Noticias
-
A Xunta de Galicia firmará un protocolo de colaboración cos gobernos de Asturias, Cantabria e Castela e León para o impulso da mobilidade sustentable do noroeste. O obxectivo é dotar este territorio dun elemento vertebrador que favoreza a descarbonización do transporte. Búscase garantir que os potencias usuarios das vías do noroeste de España dispoñan das infraestruturas necesarias para unha adecuada subministración enerxética adaptada ás diferentes alternativas de propulsión dunha mobilidade e transporte cada vez máis libre de emisións.
-
O 99% dos concellos galegos terán acceso a servicios financeiros, fronte ao 60% da media española, o que converte a Galicia na segunda comunidade autónoma de España coa maior porcentaxe de concellos no seu territorio no que os veciños teñen garantida a accesibilidade a estes servizos. Esta cifra acádase tralo novo prazo de adhesión aberto en febreiro ao protocolo de colaboración asinado entre o Goberno galego e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), dirixido a aqueles concellos que na actualidade aínda non contaban con servizos financeiros.
-
Os Trens Turísticos de Galicia son unha proposta desenvolvida por Turismo de Galicia, composta por catorce rutas ao longo de toda a xeografía galega, onde descubrir diversos recunchos do noso país: desde achegarse ao punto máis setentrional da Península Ibérica ou a uns dos cantís dos máis altos da Europa continental, ata descubrir as paisaxes de socalcos da viticultura heroica ou pasear por xardíns de pazos con camelias en flor. Todo isto complementado con outros elementos tan importantes como a gastronomía e a historia.
-
Presentouse a guía técnica 'Solucións innovadoras en madeira estrutural na arquitectura galega actual', que ten como obxectivo difundir as posibilidades da construción con madeira estrutural e as súas calidades. Alí, no marco da Semana da Administración Aberta, destacou esta publicación como froito da colaboración entre a Xunta e a Plataforma de Enxeñería de Madeira Estrutural (Pemade) da Universidade de Santiago de Compostela (USC), no marco do convenio asinado en 2019 para a posta en valor de especies forestais de crecemento en Galicia e a promoción da madeira na construción.
-
O novo marco guiará ata 2025 as actuacións para evitar na comunidade galega o reparto desigual de xénero no eido dos coidados e para impulsar as carreiras de mulleres e as novas formas de traballo. O deseño do documento parte das conclusións do seu predecesor, o I Plan Galego de Conciliación e Corresponsabilidade, que estivo vixente entre 2018 e 2021 e supuxo a activación dun cento de medidas transversais por valor de case 850 millóns de euros. O plan promoverá actuacións para axudar ás mulleres a progresar nas súas carreiras profesionais e participar nas esferas de decisión.
-
Galicia acada cifras récord no sector turístico en 2022, superando nun 40% as cifras do ano anteriorGalicia bateu récords históricos de ocupación turística en 2022, logrando superar nun 40% as cifras do ano 2021. A nosa comunidade mellorou tamén as súas cifras con respecto ao conxunto do Estado, cunha ocupación oito puntos maior respecto da media e manténdose como o sétimo destino máis importante, unicamente por detrás de Canarias, Cataluña, Baleares, Andalucía, a Comunidade Valenciana e Madrid. O 38% da demanda concentrouse na temporada alta -meses de xullo e agosto-, ficando a porcentaxe restante repartida entre a temporada media -o 38%- e baixa -co 24% neste caso-.
-
Inaugurouse hoxe o congreso Mo_Cidade, cun amplo programa de actividades dirixido ao persoal técnico, con xornadas de traballo específicas o xoves e venres; e á xuventude galega, con programación propia o venres pola tarde e o sábado todo o día. O Palacio de Exposicións e Congresos da Coruña (Palexco) será o escenario ata o vindeiro sábado día 25 de charlas sobre o mundo gaming ou o emprendemento, talleres formativos e actuacións musicais, entre outras actividades.
-
As principais liñas para este ano vanse centrar na intensificación da cooperación transfronteiriza de proximidade e na aposta pola mobilidade académica e as conexións ferroviarias. Así, no eido da mobilidade académica vaise ampliar o programa Iacobus para investigadores e persoal administrativo das universidades, institutos politécnicos e centros tecnolóxicos da Eurorrexión con novas convocatorias para estadías, publicacións científicas e patentes. Esta iniciativa dirixida a fomentar a cooperación transfronteiriza en actividades de investigación e divulgación científica recibiu en 2022 máis de 300 candidaturas.
-
O Pazo de San Lourenzo acolleu hoxe o acto de sinatura do Protocolo para a posta en marcha da Unidade cooperativa de investigación en terapias avanzadas de Galicia, documento que foi asinado polo vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde López; polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; polos tres reitores das universidades galegas, Antonio López Díaz, da Universidade de Santiago; Julio Abalde Alonso, da Universidade da Coruña; e Manuel Reigosa Roger, da Universidade de Vigo. Tamén asinaron o protocolo os representantes das tres fundacións de investigación sanitaria.
-
Tivo lugar a reunión de presentación da Comisión de Oferta do Nodo de Computación de Altas Prestacións (coñecido como HPC polas súas siglas en inglés) do Hub de Innovación Dixital Dihgigal, que ten como obxectivo acelerar a transformación dixital do tecido produtivo galego a través da oferta de servizos HPC avanzados. No lanzamento do Nodo HPC participou tamén o director de Amtega, Julián Cerviño, e representantes da Comisión de Oferta de Dihgigal (universidades, centros tecnolóxicos e empresas TIC).