Noticias
-
A Xunta acaba de convocar con carácter urxente unha reunión do Observatorio da Vivenda de Galicia para abordar como tema central o proxecto da Lei polo dereito á vivenda, que actualmente encara a recta final da súa tramitación no Congreso dos Deputados. Tras participar nun acto en Santiago, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, indicou que o Observatorio se reunirá este mesmo venres en resposta á “grande inquedanza” coa que reaccionou todo o sector en Galicia ante os últimos anuncios realizados polo Goberno central con relación ao contido da futura lei.
-
Galicia mellora a súa posición ao converterse na segunda comunidade autónoma que máis reduciu as emisións de gases de efecto invernadoiro en 2021 subindo do terceiro lugar que ocupaba o ano anterior. En concreto, baixaron un 34 % con respecto a 1990, que é o ano que se toma como referencia. No que atinxe á calidade do aire, cómpre lembrar que Galicia conta cun dos mellores sistemas de control e vixilancia deste parámetro de toda España. De feito, a Rede de Calidade do Aire de Galicia está composta por 47 estacións de control fixas e móbiles de titularidade pública (15) e privada (32).
-
O conselleiro do Medio Rural, José González, participou esta tarde no Consello Consultivo de Política Agrícola e Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios en Madrid. Alí o conselleiro instou ao Goberno central a traballar en conxunto para baixar a inflación sen reducir o prezo de orixe dos produtos agroalimentarios, tales como a carne. Así, José González asegurou que cómpre establecer medidas como o IVE cero para que os produtores alimentarios en xeral poidan cubrir tamén os seus custos de produción e manter un marxe de beneficio, coa finalidade última de que as súas explotacións poidan seguir sendo rendibles.
-
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, destacou hoxe o conxunto de medidas do novo Plan de prevención de incendios forestais que ten como obxecto “evitar que se produzan incendios forestais ou, no caso de que se rexistre algún, que a súa propagación sexa a menor posible”. Entre elas, salientou o reforzo da vixianza para garantir que as parcelas máis próximas á vivenda estean limpas e rozadas. Para iso, apuntou á importancia de que 89 % dos concellos galegos están integrados ao sistema de xestión da biomasa.
-
Impulsar o desenvolvemento coordinado de liñas de investigación arredor do hidróxeno é o obxectivo da Asociación Galega do Hidróxeno (AGH2) e as universidades galegas, que nas últimas horas celebraron no Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (Cintecx) da Universidade de Vigo un primeiro encontro de traballo, cualificado polos e polas participantes como un fito na integración de esforzos nun campo de investigación.
-
O bo tempo meteorolóxico e as reservas de última hora para os días festivos, especialmente a partir do xoves permitiron que Galicia peche unha Semana Santa cunha ocupación media por riba das previsións establecidas polo sector en boa parte dos destinos turísticos galegos, que o sector sitúa no 85%, chegando o 100% nalgunhas zonas. O perfil maioritario do turista que se achegou a Galicia foi de orixe nacional aínda que nalgúns destinos, como Santiago de Compostela e A Coruña, a proporción do turista internacional foi superior á media. Destaca o incremento do turismo interno, xa que moitos cidadáns galegos se animaron a viaxar pola comunidade durante a Semana Santa.
-
Con respecto a marzo do pasado ano, o paro diminuíu nun -7,49% (-11.489 persoas), unha caída que se reflectiu nas catro provincias e nas sete grandes cidades galegas; tamén en todos os sectores económicos, liderando o descenso o primario (-16,10%), seguido da industria (-12,13%). Por colectivos prioritarios para a Xunta tamén decreceu, especialmente entre os menores de 30 anos (-11,02%) seguido das mulleres (-6,86%) e dos parados de longa duración (-4,70%). As cifras de parados de menos de 30 anos e de mulleres sen emprego son as menores da serie histórica (2006) para este mes. Ademais, o número de persoas paradas de longa duración é o máis baixo nun marzo desde 2009.
-
Galicia mellorou o déficit marcado no orzamento, xa que apuntou que se situou nun 0,4 % do Produto Interior Bruto, o que supón dúas décimas menos do límite previsto. Ademais, a comunidade rexistrou unha ratio débeda/PIB do 17,2 %, tres décimas por debaixo do previsto, o que supuxo aforrar 210 millóns de euros, en canto a capacidade de endebedamento. Galicia recuperou no cuarto trimestre de 2022 o nivel do PIB da prepandemia, con varios trimestres de antelación á media de España. Deste xeito, a economía galega medrou un 3,8 % o ano pasado, dúas décimas por riba do previsto.
-
A Xunta de Galicia presentou esta semana ante o Tribunal Xeral da Unión Europea a demanda de intervención da comunidade autónoma como parte coadxuvante no recurso presentado pola Organización de Produtores Pesqueiros de Burela (OPP-7) e os seus socios contra o regulamento de execución aprobado pola Comisión Europea que veta a pesca de fondo en 87 zonas de augas comunitarias. Se o tribunal acepta a participación como parte coadxuvante, o Executivo galego poderá intervir no procedemento e defender de xeito directo os intereses tanto da frota afectada como do conxunto da autonomía.
-
A rede de Polos de emprendemento e apoio ao emprego cubrirá o cen por cen do territorio para apoiar a creación de emprego e de novas iniciativas laborais. Os Polos de emprendemento son unha ferramenta axeitada para facilitar as condicións e crear un ambiente favorable para que empresas e emprendedores poidan crear postos de traballo con futuro na zona na que se asentan, porque aglutinan todos os recursos coa visión posta nas particularidades de cada territorio, nas súas necesidades e oportunidades. Como paso previo á posta en marcha do Polo, o Goberno galego acende o botón do Sistema de Información e intelixencia territorial (SIE), que pode detectar actividades económicas con potencial.