Noticias
-
O secretario xeral de Industria, Nicolás Vázquez, participou nas reunións dos comités executivos de formación e innovación, por unha parte, e de normativa e instrumentos, por outra, dependentes da Alianza Industrial Galega do Hidróxeno Verde para avanzar nos traballos que teñen que ver co desenvolvemento desta enerxía na Comunidade. Deste xeito, o comité encargado da área de formación e innovación acordou promover un Plan global de formación para a cadea de valor do hidróxeno renovable, así como o desenvolvemento dunha FP dual para esta industria. Ademais comezarase a deseñar a curto prazo un Plan de formación en materia de seguridade e xestión de riscos en instalacións de hidróxeno verde.
-
O Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia da USC (IDEGA) presentou os resultados do estudo 'A Economía Galega Informe 2022'. A análise conclúe que Galicia logrou recuperar os niveis de ocupación previos á pandemia cunha evolución "moi positiva" do emprego feminino. Ademais, valora o "impacto positivo da reforma laboral" na redución da temporalidade e o aumento na contratación fixa-discontinua, malia non acadar unha mellora na contratación en prácticas e formación. O informe foi presentado nun acto presidido polo reitor da USC, Antonio López que se desenvolveu no Centro de Estudos Avanzados (CEA).
-
A Xunta fixase como obxectivo que para o remate do ano 2023, os mozos e mozas galegos menores de 21 anos teñan feito 6 millóns de viaxes no transporte público autonómico de xeito totalmente gratuíto, o que suporá 1 millón de viaxes máis que no ano 2022. Estes datos foron revelados na presentación da campaña 'Móvome', que ten como obxectivo fomentar o uso do transporte público na nosa comunidade, para así axudar a consolidar un modelo de mobilidade máis sostible, accesible e económico para a cidadanía.
-
Os peixes e mariscos galegos están dándose a coñecer tanto no territorio nacional como no exterior grazas ao traballo conxunto da Xunta de Galicia e das empresas da comunidade. Trátase dunha estratexia que comezou hai máis de dez anos e que, desde entón, vén adaptándose ás demandas dos consumidores, para dar a coñecer os produtos do mar (frescos, conxelados, en conserva ou noutras presentacións) e poñer en valor a súa calidade e o traballo dos profesionais ao longo de toda a cadea de produción.
-
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que a comunidade galega está a vangarda na loita contra o cambio climático e que a Xunta garante o equilibrio entre a protección da natureza e a actividade económica a través da primeira Lei do clima de Galicia -xa en tramitación- e da Lei de ordenación e xestión integrada do litoral, aprobada o pasado mes de xullo. Durante a súa intervención no II Observatorio dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, organizado en Madrid, Rueda asegurou que o cambio climático é un dos principais desafíos aos que se enfronta o planeta polo que implica a nivel social, económico e para a saúde.
-
Foi presentada a oferta formativa 2023/2024 do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG), unha entidade de prestixio na aportación de talento de calidade ao sector das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) Neste ano vanse duplicar os cursos (113 fronte aos 47 de 2022/2023) e as prazas ofertadas (2.268 fronte a 1.000), así como os seminarios (94 fronte a 41). Actualmente unhas 13.000 persoas do sector TIC son usuarias do centro e que máis de 10.000 se teñen formado nel desde o 2009, 619 delas -pertencentes a 200 empresas- o ano pasado.
-
A Xunta mantén a prealerta por escaseza moderada de auga nos sistemas do río Lérez, en Pontevedra, do río Grande, en Ccamariñas e nos sistemas do río Anllóns, río Mero, Arteixo e ría da Coruña. Ademais continuará a aplicación de medidas equivalentes a un escenario de prealerta por escaseza no subsistema de Baiona, situado no sistema de explotación do río Verdugo, ría de Vigo e ría de Baiona, desde o cal se abastece o concello de Baiona. A directora e o xerente de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez e Gonzalo Mosqueira, respectivamente, participaron esta mañá unha nova xuntanza da Oficina Técnica da Seca. Cómpre lembrar que este ente está integrado polos técnicos de Augas de Galicia e representantes de Protección Civil, Meteogalicia, a Consellería do Medio Rural e a Consellería de Sanidade.
-
Galicia reivindica o seu papel como referente europeo e internacional na loita contra a pesca ilegalO conselleiro do Mar, Alfonso Villares, reivindicou o papel de Galicia como referente europeo e internacional na loita contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada pois contribúe a formar inspectores de todo o mundo para frear estas prácticas irregulares. Fíxoo durante a inauguración do III Curso de fortalecemento de capacidades para a aplicación do Acordo sobre Medidas do Estado Reitor do Porto, coordinado pola Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO) en colaboración coa Autoridade Portuaria de Vigo e a Fundación MarInnLeg.
-
O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, participou na presentación do libro "A salga no fin do camiño. As fábricas de Fisterra", no que Santiago Llovo cataloga os vestixios das plantas de salgadura co obxectivo de preservalos e poñelos en valor. O representante da Consellería do Mar enxalzou o labor deste historiador-escritor para afondar nas orixes da actividade industrial marítimo-pesqueira do noso litoral, actividade iniciada cos cataláns que impulsaron a salga da sardiña como precursores do que agora é a industria de transformación de produtos do mar da comunidade.
-
O Consello da Xunta ven de autorizar un convenio de colaboración entre a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e Cáritas Federadas en Galicia para o desenvolvemento dun proxecto piloto de arraigamento para a formación de persoas inmigrantes en situación irregular en sectores nos que precisan man de obra, facilitando que atopen neles un posto de traballo. É unha iniciativa pioneira que persegue que estas persoas poidan obter unha autorización de residencia e de traballo que facilite a súa integración sociolaboral e a regularización da súa situación, contribuindo a facer fronte á escaseza de persoal en sectores con problemas para atopar man de obra.