Noticias
-
Optimizar e incrementar as capacidades en investigación e transferencia de coñecemento é o obxectivo do convenio de colaboración que este martes 12 asinaron as tres universidades públicas galegas coa Consellaría de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades. O acordo céntrase no reforzo de persoal de xestión da transferencia e a innovación, así como na consolidación de estruturas de investigación. Tal e como salienta o convenio, 'a transferencia de coñecemento é un dos mecanismos polos que o valor creado na universidade a través da investigación retorna á sociedade'. Pola súa contribución ao desenvolvemento e ao crecemento económico, 'a transferencia constitúe unha actividade fundamental para a Universidade'.
-
En 2022 creáronse na nosa Comunidade 142 cooperativas (a cifra máis elevada da serie histórica) con 542 socias e socios promotores, o 50% deles mulleres. Tamén 24 sociedades laborais, con 58 socias e socios (41% mulleres) e 7 centros especiais de emprego. Para seguir co pulo a este modelo que prima os beneficios colectivos e sociais sobre a rendibilidade económica, a conselleira recordou que se veñen implemantando medidas que se reforzarán en 2024. De feito, increméntase un 3% o presuposto neste apartado chegando aos máis de 43,6 millóns de euros, co propósito de avanzar -precisamente- na creación e consolidación de iniciativas de economía social, pero tamén co de incidir na súa difusión e na promoción do emprego inclusivo.
-
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, compareceu hoxe no Pleno do Parlamento galego para dar conta das medidas da Xunta co gallo de mellorar a situación laboral e económica da mocidade en Galicia. Unhas medidas que, segundo aseverou, contribuíron a que a taxa de paro entre as persoas de 24 a 29 anos pasase de representar o 19,6% en 2018 a situarse no 14,3% no último trimestre deste ano. Na súa intervención, a conselleira referiuse á mocidade como un “colectivo prioritario en todas as políticas de emprego da Xunta, clave para garantir o futuro de Galicia”.
-
O sistema educativo galego mantén unha boa situación en todas as variables analizadas polo Informe PISA, cun liderado claro en ciencias e en equidade, segundo os datos correspondentes a 2022 que acaban de coñecerse. O estudo reflicte un contexto xeneralizado de baixada nos resultados acadados, tanto a nivel estatal como internacional, consecuencia da afectación da pandemia no sistema educativo, tal e como conclúen os autores de PISA. Pese a esta realidade esperada, Galicia mantén o seu diferencial co respecto á media do conxunto das comunidades autonómas e do contexto internacional.
-
O turismo galego mantén ata outubro a senda do crecemento segundo se constata cos datos feitos públicos hoxe polo Instituto Nacional de Estatística, que eleva a máis de 6,4 millóns de viaxeiros aloxados nos establecementos turísticos nos 10 primeiros meses do ano que fixeron máis de 12 millóns de noites, o que supón incrementos do 6,5 % e do 5,9 %, respectivamente. Esta situación está a repercutir, ademais, desde o punto de vista económico, no sector como indican os índices de rendibilidade hoteleira que están incrementándose un 7 %, os datos máis altos desde que hai rexistros.
-
A Xunta traballa nunha solución para optimizar a captura de carbono e compensar as emisións da comunidade á atmosfera mediante a xestión sostible e activa dos sumidoiros naturais de carbono existentes no territorio galego a través do proxecto Solucións innovadoras para a compensación local de emisións de CO2 (SICLE-CO2). Esta iniciativa está a explorar as capacidades de colaboración público-privada para desenvolver fórmulas que permitan compensar as emisións de gases de efecto invernadoiro no ámbito galego.
-
Deste o xoves pola tarde e ata o vindeiro martes, Ourense acolle a celebración de Futurgal Summit 2023, unha cita na que participan máis de 50 especialistas. A través de experiencias de éxito e o coñecemento disruptivo, quere profundar en “ideas audaces e transformadoras para resolver os novos desafíos da sociedade e construír un futuro sostible e inclusivo”. As súas primeiras sesións estiveron dedicadas a diferente apoios que teñen as persoas emprendedoras para sacar adiante os seus proxectos. O evento está organizado pola Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo.
-
Esta análise desde a óptica macroeconómica e microeconómica do impacto que este tipo de medidas tería tanto sobre o propio sector, que podería ver facilitadas as súas ventas coa baixada do IVE, como sobre o conxunto da sociedade, que podería ver mellorada a renda dispoñible, simulouse cun cambio no tipo efectivo do 10% fixado pola lei para os produtos do mar ao 5%, á metade. Nesta investigación empregaron unha matriz de contabilidade social creada a partir da integración das Táboas Input-Output da Pesca e a Conserva Galegas 2019 elaboradas polos expertos da USC para a Consellería do Mar e das Táboas Input-Output de Galicia 2018 do Instituto Galego de Estatística (IGE).
-
A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou hoxe na Comisión Operativa da Inspección de Traballo e Seguridade Social de Galicia que se celebrou en Santiago de Compostela, unha xuntanza á que, entre outros, asistiu o director territorial da Inspección de Traballo e Seguridade Social de Galicia (ITSS), Demetrio Fernández. Na reunión aprobáronse os obxectivos e determinouse a actividade prioritaria a desenvolver pola Inspección de Traballo en Galicia ao longo de 2024.
-
O proxecto Aeroganp, liderado polo Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais da UVigo e cofinanciado polo programa Interreg España-Portugal POCTEP, xa está en marcha. O seu obxectivo é crear unha rede de investigación aeroespacial na eurorrexión Galicia-norte de Portugal. O consorcio que o desenvolve está formado por 12 socios: as tres universidades galegas e as portuguesas de Minho e Porto, centros tecnolóxicos como Gradiant, ITG, Inesctec ou Ceiia, administracións públicas como a Axencia Galega de Innovación e a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal e o Consorcio Aeronáutico de Galicia.