Noticias
-
Galiciencia, a maior feira científica de Galicia, bate este ano récord de asistencia, con máis de 4.800 persoas participantes nas diferentes actividades, tanto presenciais como en liña. Nesta edición seleccionáronse un total de 106 proxectos promovidos por 243 alumnos e alumnas de 34 centros educativos de toda a comunidade. O reto desta edición está no sector aeroespacial e aeronáutico, un ámbito no que Galicia conta con grandes empresas do sector colaborando xunto con 70 pemes galegas e centros tecnolóxicos no marco do Polo Aeroespacial de Galicia.
-
A conselleira do Mar, Rosa Quintana asegurou que é necesario que Bruxelas reflexione sobre as medidas que está a adoptar e os seus efectos tendo en conta malos precedentes de desafección europeísta como a saída do Reino Unido da Unión Europea. Decisións afastadas da realidade como o veto á pesca de fondo aprobado o ano pasado ou os plans para prohibir o arrastre nas áreas mariñas protexidas, incidiu, son exemplos de políticas que prexudican ao sector pesqueiro e provocan a desaprobación dos profesionais do mar.
-
Os consorcios galegos participados pola USC que desenvolveron os proxectos de I+D+i Nanofluidetec (Detección rápida e automatizable para SARS-Cov-2 baseada en PCR, nanotecnoloxía y microfluídica) e Digital Biocov (Predición temperá de actividade anti-COVID-19 sobre biomoléculas presentes en fungos e microalgas mediante a aplicación de técnicas de Machine Learning integrando datos biolóxicos e químicos), presentaron este xoves na Facultade de Ciencias do Campus Terra da USC un prototipo que permite a detección do ARN do virus SARS-COV-2 e un sistema deseñado para alertar de actividade ‘anticovid’ a partir de produtos naturais, unha ferramenta de Intelixencia Artificial (IA) con capacidade para acelerar os procesos de desenvolvemento de fármacos.
-
En breve botará a andar nas oficinas de emprego a nova ferramenta tecnolóxica EMI (Emprego Intelixente), que entre outras funcionalidades contará cun navegador competencial, cun emulador de ocupacións e cun recomendador de formacións, que comezará a implantarse nas próximas semanas, e a modo de proxecto piloto en tres destas dependencias (Ordes, Pontevedra e Cambados). Coa forza laboral formada e as empresas coidando das súas traballadoras e traballadores, parece que o reto de vencellar oferta e demanda está xa máis próximo.
-
A nova ferramenta tecnolóxica, EMI (emprego intelixente), que sincronizará oferta e demanda en tempo real, porase en marcha este maio en tres oficinas piloto (Pontevedra, Ordes e Cambados). Probaranse, deste xeito, as primeiras funcionalidades deste sistema baseado na intelixencia artificial que permitirá ás empresas publicar as súas vacantes de forma múltiple e simultánea no Servizo de Emprego e, de xeito gratuíto, noutros portais de emprego e, así, chegar a un maior número de candidatos. O novo instrumento contará cun navegador competencial, para que os orientadores podan obter información sobre as competencias asociadas ás ocupacións; un emulador de ocupacións para buscar o emprego idóneo para cada demandante de emprego; e un recomendador de formación.
-
Dende hoxe os establecementos interesados poden adherirse a unha nova convocatoria do Bono Activa Comercio. Nesta terceira convocatoria, o Bono Activa Comercio da Xunta conta cun orzamento de 2,5 M€ e permitirá mobilizar 8,5 M€ en ventas. As persoas consumidoras poderán descargar a partir do próximo 15 de maio un bono desconto de 30 euros para as compras que realicen nos comercios adheridos. O importe irase reducindo en función do valor da compra en diferentes tramos: para compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30, correspóndelles un desconto de 5 euros; para iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50, a rebaixa será de 10 euros; mentres que para compras a partir de 50 euros o desconto alcanzará os 15 euros.
-
Trátase dunha iniciativa financiada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) a través do programa de cooperación interrexional Interreg Europe que busca potenciar o emprego xuvenil de calidade e a creación de postos de traballo para a mocidade nas áreas rurais. A Fundación Galicia Europa lidera este proxecto no que tamén participan entidades de Eslovenia Bélxica, Bulgaria, Estonia, Letonia e Portugal. Conta ademais coa colaboración da Consellería de Política Social e Xuventude no marco do programa Euroxuventude.
-
Galicia acadou no mes de abril a cifra de paro máis baixa de toda a serie histórica, desde o ano 1996, con 139.343 persoas, sendo a terceira vez, tamén desde 1996, que o número de desempregados cae por debaixo das 140.000 persoas: en xullo de 2007 situouse nas 139.998 persoas e en xullo de 2022 nas 139.850. No referido ás cifras do desemprego, apuntou que descenderon con respecto a hai un ano e na comparativa con marzo nas catro provincias galegas, nas sete grandes cidades, en todos os sectores económicos.
-
Coa participación de máis de 500 académicos e académicas de diferentes países, Pontevedra reunirá en xuño do vindeiro ano á 'elite da investigación sobre transición ecolóxica de Europa, nos ámbitos das ciencias económicas e sociais', segundo anunciou o responsable do Post-Growth Innovation Lab da Universidade de Vigo, Mario Pansera. Da man deste grupo de investigación, a cidade será en 2024 a sede do congreso internacional da Sociedade Europea de Economía Ecolóxica (ESEE) e do Grupo Internacional de Estudos sobre Decrecemento e Poscrecemento.
-
Na edición deste ano participan como expositores 19 obradoiros de Artesanía de Galicia e un procedente de Asturias, especializados no traballo coa xoiería, cerámica, esmaltes, marroquinería, téxtil, bixutería e arranxos florais. Os obradoiros de Artesanía de Galicia son Xakarandá (Marín), Amorei (Soutomaior), Chueco (A Coruña), La Aguada Artesanías (Ribadavia), Mario López (Vigo), Silvereira (Ames), Zimzelatum (Gondomar), Montse Betanzos (O Grove), Paz Navas (A Coruña), A Sariña Maquinando (Ourense), Suso Calo – Lobo Tolo (Moaña), Geli Fraga (Cambre), Noga Arts Joyería (Santiago de Compostela), Mestura de Kores (Vigo), Taller Viola (Oza-Cesuras), Cerámica Ferreira (Vigo), Las Flores de Greta (Gondomar), Rosa Fraíz (Vilagarcía de Arousa) e María Aba (Ourense).