Noticias
-
Os fogares galegos aforraron o ano pasado 216,2 millóns de euros grazas ás baixadas fiscais aprobadas pola Xunta de Galicia no Imposto sobre Sucesións e Doazóns (ISD) e no Imposto sobre Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados (ITP-AXD). Estes 216 millóns de euros son recursos que quedaron en mans das familias galegas co obxectivo de reactivar o consumo interno e a actividade económica, evitar o despoboamento nas zonas pouco poboadas, recuperar as terras agrarias e manter íntegro o patrimonio dos fogares en caso de perda dun familiar directo.
-
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou a posta en marcha dun Plan de Infraestruturas Universitarias co obxectivo de seguir avanzando na consolidación da excelencia e calidade do sistema universitario galego. Fíxoo durante a sinatura do protocolo de colaboración entre o Goberno autonómico e as tres universidades públicas galegas que posibilitará estas melloras e que vai mobilizar máis de 100 millóns de euros ata 2026. Rueda estivo acompañado neste acto polos tres reitores galegos -Manuel Reigosa, da Universidade de Vigo; Julio Abalde, da Coruña; e Antonio López, de Santiago de Compostela-, así como polo conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez.
-
A suba é xeneralizada en todas as modalidades, tanto ciclos ordinarios como FP Dual, FP Básica, FP a distancia ou másteres e especializacións. Cómpre ter en conta que cada persoa pode presentar solicitude ata en catro prazas en ciclos ordinarios ou FP Básica e dúas en másteres. No réxime de persoas adultas, tanto presencial como a distancia, pode haber ata catro peticións por centro e ciclo con ata 10 módulos cada unha. Como é habitual, a cifra final de matriculados efectivos será inferior á de solicitantes iniciais, xa que moitas persoas presentan ao mesmo tempo solicitudes para distintas opcións educativas, como poder ser cursar estudos universitarios ou ampliar a súa formación en Bacharelato ou mesmo comezar a traballar ao dispor xa dun título.
-
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou esta semana nunha nova sesión plenaria do Comité Europeo das Rexións (CdR) na que se debateu sobre o Marco Financeiro Plurianual (MFP) da UE e o plan industrial do Pacto Verde. O encontro contou coa presenza de Thierry Breton, comisario de Mercado Interior. Entre os nove ditames aprobados na sesión plenaria, destaca o referido á revisión da Directiva sobre o tratamento das augas residuais. Galicia incluíu no texto emendas relativas a diferentes prazos de xeito que estes sexan coherentes e acordes coa planificación hidrolóxica, así como de cara a clarificar a redacción proposta e evitar a necesidade interpretar o texto de xeito que dificulte a súa aplicación.
-
Os gastos derivados da aplicación e posta e marcha de medidas de prevención e control para frear os efectos provoados pola avespa velutina reducen un 20% os beneficios que xera a apicultura en Galicia pola venda de mel, segundo se desprende das conclusións do estudo do impacto económico e ecosistémico desta especie invasora orixinaria de Asia desenvolvido por persoal investigador do grupo Economía Agroalimentaria e Medioambiental, Desenvolvemento Rural e Economía Social (Ecoagrasoc) na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC.
-
A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, sinalou no Parlamento que cómpre que o Executivo central achegue certezas para poder desenvolver os proxectos tractores estratéxicos cos que conta Galicia, e que rectifique o centralismo e a falta de planificación na xestión dos fondos europeos de recuperación. Lorenzana incidiu en que desde a Administración autonómica se seguirá traballando para facer de Galicia un foco de atracción de iniciativas no ámbito da economía verde e dixital, ofrecendo a máxima axilidade administrativa e ofrecendo ao tecido produtivo medidas de apoio para seguir crecendo e creando emprego de calidade no actual contexto de transición.
-
A cifra do desemprego descendeu por primeira vez en Galicia nos últimos 27 anos por debaixo das 130.000 persoas. O mes de xuño pechou con 129.024 persoas en desemprego, a cifra máis baixa de toda a serie histórica, desde o ano 1996. Así o destacou hoxe a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, na valoración que fixo dos datos de paro rexistrado e de afiliacións á Seguridade Social que se publicaron hoxe. A titular de Emprego sinalou que o desemprego baixou e as cotizacións aumentaron tanto na evolución anual como mensual e apuntou que a cifra do paro dos colectivos con máis dificultades para atopar un emprego é a mellor desde que hai rexistros destas variables (2005).
-
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, mantivo hoxe un encontro cos presidentes da federación galega e das tres provinciais de confrarías de pescadores (A Coruña, Lugo e Pontevedra) para analizar a situación do sector e os retos máis inmediatos que afronta. Neste primeiro contacto conxunto tralo seu nomeamento, o titular de Mar trasladou aos representantes das confrarías que a nova Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia -que se debate mañá no Parlamento- vai outorgar ás empresas do complexo mar-industria a seguridade xurídica que precisan, e o Goberno central lles nega, para seguir instaladas preto da costa.
-
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou o “Novo Rexurdimento” dunha Comunidade que, grazas ao esforzo dos galegos que a construíron desde dentro e desde fóra, pasou de ser unha terra de despedidas a unha terra de benvidas. Na entrega en Barcelona dos Títulos de Excelencia Galega 2023 da Asociación de Empresarios Gallegos de Cataluña, Rueda incidiu na Estratexia Galicia Retorna como unha aposta de país, modelo a seguir polo resto de comunidades para que os galegos do exterior teñan facilidades para regresar a estudar ou traballar en Galicia.
-
O Consello da Xunta acordou manter a bonificación adicional do 50 % no transporte público autonómico ata xaneiro de 2024, `prorrogando durante seis meses máis, os descontos que vén aplicando desde setembro de 2022. Seguirá, xa que logo, achegando o 20 % da bonificación total. Esta bonificación do 50 % continuará a aplicarse no transporte interurbano de competencia autonómica, no autobús urbano de Pontevedra e de Ferrol –xa que os servizos se prestan con concesións da Xunta– e no transporte de ría entre Vigo e Cangas e Moaña.