Noticias
-
Galicia propuxo este ano un total de 117 praias —40 pertencentes á provincia da Coruña, 16 á de Lugo e 61 á de Pontevedra— como candidatas a optar á Bandeira Azul 2024, a mesma cifra que as que xa presentara na edición anterior. Así o avanzou hoxe a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, tras participar en Madrid na reunión do xurado nacional encargado de conceder uns distintivos cos que a Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac) recoñece anualmente a areais de todo o mundo seleccionados en base a unha serie de criterios de sustentabilidade, accesibilidade e servizos, entre outros.
-
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe na reunión da comisión de Recursos Naturais (NAT) do Comité Europeo das Rexións (CdR), onde, entre outras cuestións, se abordou o debate arredor dun ditame sobre o futuro da Política Agrícola Común (PAC). O ditame constituirá a resposta do CdR ao diálogo estratéxico iniciado este mes no marco comunitario ante a previsión de que a Comisión Europea adopte en 2025 a súa proposta lexislativa sobre a PAC posterior a 2027. A este respecto, as autoridades rexionais e locais reivindican que se reforce o seu papel na xestión e aplicación dos planes estratéxicos da PAC.
-
O Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia celébrase anualmente en torno ao 11 de febreiro en recoñecemento ao papel que desempeñan as mulleres na comunidade científica e tecnolóxica. As liñas de actuación para incrementar a presenza de nenas nas carreiras STEM pasan por atraer ás nenas cara á ciencia e a tecnoloxía e romper os estereotipos de xénero, achegándolles referentes femininos ou fomentando a elección non sesgada dos estudos. A Axencia Galega de Innovación desenvolve programas de Fomento das vocacións científico-tecnolóxicas, coma os espectáculos no CIS Tecnoloxía e Deseño de Ferrol centrados na importancia das mulleres científicas e tecnólogas na historia.
-
A Alianza galega polo clima conta xa con 100 membros trala adhesión da Asociación Española de Maioristas, Importadores, Exportadores e Transformadores de Produtos da Pesca e da Acuicultura (Conxemar) ao compromiso de loita contra o quecemento global. Deste xeito a entidade -que conta con máis de 230 empresas asociadas, máis dun cento delas galegas- colaborará na creación de sinerxías para aumentar a resiliencia da Comunidade ante o cambio climático. Galicia ten avanzado moito nos últimos anos na loita contra o cambio climático pois desde 1990 reduciu un 34% as emisións brutas de gases de efecto invernadoiro e en 2021 foi a primeira comunidade en absorción de carbono con preto de 10 millóns de toneladas, o equivalente a unha de cada cinco toneladas absorbidas en todo o territorio nacional.
-
Galicia comeza 2024 con 131.101 persoas en paro: a cifra máis baixa nun xaneiro desde que hai rexistros, é dicir, desde hai 28 anos (1996). A baixada reflectida na evolución anual (-9,62%) sitúa a Galicia como a segunda comunidade autónoma na que máis caeu o paro. Galicia conta con 13.947 persoas menos en situación de desemprego que en xaneiro de 2023. A caída reflectida tivo lugar nas catro provincias, nas sete cidades e en todos os sectores de actividade, liderando a baixada a industria (-14,23%), seguido da construción (-12,22%). Por colectivos prioritarios, a cifra de menores de 30 anos e de mulleres é a máis baixa nun xaneiro desde que hai rexistros, desde 2005. En canto ás afiliacións, Galicia gañou no último ano 19.793 cotizacións á Seguridade Social e segue a superar o millón (1.050.530) cun nivel superior ao reflectido hai 15 anos.
-
A Xunta vai desenvolver un marco normativo para regular a protección dos dereitos de propiedade intelectual e industrial xurdidos na Formación Profesional galega. “Galicia vai ser a primeira comunidade” en contar cunha regulación. Trátase dun paso esencial para blindar que os resultados de investigación e innovación aplicada xurdidos do traballo do alumnado dos centros educativos de Formación Profesional revertan no sistema educativo. Deste marco regulador tamén se vai beneficiar o profesorado e as empresas e entidades que prestan a súa colaboración nos distintos ciclos de Formación Profesional.
-
O principal obxectivo do programa Fly The Future é espertar no estudantado de educación secundaria a vocación polas carreiras universitarias STEM para potenciar a súa empregabilidade no futuro, en centros de investigación e empresas como as que atoparán no Polo Aeroespacial de Galicia. Avincis, cunha importante presenza na comunidade, é un dos socios tecnolóxicos e industriais no Polo Aeroespacial de Galicia, onde está a desenvolver un programa de I+D en colaboración coa compañía Telespazio centrado en dar resposta a retos relacionados coa biodiversidade a través de tecnoloxías de sistemas non tripulados.
-
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, reclamou celeridade ao ministro de Agricultura e Pesca, Luis Planas, na posta en marcha do Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (Perte) para a cadea mar-industria comprometido e polo que leva agardando o sector preto de dous anos despois da súa exclusión do Perte Agroalimentario. O conselleiro subliñou a importancia do Perte que resulta fundamental para que as entidades empresariais podan acceder a fondos europeos que resultan estratéxicos para a realización de importantes investimentos que fagan posible que as empresas podan continuar afondando na súa transformación.
-
A promoción do destino Galicia na Feira Internacional de Turismo, Fitur, remata con elevados índices de participación tanto nas xornadas profesionais como nas do público xeral. Ao longo dos cinco días nos que se celebrou a feira, a Comunidade galega amosou e promoveu novos produtos e experiencias turísticas vencelladas, entre outras, co Camiño de Santiago, a natureza, a gastronomía ou a auga, a temática na que se centraba o novo expositor institucional da Xunta de Galicia, que acolleu preto de medio cento de presentación.
-
O I Foro de Investigación Galega no Estranxeiro, organizado conxuntamente pola Xunta e InvestiGal e enmarcado no Programa de Talento do Goberno galego, persegue establecer un punto de referencia que permita intercambiar ideas e establecer relacións entre o persoal investigador no estranxeiro e o afincado en Galicia; dar a coñecer a investigación que está a realizar este colectivo e manter o seu contacto con Galicia co obxectivo de que desenvolvan unha traxectoria de excelencia na nosa Comunidade. Así mesmo, servirá para dar a coñecer o ecosistema galego de I+D+i, representado pola Xunta e as tres universidades galegas, e visibilizar as oportunidades de retorno de talento á nosa Comunidade.