisciplinario de Investigación en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS). Concretamente, a análise centrouse na detección dos retos que deben afrontar os sectores primarios estratéxicos —agricultura, gandaría e pesca —, no seu camiño cara á sustentabilidade.
-
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, garantiu hoxe o apoio do Goberno galego á construción para afrontar a alza de custos e puxo en valor a calidade, sustentabilidade, a unidade e a formación como claves para a súa fortaleza, sobre todo de cara a un 'ano decisivo'. 'É un sector que temos que coidar', defendeu Rueda, quen argumentou que se trata dunha actividade 'fundamental para Galicia, xa que é símbolo de potencia económica'. 'Se funciona o sector da construción é porque está funcionando o tecido económico', aseverou o mandatario galego durante a súa participación hoxe na sinatura dun protocolo de colaboración entre a Xunta, a Fundación Laboral da Construción e a Fundación Catedral para formar operarios no eido da restauración.
-
Os usuarios de internet de entre 65 aos 74 acadaron o 70,5 % en Galicia, tras subir nos últimos 12 meses un 8,5 % -o dobre que a media estatal, que se sitúa no 4,2 %-. É o incremento máis significativo rexistrado no último ano, precisamente, no colectivo de persoas con máis dificultades de acceso á tecnoloxía. Cómpre destacar o crecemento progresivo de internautas neste tramo de idade en Galicia. Hai 6 anos, en 2017, as persoas de 65 a 74 anos que empregaban internet situábanse no 27,9 %.
-
Tivo lugar hoxe a presentación das primeiras ideas do ditame 'A Política Pesqueira Común sobre o terreo: cara a unhas comunidades costeiras sostibles e resilientes na UE'. A Comisión Europea presentou en febreiro un paquete de catro comunicacións co obxectivo de 'mellorar a sustentabilidade e a resiliencia do sector da pesca e acuicultura na UE'. Entre as medidas propostas, inclúese a prohibición da pesca de arrastre de fondo nas áreas mariñas protexidas. A intención da Xunta é plasmar unha visión rexional que contribúa a acadar un equilibrio entre as dimensións social, económica e medioambiental da Política Pesqueira Común (PPC).
-
Nos primeiros once meses deste ano, Galicia rexistra preto de 6,3 millóns de viaxeiros aloxados e máis de 12 millóns de noites no conxunto dos establecementos de aloxamento, segundo os datos do INE –hoteis, pensións, apartamentos turísticos, cámpings, turismo rural e albergues-, o que supón as cifras máis elevadas da serie histórica. Galicia supera nun 41% os rexistros do mesmo período do pasado ano para situarse novamente por riba do nivel prepandemia, cun incremento do 3,0% no nivel dos primeiros once meses de 2019.
-
A comunidade galega despediu 2022 cun total de 142.222 persoas desempregadas en decembro, a cifra máis baixa de toda a serie histórica (1996) para este mes, no que o descenso do paro en colectivos prioritarios como o de menores de 30 ou mulleres, obtivo o mellor dato en 17 anos, desde que se conta con rexistros oficiais. Respecto de decembro de 2021 contabilizáronse 10.362 (-6,79%) galegas e galegos menos en situación de desemprego. Nun ano caeu o paro nas catro provincias galegas e nas sete cidades.
-
As novas convocatorias para estadías de investigación e para publicacións científicas co programa Iacobus, promovido pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, recibiron 312 candidaturas. En concreto 242 foron para a modalidade de estadías de investigación -IACOBUS Estancias- e as 70 restantes para a de publicacións científicas -IACOBUS Papers-. Das candidaturas para as estadías de investigación, 148 proceden de Galicia e 94 do norte de Portugal.
-
O Plan Estratéxico da Conserva 2022-2030 é unha folla de ruta coa que o Goberno galego busca reforzar a calidade, o potencial exportador e a innovación dun sector crucial para a economía e o territorio galego. Trátase dunha planificación, elaborada polo Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar e a Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas (Anfaco-Cecopesca), que inclúe arredor de 80 medidas para consolidar Galicia como un referente mundial neste eido. Vaise actuar en sete eixos: a financiación, a produción, a comercialización e exportación, a I+D+i, no emprego e na reputación social.
-
A dispoñibilidade de sede electrónica nos concellos de Galicia continúa á alza. Nos últimos 4 anos, os municipios con este servizo incrementáronse nun 22,7%. En 2021 a práctica totalidade (97,3%) dos concellos galegos xa dispoñen dunha sede electrónica fronte ao 79,3% do ano 2017. Son datos recollidos no informe bianual 'Estatística da administración dixital nos concellos galegos', que publica hoxe o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e que rexistra datos de 2021.