Noticias
-
A Xunta defenda a Lei do litoral de Galicia como norma innovadora e referente a seguir para a xestión integrada da costa, tal e como salientou a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez durante a súa intervención na clausura do XI Congreso internacional de ordenación do territorio que se celebrou esta semana en Xixón. Logo de subliñar que Galicia é a primeira comunidade que impulsa unha lei para regular o seu litoral en toda a súa extensión, tanto zona terrestre como área mariña, a vicepresidenta segunda incidiu no “compromiso inquebrantable” que ten a Comunidade coa sostibilidade ao entender a costa desde unha tripla perspectiva social, ambiental e económica.
-
Teremos que volver a ser mulleres e homes das cavernas para poder colonizar a Lúa? Esta é a pregunta á que busca resposta a Axencia Espacial Europea mediante unha serie de proxectos, entre eles, Antennas for Underground Communications, no que colaboran investigadoras e investigadores das universidade de Vigo e Oviedo e a empresa EOSOL Ingeniería. Os responsables desta investigación recordan que, actualmente, existe un grande interese por volver á Lúa, pero esta vez para quedarnos. O problema reside en que a superficie luar é unha contorna sumamente hostil.
-
A empresa Data Spartan organiza os días 26 e 27 de outubro o Corunna Innovate Summit, un congreso que terá lugar no Centro de Servizos Avanzados (CSA) da Cidade das TIC, no que se tratará da revolución que supoñen a intelixencia Artificial (IA), a ciencia de datos e Internet, para tratar de mellorar a forma na que se estrutura a sociedade de cara ao futuro. A inauguración do foro terá lugar o día 26 ás 16:30 horas e continuará ás 17:00h. co investigador Luis Muñoz-González, da empresa Telefónica, que falará da aprendizaxe federada, técnica de aprendizaxe automática que permite adestrar modelo centralizados sen ter que compartir datos sensibles.
-
'Nunca tivemos máis tecnoloxía disruptiva dispoñible ca neste momento', destacaba o director xeral de Telefónica Norte, Manuel Angel Alonso, no II Encontro Ágora da Cátedra Telefónica-UVigo, 'pero esa tecnoloxía precisa talento para ser explotada e a xeración dese talento é un dos grandes retos que temos como sociedade'. Precisamente a formación dese talento foi o eixo central da xornada celebrada no campus de Vigo que reuniu os representantes da tripla hélice: universidade, empresa e administración. Ao longo da mañá e a través de varias mesas redondas e relatorios abordouse a importancia de potenciar o talento e a innovación na era da transformación dixital.
-
Segundo estudos da Universidade de Oxford, unha elevada porcentaxe dos traballos actuais (o 38% do emprego en Galicia) estarían afectados polo risco de automatización. A substitución definitiva dos traballadores tan só se producirá cando exista unha vantaxe evidente pero, na maior parte dos casos, moitos empregos están chamados a entenderse coas novas tecnoloxías. Cabe destacar o especial impacto que suporá nas competencias dos traballadores, que deberán someterse a procesos de reskilling (reciclaxe profesional, é dicir, a capacitación para outro posto, a través da dotación de novas habilidades e competencias) e upskilling (formación dun profesional en novas habilidades e competencias que lle permiten medrar no seu rol actual) para seguir desempeñando os seus postos de traballo.
-
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, inaugurou hoxe o primeiro dos edificios en poñerse en marcha na Cidade das TIC, o Centro de Servizos Avanzados (CSA), nun acto co delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; o presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez del Corral; e o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde. O acto contou coa presenza de numerosas autoridades así como de representantes das principais empresas do sector tecnolóxico e membros da comunidade universitaria da Coruña, nun aforo de máis de 350 persoas.
-
A Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) liderará o novo proxecto eurorrexional 'Transfiresaúde', un programa no que entidades galegas e do norte de Portugal colaborarán para fomentar a innovación e a transferencia de resultados en investigación biomédica. Xunto con ACIS, outros seis socios colaborarán no desenvolvemento dun proxecto que acaba de ser concedido polo Comité de xestión do Programa de Cooperación Interreg (POCTEP), para o impulso do ecosistema de I+D+i en saúde, e que contará cun orzamento superior os 1,8 millóns de euros. A súa duración estenderase durante os vindeiros 3 anos.
-
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o Consello aprobou hoxe o límite de gasto non financeiro da Comunidade Autónoma para o exercicio 2024, que ascende a 13.257 millóns de euros, un 5% máis que o orzamento do presente exercicio. “É dicir, aprobamos un ano máis o teito de gasto máis alto da historia”, resaltou. Rueda lembrou que a Conta Xeral de 2022 revela que a Xunta “fixo ben os deberes” na xestión dos recursos de todos os galegos “cumprindo o obxectivo de déficit e débeda sen renunciar a ofrecer servizos de calidade”. Pola súa banda, o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, asegurou que o obxectivo do Goberno galego é “dar certezas á cidadanía e ás empresas” neste contexto económico.
-
Galicia colle así o relevo de Italia e Francia, países convidados das edicións 2019 e 2021, no que é o maior evento bienal de deseño da península ibérica, que este ano ten a auga como tema central. Este fito permitirá reforzar a difusión e promoción do deseño galego a nivel internacional e tamén as sinerxías creativas co norte de Portugal, dada a relevancia que a Porto Design Biennale alcanzou nas súas dúas primeiras edicións nas que Galicia xa colaborou. No acto de apertura da mostra, o xoves día 19, será presentado tamén un ensaio de David Barro sobre a historia do deseño en Galicia que está coeditado pola Porto Desing Biennale e Experimenta Magazine e que terá unha versión dixital gratuíta en galego.
-
A Xunta convidou os responsables de 25 festivais e axencias de distribución e management de 13 países ao evento profesional Focus Galicia para lles achegar a riqueza musical da nosa Comunidade e o seu estreito vínculo co territorio a través dun intenso programa de actividades que inclúe showcases, presentacións rápidas e reunións. O encontro desenvolverase en espazos de Santiago de Compostela e das Rías Baixas do 22 ao 24 de outubro, días previos á celebración na Coruña do Womex, o encontro itinerante de referencia mundial para a música tradicional e de raíz.