Noticias
-
Galicia convértese na primeira comunidade autónoma en aprobar os seus orzamentos para 2024 logo de que o Parlamento galego dera hoxe o visto e prace definitivo ás contas do vindeiro ano. Estes orzamentos son os máis altos da historia da Comunidade e ascenden a 13.257 millóns de euros para Investir en estabilidade, nas persoas e no futuro. Así, os recursos orzamentarios de 2024 garanten o crecemento estable; consolidan todas as rebaixas de impostos en vigor e inclúen novos incentivos fiscais; reforzan o gasto social e os investimentos e todo iso sen recorrer ao endebedamento por primeira vez en 16 anos.
-
Galicia e Portugal impulsarán unha acción para capacitar ao persoal público no desenvolvemento da infraestrutura verde no marco no proxecto Poctep Green Gap, presentada hoxe. Durante a súa intervención, a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, explicou que o proxecto Green Gap (Impulso das Infraestruturas Verdes Locais para a Restauración da Biodiversidade, a Renaturalización e Deseño dunha Paisaxe Resiliente ante o Cambio Climático das Zonas Urbanas e Rurais) ten como finalidade contribuír a que as administracións locais xoguen un papel máis relevante na promoción das infraestruturas verdes.
-
Desde 1993, o Cesga foi varias veces líder a nivel estatal en capacidade de cálculo, destacando o fito de converterse no ano 2007 en Infraestrutura Científico-Tecnolóxica Singular como membro da Rede Española de Supercomputación. En 30 anos, o centro multiplicou por 2 millóns a potencia do primeiro supercomputador, por 250.000 a capacidade de memoria e por 3 millóns a de almacenamento. O nacemento do Cesga coincidiu coa extensión do uso de internet en Galicia a través da RedIris. Entre os seus maiores activos atópanse os seus recursos humanos, que pasaron de 6 a 51, e a ampla comunidade de usuarios, que pasou de 89 a máis de 1.150 actualmente.
-
Galicia reduciu a súa ratio débeda/PIB ata o 16,1 % no terceiro trimestre do ano, segundo o Protocolo de Déficit Excesivo (PDE) correspondentes a este período publicado hoxe polo Banco de España. Galicia foi ao peche do terceiro trimestre de 2023 a quinta comunidade autónoma de réxime común con menor ratio de débeda/PIB. Esta ratio é tamén seis décimas inferior á rexistrada no trimestre anterior, cando foi do 16,7 %. Ademais, a Comunidade galega ten un diferencial coa media autonómica 6,2 puntos inferior á ratio débeda/PIB da media de comunidades que se situou ao peche do terceiro trimestre en 22,3 %.
-
O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, anunciou hoxe a autorización por parte do Consello da Xunta do convenio coa concesionaria Autoestradas de Galicia para manter conxeladas en 2024 as peaxes nas autoestradas A Coruña-Carballo (AG-55) e do Val Miñor (AG-57) e continuar aplicando as bonificacións activas. Deste xeito, segundo precisou, o Executivo autonómico vai destinar o vindeiro ano 5,5 M€ a estas dúas actuacións, 'beneficiando aos preto de 28.000 usuarios diarios destas dúas vías'.
-
A plataforma InnovaRedes porá toda a capacidade científica e tecnolóxica galega ao servizo das pemesA súa finalidade é impulsar a colaboración entre os distintos axentes de demanda e oferta tecnolóxica dunha forma áxil, directa e aberta, para acelerar o proceso de desenvolvemento tecnolóxico, valorizar o coñecemento e que as pemes atopen os recursos e capacidades que precisan para innovar. InnovaRede nace con información de 35 axentes de I+D+i de Galicia e coa aspiración de seguir medrando. A plataforma recolle unha síntese de información priorizada de cada un deles sobre quen son, onde se atopan, como contactalos e a que se dedican. En total, a ferramenta inclúe 750 patentes, 3700 publicacións e 3500 proxectos, que representa o coñecemento de maior utilidade para as empresas.
-
A investigación ‘Análise da oferta da actividade comercial e demanda dos turistas e peregrinas/os en Compostela como final do Camiño’, realizada ao abeiro da Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións, aborda o influxo do consumo na configuración urbana comercial de Compostela, prestando especial atención ao fenómeno das peregrinacións na Ruta Xacobea e a como afecta as dinámicas comerciais. A investigación realizada por Sara María Torres Outón da UVigo baséase en 200 cuestionarios a comerciantes, hostaleiros e profesionais localizados nos eixos de entrada dos camiños, ensanche e zona vella.
-
Os principais factores que limitan o crecemento do tecido empresarial galego son o exceso de burocracia e a falta de financiamento, unido á escaseza de persoal cualificado e ás dificultades para acceder a axudas e subvencións. Así o explicaron este xoves os catedráticos e investigadores do grupo de investigación GEN da Universidade de Vigo, Santiago Lago e Patricio Sánchez, na presentación do informe Tecido empresarial galego e dinámica empresarial. Análise comparada, elaborado por encargo do Consello Económico e Social de Galicia.
-
Galicia aborda coa Comisión Europea a aplicación rexional dos Obxectivos de Desenvolvemento SostibleA directora da oficina de Bruxelas da Fundación Galicia Europa, Ana Ramos, inaugurou o oitavo encontro do ano do ciclo FGE | NextGeneratiOn Galicia, o foro de debate mensual entre a Xunta e as institucións europeas. Esta última reunión de 2023 centrouse no compromiso das rexións cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), establecidos en 2015 como parte da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible, un plan de acción con 17 obxectivos e 169 metas que aborda cuestións como a pobreza, a saúde, a educación ou o clima.
-
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, reclama que se produzan avances na negociación que se mantén no Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea que debe fixar os totais admisibles de capturas (TAC) e cotas para 2024 en augas comunitarias, pois de momento son escasos fronte á proposta inicial presentada pola Comisión Europea. O obxectivo de Galicia é que a súa frota poda dispor para o ano próximo duns cupos que garantan un futuro sostible tamén nos ámbitos social e económico, en equilibrio coas recomendacións científicas e o respecto ambiental. A aposta non debe ser, dixo, limitar os recortes ou manterse, senón “poder pescar máis”.