Noticias
-
Celebrouse a décima edición do Cume Europeo das Rexións e das Cidades na cidade valona de Mons. Concibido para reunir os representantes europeos electos a nivel rexional e local, trátase do maior evento organizado polo Comité Europeo das Rexións (CdR), que celebrou o seu 30º aniversario coincidindo coa xuntanza. Durante as dúas xornadas abordáronse algúns dos retos que afrontarán as rexións e cidades europeas durante os próximos anos e a súa visión sobre o futuro de Europa. Dita visión quedou plasmada na Declaración de Mons, na que os representantes reivindicaron ter un papel protagonista de cara á formulación da próxima axenda estratéxica da Unión Europea e das prioridades políticas da vindeira Comisión.
-
As deputacións provinciais galegas son entidades financeiramente saneadas. Presentan un endebedamento moi baixo e mesmo nos anos de recesión económica constátase un saldo orzamentario axustado positivo. O groso dos seus orzamentos destínase a infraestrutura, servizos sociais e transferencias a outras administracións. Ourense e Lugo son as que contan con máis recursos por habitante. Estas son algunhas das conclusións recollidas nun informe feito público este luns polo Observatorio Municipal Galego, da Rede Localis, no marco das actividades da Cátedra de Bo Goberno Local da Universidade de Vigo.
-
Galicia e Portugal colaborarán ata 2026 na mellora da selección e tratamento de residuos de envases mediante o uso da intelixencia artificial a través do proxecto europeo Gresint. Esta iniciativa, que conta cun orzamento de preto de 800.000 euros, contribuirá a modernizar as infraestruturas existentes de xestión de residuos e optimizar os seus resultados. Os traballos incluirán a instalación de novos sensores en cintas e motores das plantas de tratamento de Cerceda e Porto, co obxectivo de separar mellor os residuos; o uso de dispositivos para detectar de xeito áxil os materiais que non poden recuperarse; e o emprego de intelixencia artificial e de robots para axilizar todo o procedemento.
-
Reuníronse hoxe de forma telemática os responsables de Medio Rural das comunidades da Cornixa cantábrica para avanzar nunha ampla alianza común -na que tamén participan as organizacións profesionais agrarias e cooperativas de Galicia- co fin de reclamar, de maneira conxunta, maior flexibilidade na PAC e a súa adaptación á realidade destes territorios. Este encontro coincide no tempo co que celebra en Madrid o Órgano de Coordinación do PEPAC, no que participan as comunidades autónomas -entre elas Galicia- e o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Nesta xuntanza de carácter técnico púxose de manifesto, a xuízo da Xunta, que a Comisión Europea está sendo mesmo “máis ambiciosa” que o Ministerio á hora de abrirse á flexibilización da PAC, grazas á presión negociadora das comunidades autónomas.
-
Celebrouse a reunión da asemblea e o consello superior da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) da Eurorrexión Galicia - Norte de Portugal, na que se aprobou o plan de actividades e o orzamento do organismo para este exercicio. Neste encontro fíxose balance das principais levadas a cabo pola entidade ao longo de 2023, entre elas, a sinatura o pasado novembro do protocolo co Consello Sindical Interrexional Galicia- Norte de Portugal, para mellorar as condicións socio-laborais dos traballadores transfronteirizos; a celebración do 2º Encontro de AECT Ibéricas en materia de cooperación transfronteiriza ou o 1º Seminario de Directores e Editores de Medios de Comunicación da Eurorrexión organizado o pasado xuño co obxectivo de debater a situación no sector e encontrar novas vías de colaboración.
-
O conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, reuniuse con representantes de Unións Agrarias, Sindicato Labrego Galego, Asaga, Agaca e Fruga, as principais asociacións profesionais agrarias de Galicia. O obxectivo desta xuntanza foi avanzar na postura conxunta de Galicia diante do debate sobre o futuro da PAC, no marco das reunións técnicas que se están celebrando en Madrid entre o Goberno e as comunidades autónomas para flexibilizar o Plan Estratéxico da PAC (Pepac) 2023-2027. Es encontro tivo como obxectivo avanzar no deseño consensuado do documento que Galicia trasladará ao Goberno de España, como resposta ao posicionamento do Executivo na negociación para flexibilizar o Pepac.
-
Neste Plan anual 2024, enmarcado no V Plan Director da Cooperación Galega 2023-2026, recóllese a publicación das convocatorias plurianuais de subvencións para proxectos de cooperación no exterior e outros axentes de cooperación, de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global, a convocatoria anual de acción humanitaria e a de 6 bolsas de formación para persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento. Ademais, neste ano manterase a liña financeira para axuda humanitaria ou de emerxencia co obxectivo de dar resposta por parte da Xunta cando se produza un chamamento internacional por mor dunha catástrofe ou crise humanitaria.
-
A Xunta de Galicia vén de lanzar un novo programa de formación en liña dirixido ao sector turístico coa intención de dar a coñecer a utilidade de distintas ferramentas de intelixencia artificial no eido turístico. Baixo o nome Descubre o poder da Intelixencia artificial na empresa turística de Galicia, terá 21 horas de duración en sete sesións de tres horas cada unha, que comezarán o vindeiro mércores 13 de marzo e se desenvolverán ata o 29 de abril. A intención é posicionar ás empresas turísticas galegas na vangarda da innovación dixital, para o que se ofrecen 100 prazas. Está dirixido a emprendedores, directivos ou xefes de departamento de empresas do sector turístico galego. As persoas interesadas poden obter máis información na web de Turismo de Galicia.
-
A conselleira de Economía, Industria e Innovación en funcións, María Jesús Lorenzana, anunciou hoxe que a Xunta de Galicia presentará alegacións ao proxecto de Real Decreto polo que se regula a produción de enerxía eléctrica en instalacións situadas no mar, presentado o pasado mes de febreiro polo Goberno central. Lorenzana, acompañada do conselleiro do Mar en funcións, Alfonso Villares, participou hoxe nunha xuntanza do Observatorio da eólica mariña, convocada coa finalidade de recoller as suxestións dos sectores implicados para, dixo, “ter unha postura inequívoca desde a comunidade autónoma de Galicia en relación ao contido deste real decreto”.
-
O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a orde mediante a cal se convocan as axudas da Política Agraria Común do ano 2024. Estímase que esta convocatoria manteña no seu conxunto unha dotación de 200 millóns de euros -similar á dos últimos anos- para os 25.000 agricultores e gandeiros galegos beneficiados de media cada ano. Esta orde ten dúas vías de financiamento, sendo a principal as axudas de xestión extraorzamentaria, financiadas polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía Agraria (FEAGA) e que, debido aos cambios na xestión orzamentaria derivados da entrada en vigor do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027, aínda non poden ser cuantificadas.