Noticias
-
O Servizo Galego de Saúde participa hoxe en Sevilla nas xornadas europeas Joint Action CIRCE, na que 14 países membro da Unión Europea abordarán cal vai ser o procedemento de transferencia das boas prácticas en atención primaria. A Unión Europea incluíu o modelo de Telemonitorización do Sergas (Telea) como unha das seis boas prácticas de atención primaria a transferir ao resto dos países membros. Así, o soporte da transferencia da telemonitorización será coordinada pola Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, xunto coa Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS).
-
Os cadros de persoal das empresas tecnolóxicas de Galicia están formados nun 67% por homes e nun 33% por mulleres aínda que nos últimos anos estase a experimentar un cambio de tendencia, ao crecer a maior ritmo o emprego feminino que o masculino. Segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) analizados polo Observatorio da Información e a Modernización de Galicia (Osimga), o sector tecnolóxico empregaba a un total de 8.983 mulleres en 2022, o que supuxo un crecemento dun 5,5% con respecto a 2021. No caso dos homes tamén houbo crecemento no emprego, pero foi do 5%.
-
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, defendeu hoxe a necesidade de crear unha fronte común forte a nivel europeo contra as pretensións de Bruxelas de restrinxir nos vindeiros anos determinadas artes de pesca en augas comunitarias como o arrastre e evitar así os efectos perniciosos que poden ter na frota decisións arbitrarias e inxustificadas como o veto á pesca de fondo aprobado o ano pasado. Nesta liña, salientou que España debe facer un intenso labor na busca de aliados noutros países con intereses pesqueiros para tratar de frear a posible posta en marcha de normativas por parte da Comisión Europea coas que executar os seus plans.
-
Galicia logrou recuperar o nivel de PIB previo á pandemia durante o pasado ano, un fito que aínda non se conseguiu no conxunto de España. Deste xeito, a economía galega está a recuperarse antes que outras Comunidades autónomas das consecuencias da pandemia. O PIB de Galicia superou os 68.800 millóns de euros en 2022, o que supón un incremento do 3,8 % nun ano e recuperar os niveis previos a crise económica derivada da Covid. A comunidade galega bateu un récord histórico de exportacións o pasado ano superando os 29.800 M€ -un 18,3 % máis que no 2021-.
-
Galicia conta na actualidade con 144.092 persoas en desemprego. Trátase da cifra máis baixa nun mes de febreiro desde que se conta con rexistros (1996). O paro descendeu na evolución anual (respecto de febreiro de 2022) nun 6,74 % (-10.417 persoas) e na mensual (respecto de xaneiro deste ano) nun 0,66 % (-956 persoas). En Galicia baixou o desemprego o pasado febreiro con respecto a xaneiro, un mes no que no conxunto de Estado rexistrouse unha suba do 0,44 %. O descenso prodúcese nas catro provincias, nas sete principais cidades e en todos os sectores de actividade respecto de hai un ano, subliñou a conselleira. Con respecto aos sectores de actividade, a comunidade anota unha baixa en todos eles, máis acusada no caso da Agricultura e da Pesca, por enriba do 16 %.
-
O director do Igape, Fernando Guldrís, compareceu hoxe no Parlamento de Galicia, onde puxo en valor tanto a boa marcha das exportacións galegas, que están a acadar “rexistros históricos”, como o traballo que vén impulsando a Xunta en materia de internacionalización. Un esforzo que, como explicou, se traduce na Estratexia de Internacionalización, que suma este ano outros 20 millóns de euros na procura de seguir contribuíndo “ao mellor ciclo exportador da historia de Galicia”.
-
A directora do Intecmar salientou hoxe que a comunidade traballa no marco do proxecto europeo MyCoast para estar o mellor preparada posible na análise dos riscos por eventos mariños extremos e poder actuar ante calquera emerxencia marítima ou costeira. Fíxoo durante a inauguración dunha mesa de traballo titulada Ferramentas para abordar os riscos nos observatorios costeiros e celebrada ao abeiro desta acción de investigación europea.
-
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, demanda que no Perte do naval o Goberno central teña en conta o peso significativo de Galicia no sector. Perante a importancia e a transcendencia que ten para o sector este Perte, as empresas galegas uníronse para presentar unha candidatura única e potente que contou co asesoramento da Xunta. O prazo para a presentación de propostas remata o 13 de marzo, e Alfonso Rueda agarda que a convocatoria se resolva de xeito favorable para Galicia tendo en conta que o naval representa o 3,5% do PIB galego e emprega a preto de 13.500 persoas, ademais de ser Galicia a Comunidade autónoma con máis empresas do sector. 'Levamos moito tempo facendo as cousas ben e merecemos recoller o froito dese esforzo', dixo.
-
O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) iniciou xa a programación formativa deseñada para o primeiro semestre deste ano, que ofrece un total de 1.000 prazas de cualificación certificada e especializada a través de 47 cursos, así como a organización de 39 xornadas técnicas centradas na innovación e o sector tecnolóxico. Os 47 cursos están a impartirse nas modalidades presencial, virtual e de teleformación e, ao seu remate, as alumnas e alumnos teñen a opción de recibir unha certificación, tanto as persoas desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como as persoas traballadoras nun centro emprazado en Galicia.
-
A economía galega medrou no ano 2022 un 3,8 %, segundo se desprende do informe publicado hoxe polo Instituto Galego de Estatística (IGE). No 4º trimestre do ano o PIB aumentou un 2,2 % con respecto ao mesmo trimestre do ano anterior e que en canto á evolución intertrimestral, a taxa do PIB autonómico situouse no 0,2 %. Desde o punto de vista da demanda, no ano 2022, a demanda externa achegou 3,7 puntos porcentuais, cun crecemento do 5 % das exportacións, mentres a demanda interna achegou 0,1 puntos porcentuais. No que respecta á oferta, os servizos medraron un 5,8 %, cun maior incremento no apartado de comercio, transporte e hostalería (+17,4 %).