Noticias
-
A directora da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Sonia Rodríguez-Campos, destacou hoxe a importancia da regulación da intelixencia artificial durante a clausura do XVIII Congreso da Asociación Española de Profesores de Derecho Administrativo (AEPDA), dedicado ao Dereito Administrativo na era da intelixencia artificial. Durante a súa intervención destacou as oportunidades e avances que ofrece esta nova tecnoloxía pero tamén fixo fincapé na necesidade de desenvolver un marco normativo na Comunidade Autónoma, en liña co regulamento europeo de IA, para xerar confianza na cidadanía e nos empregados públicos.
-
Foron presentados os comités que asesorarán o Proxecto Xenoma Galicia, a nova iniciativa sanitaria coa que a Xunta recompilará o ADN de 400.000 galegos e galegas, co obxectivo de poder detectar enfermidades antes de que aparezan, diagnosticalas dun xeito precoz e ofrecer tratamentos farmacolóxicos individualizados. O devandito proxecto, permitirá identificar as variantes xenéticas das persoas que, con idades comprendidas entre os 35 e os 65 anos, participen neste programa. Así, o conselleiro destacou o seu carácter “de país”, de acordo ao grande valor científico-sanitario que terá a recollida e secuenciación destes datos xenéticos.
-
As obras do Centro de Protonterapia de Galicia situaranse na contorna do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, e estará proxectada a construción duns edificios que ocuparán 3.683 metros cadrados, ademais de contar con 6.075 metros cadrados de espazos exteriores. No seu interior, o centro de terapia de protóns dividirase en dous niveis. Unha planta baixa para a recepción de pacientes e as áreas de tratamento, persoal e mantemento; e un primeiro andar onde se situará a zona de dirección e os equipamentos do edificio. Así mesmo, o inmoble contará con dous búnkers, que poderán albergar dous equipos Proteus One, reservándose o espazo para instalar, de ser o caso, un terceiro.
-
A Comunidade galega asume desde hoxe oficialmente a coordinación da marca turística da España Verde co propósito de avanzar da man do ecoturismo e sostibilidade nos distintos territorios que conforman a marca que son, ademais de Galicia, tamén Asturias, Cantabria e o País Vasco. No transcurso da Feira Internacional de Turismo, Fitur, que está a ter lugar en Madrid esta semana, celebrouse o acto no que se oficializou o traspaso de poderes entre o País Vasco e a Comunidade galega, que asume este 2024 a coordinación anual desta marca turística. No acto participaron o xerente de Turismo de Galicia, Antonio Casas e o consejero de Turismo, Comercio e Consumo do Goberno Vasco, Javier Hurtado, como coordinador saínte. Estiveron acompañados por conselleiros das outras comunidades.
-
Celebrouse a última sesión do grupo de contacto entre o Comité das Rexións e o Reino Unido, centrada nos problemas da falta de participación dos entes locais e rexionais na gobernanza do Acordo de Comercio e Cooperación entre a UE e Reino Unido, marco que dende 2021 codifica as relacións sobre a base da preservación da cooperación. O papel das rexións e cidades non está recoñecido formalmente no acordo, a pesar das grandes repercusións territoriais e competenciais deste convenio a nivel subestatal. A cuestión abordouse a través de dúas sesións temáticas. Na primeira, Bretaña exemplificou o impacto que o Brexit e a aplicación do Acordo están tendo na súa economía, moi dependente das relacións co país veciño.
-
A industria musical galega ten un efecto global na economía de Galicia de 227,7 millóns de euros e implica unha xeración de emprego de 3250 postos de traballo, valores que resultan da suma dos impactos directo, indirecto e inducido. Estas son as cifras que recolle un informe pioneiro de autodiagnose do sector impulsado pola Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) e realizado por un equipo de investigación da Universidade de Santiago de Compostela (USC). O informe, titulado 'Impacto da industria musical de Galicia: tendencias, retos e oportunidades', recolle valores do ano 2022 mediante un proceso de investigación social e económica con rigor académico.
-
A Xunta de Galicia pide a Alcoa claridade sobre as súas previsións con respecto á planta da Mariña e demanda unidade e coordinación por parte das administracións e traballadores fronte á empresa para reclamarlle que cumpra cos compromisos adquiridos. A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, exixiu á empresa que clarifique “o seu plan de actuación, que concrete o plan de negocio para a factoría e que traslade ao Goberno central e á Xunta cales son as súas solicitudes e os apoios que precisa para reactivar e dar continuidade á actividade e á planificación acordadas cos traballadores”. Lorenzana advertiu de que a empresa ten que cumprir o acordo pois “na Xunta imos estar vixiantes e apoiar todo o proceso para garantir que os compromisos se cumpran”.
-
Galicia foi unha das primeiras rexións europeas en participar directamente nesta iniciativa. En 2019, a nosa comunidade acolleu unha visita de estudo de 11 funcionarios procedentes de Libia para compartir a experiencia e boas prácticas galegas no ámbito do procesamento de produtos mariños e a xestión das poboacións de peixes. De feito, un dos puntos destacados do evento foi a presentación do proxecto TAMSALL (acrónimo en inglés para Cara a un novo enfoque multinivel compartido para a gobernanza local de Libia), lanzado en 2021 no marco da Iniciativa Nicosia de cooperación libio-europea.
-
A Axencia Galega da Calidade Alimentaria participará no proxecto europeo AgrifoodTEF (Testing and Experimenting Facilities), que ten como fin a incorporación da intelixencia artificial e tecnoloxías robóticas ao sector agroalimentario e forestal. A Axencia forma parte dunha iniciativa que, en total, mobilizará 60 millóns de euros nos próximos catro anos. Este orzamento está repartido entre nove Estados membro da UE (Alemaña, Austria, Bélxica, España, Francia, Holanda, Italia, Polonia e Suecia) con 30 entidades participantes.
-
Galicia recibirá inicialmente unha asignación de 25,2 millóns de euros no novo reparto territorial dos fondos europeos destinados a financiar diferentes liñas de axudas en materia de vivenda que se convocarán este ano. Tras asistir esta mañá á Conferencia Sectorial de Vivenda, Urbanismo e Solo que se celebrou en Madrid, a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, explicou que a Xunta está de acordo coa distribución entre as comunidades acordada hoxe pero emprazou ao Goberno central a facer “un esforzo” e incrementar os fondos destinados a este eido.