Noticias
-
A Business Factory Aero (BFAero), programa de incubación, aceleración e consolidación de empresas especializado no sector aeroespacial e no segmento dos vehículos non tripulados da Xunta de Galicia, abre hoxe oficialmente o prazo de inscrición na súa quinta edición. A Administración autonómica reforza así a súa aposta pola retención e captación de talento innovador na busca de propostas de alto impacto para o ecosistema aeroespacial e para a sociedade.
-
A economía galega medrou un 1,1 % entre xaneiro e marzo, a cifra máis alta nun primeiro trimestre desde o ano 2018, segundo se desprende da información publicada hoxe polo Instituto Galego de Estatística (IGE). En canto á evolución interanual, no primeiro trimestre de 2023 o PIB autonómico aumentou un 2,8 % en relación ao mesmo período do ano anterior. Desde o punto de vista da demanda, neste primeiro trimestre as exportacións de bens e servizos aumentaron un 4,7%, e a formación bruta de capital medrou un 3,3%. No que respecta á oferta, a industria medrou un 8,9 %; a construción un 4,0 % e os servizos un 1,8 %, cun maior incremento no apartado de comercio, transporte e hostalería (6,0 %).
-
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que Galicia vai manter conxelados os prezos das matrículas universitarias cara o vindeiro curso académico 2023-2024, o que supón continuar coa política de contención de taxas que o Goberno galego leva aplicando desde hai 13 anos. Isto, asegurou, sitúa un ano máis a Galicia como a comunidade cas taxas universitarias máis baixas do país. Rueda resaltou que Galicia foi pioneira na conxelación dos prezos universitarios hai máis dunha década e en apostar por un modelo que agora están a replicar outras comunidades. 'Hai trece anos que os prezos de matrícula son exactamente os mesmos. É dicir, os estudantes galegos pagan de taxas universitarias o mesmo que pagaban no ano 2011', destacou o presidente.
-
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia participou hoxe en Bruxelas no acto de sinatura do acordo de asociación que pon en marcha o consorcio Govtech4all para experimentar novas formas para proporcionar innovación ao sector público a través da colaboración público-privada. O proxecto permitirá a elaboración de entre catro e seis proxectos piloto conxuntos nos que se aplique un amplo conxunto de metodoloxías de goberno intelixente. Segundo explican os promotores da iniciativa, “as incubadoras, os laboratorios de innovación e os equipos dixitais de ‘Govtech’ deseñarán os desafíos a través dun enfoque de creación conxunta”.
-
O presidente da Xunta resaltou que Galicia contará cunha nova lei de igualdade que situará a Galicia á vangarda ao ser 'a primeira comunidade que vai regular o concepto de sustentabilidade social empresarial', co que aspira a modernizar e revolucionar a cultura empresarial con base nos valores ambientais, sociais e de gobernanza que están a rexer os mercados a nivel mundial. 'O obxectivo é garantir que todas as galegas e galegos teñas as mesmas oportunidades e evitar calquera discriminación da muller'. Un dos 'eixos principais' da futura normativa van ser 'actuacións no eido laboral'. Nesta liña, subliñou que 'a Lei impulsará o benestar laboral como piar para guiar as políticas de emprego' e puxo como exemplo o impulso de medidas 'para a conciliación, a flexibilidade horaria ou o teletraballo'.
-
O conselleiro do Medio Rural, José González, vén de remitir unha carta ao ministro de Agricultura, Pesca y Alimentación, Luis Planas, para demandar unha reunión urxente co gallo de “tratar a discriminación territorial” de Galicia respecto da repartición das axudas directas que constan no Real Decreto-lei publicado o pasado venres 12 de maio. Tal e como se acordara na reunión mantida o pasado luns, a misiva tamén está asinada por Unións Agrarias, a Asociación Agraria de Galicia, o Sindicato Labrego Galego, a Asociación Galega de Cooperativas e o Consello Regulador das IXP de Carne de Vacún de Galicia.
-
Investigadores do CiMUS da USC e da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica identifican novos xenes responsables da severidade da COVID, segundo se recolle no estudo de enfermos críticos coordinado en parte polo catedrático de Medicina Legal da USC e investigador do CiMUS e do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), cuxos resultados veñen de ser publicados na revista ‘Nature’. O estudo mostrou 49 rexións xenómicas asociadas nas que se estudaron as posibilidades de novas terapias con novos modelos de análises e atopáronse dianas terapéuticas de moito interese sobre as que se poderían usar fármacos de reposicionamento.
-
O texto legal conta cun título preliminar e sete títulos nos que se regulan diferentes aspectos como o obxecto da norma e a definición dos beneficios sociais e económicos; a análise integral á que serán sometidos os proxectos que fan un uso intensivo da auga, as iniciativas mineiras e as de producción de enerxía a partir de fontes renovables; ou a constitución dunha sociedade mixta que poderá ser titular de proxectos de aproveitamento de recursos. A futura lei tamén contempla a creación dun canon para gravar as liñas eléctricas que conectarán os parques da enerxía eólica mariña, o desenvolvemento dos proxectos de autoconsumo nas áreas empresariais, así como a creación dun fondo para a recuperación de territorios afectados por incendios.
-
A simulación é unha metodoloxía de aprendizaxe que reproduce experiencias reais de pacientes mediante escenarios guiados e controlados que imitan algún aspecto da realidade. Isto establece situacións ou problemas similares aos que enfronta o persoal profesional durante as diferentes prácticas clínicas ou cirúrxicas. A formación baseada na simulación é unha ferramenta docente cada vez máis importante que permite incrementar os niveis de capacitación e competencias, especialmente nas habilidades clínicas, dos profesionais sanitarios nun ambiente seguro.
-
O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, vén de manter unha xuntanza con asociacións, sindicatos e organizacións agrarias, así como co consello regulador das indicacións xeográficas protexidas (IXP) de Carne de Vacún de Galicia, para analizar as medidas do Goberno central para paliar a seca e os efectos da invasión rusa de Ucraína que se publicaron o pasado venres mediante Real Decreto-lei no Boletín Oficial do Estado (BOE).