Noticias
-
Como cada ano, a Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia acolle catro salóns paralelos co Salón de Alimentación do Atlántico (Salimat Abanca), a Feira de caza, pesca e natureza (Fecap Abanca), o Salón Turístico de Galicia (Turexpo), e a Feira de Festas de Interese Turístico (Festur) que se converten nos mellores escaparates do carácter punteiro galego en cada un destes sectores. A eles súmanse eidos como a gandería, o enerxético a través da biomasa, o da maquinaria agrícola ou o das mascotas. O evento prolóngase ata o domingo 11, con acceso de balde.
-
O Observatorio Municipal Galego, da Rede Localis, fixo público este mércores un novo documento de análise da situación económica-financeira dos municipios galegos. Nel, a entidade xestionada polo grupo de investigación Governance and Economics Research Network (Gen) da Universidade de Vigo, destaca que os concellos pequenos destinan 426 euros por persoa a servizos públicos básicos, cifra moi similar á dos grandes municipios. O documento é a nota 24 deste Observatorio Municipal Galego e está elaborada por Alberto Vaquero, profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense e codirector da Rede Localis, unha das actividades da Cátedra do Bo Goberno Local da Universidade de Vigo.
-
A importancia da agricultura e da recuperación e conservación das prácticas agrarias, a necesidade de fortalecer as canles de participación e as redes de conexión e colaboración entre os distintos axentes: veciñanza, produtores, empresas... e a posta en valor da muller como elemento vertebrador da vida social e económica nestes territorios, constitúen algunhas das recomendacións incluídas nas conclusións dos informes elaborados pola plataforma multiactor (MPA) galega liderada pola USC que está a participar no proxecto Sherpa, un programa coordinado desde Bruxelas e financiado con preto de cinco millóns de euros de fondos europeos, no que están implicados unha vintena de países.
-
O obxectivo da Alianza Industrial Galega do Hidróxeno Verde, como instrumento de colaboración público-privada promovido pola Xunta de Galicia -e que está formada por 10 asociacións e clústers do sector que representan 700 empresas, centros de coñecemento, a CEG, os sindicatos, así como as autoridades portuarias da Coruña, Ferrol e Vigo e empresas tractoras como Enagás, Iberdrola, Reganosa, Navantia, Repsol ou Ence- é maximizar as posibilidades de atracción de proxectos e impulsar e consolidar un novo tecido industrial, vinculado a este vector enerxético.
-
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, indicou que a nova Estratexia galega de seguridade e saúde no traballo recollerá os novos riscos que é necesario afrontar e previr no mercado laboral. Na clausura do XIII Congreso de prevención de riscos laborais en Iberoamérica, na que estivo acompañado pola conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, o titular do Goberno galego incidiu na necesidade de actualizar os protocolos no eido laboral co obxectivo de previr os accidentes ao máximo, reducilos ao mínimo e levar a cero a mortalidade.
-
Galicia acadou no mes de maio a menor cifra de persoas desempregadas de toda a serie histórica (1996), desde hai 27 anos, e por primeira vez o dato se sitúa por debaixo das 139.000 persoas. A cifra menor ata o de agora reflectiuse o pasado mes, en abril de 2023, cando se contabilizaron 139.343 persoas sen emprego. O paro, con respecto a hai un ano e na comparativa con abril, caeu nas catro provincias galegas, nas sete grandes cidades, en todos os sectores económicos, así como nos colectivos prioritarios como son, entre outros, os menores de 30 anos, as mulleres e os parados de longa duración.
-
O Foro Económico de Galicia, coordinado desde o campus de Ourense polo Grupo Governance and Economics Research Network (Gen), presentou este xoves dous informes elaborados polos seus expertos e expertas sobre o papel da intelixencia artificial no tecido empresarial galego. Neles destacan que Galicia “non pode deixar de apostar polas enormes posibilidades que ofrece la IA” e inciden na necesidade de formación e de mobilización de recursos económicos para o fomento das empresas deep tech. Segundo indican en nota de prensa desde a entidade, o 'Foro Económico de Galicia considera determinante a implantación da intelixencia artificial nas empresas'.
-
A Xunta insiste na necesidade dunha reunión urxente co Ministerio de Agricultura para tratar a discriminación territorial que sofre Galicia na repartición das últimas achegas do Goberno central. En resposta a unha pregunta no Pleno do Parlamento, o conselleiro do Medio Rural, José González, cualificou como “inaceptable” que, dentro delas, os 157 euros por vaca nutriz de vacún de carne e os 61 euros polas de leite só vaian percibilos as explotacións localizadas na denominada zona de afección alta pola seca.
-
A Xunta de Galicia convida ás entidades europeas responsables da seguridade da navegación aérea a establecer colaboracións para acelerar o desenvolvemento tecnolóxico e regulamentario das operacións con vehículos aéreos non tripulados e así potenciar o desenvolvemento da industria europea no mercado mundial. Representantes institucionais e técnicos de Eurocontrol (organización europea para a seguridade da navegación aérea), da Axencia Europea de Seguridade Aérea (European Union Aviation Safety Agency, EASA), e da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA) participaron hoxe nunha demostración de casos de uso dos simuladores U-Space do Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR), unha infraestrutura única na contorna europea.
-
A Xunta de Galicai avanzou a próxima convocatoria dunha nova edición das axudas á Dixitalización Industria 4.0, un programa que permite impulsar a transformación da industria tradicional cara a modelos tecnolóxicos avanzados, favorecendo modelos de negocio diferenciais baseados na innovación e na tecnoloxía. Estas axudas levan mobilizados máis de 50 millóns de euros desde a súa posta en marcha, sumando máis de 1.000 solicitudes que traballan no coñecemento e a conciencia sobre as vantaxes e oportunidades que ofrece a dixitalización nos distintos ámbitos da industria galega.