Noticias
-
A Xunta pide a Bruxelas unha “maior concreción e ambición” nas medidas de apoio a agricultores e gandeiros, en referencia á reunión celebrada onte polos ministros europeos de Agricultura, e da que, tras lamentar non ter unha comunicación oficial por parte do Goberno central, polo que “puidemos coñecer polos medios saíron boas intencións, pero sen acordos lexislativos nin un cronograma de actuacións”. Así o manifestou esta mañá o conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, nunha visita a unha explotación de vacún de carne en extensivo de razas autóctonas Cachena e Limiá situada no concello ourensán de Laza, na que estivo acompañado polo alcalde deste municipio, José Ramón Barreal, e a xerente e socia da granxa, Teresa Gayoso.
-
A economía galega medrou no ano 2023 un 1,8%, segundo se desprende do informe de contabilidade trimestral referente ao cuarto trimestre do ano pasado, publicado hoxe polo Instituto Galego de Estatística (IGE). Deste xeito, cúmprese a revisión á alza das previsións macroeconómicas feita polo Goberno galego o pasado mes de outubro, proba do realismo e a prudencia nas estimacións dos orzamentos autonómicos. Ademais, Galicia encadea xa tres anos de crecemento logo da pandemia. O informe mostra tamén que no 4º trimestre do ano, o PIB aumentou un 1,8% con respecto ao mesmo trimestre do ano anterior e que en canto á evolución intertrimestral, a taxa do PIB autonómico situouse no 0,8%.
-
O sector marítimo-pesqueiro galego recolleu entre os anos 2020 e 2023 preto de 425 toneladas de lixo das costas galegas ao abeiro de 36 proxectos colectivos desenvolvidos no marco das convocatorias de axudas para accións de protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas mariños mediante a recollida de residuos. Estas accións promovidas desde a Consellería do Mar, que lidera en funcións Alfonso Villares, involucraron a arredor de 1.200 persoas e 145 embarcacións de confrarías e pescadores repartidas por toda Galicia. Supuxeron un investimento público de máis de 1,6 millóns de euros.
-
As trinta pemes innovadoras e/ou de base tecnolóxica participantes na segunda edición da aceleradora para a internacionalización Galicia Avanza presentaron esta mañá en Tecnópole os logros acadados ao longo dos dez meses que durou o programa. Esta iniciativa púxose en marcha en 2022 como resultado da colaboración entre a Consellería de Economía, Industria e Innovación -a través da Axencia Galega de Innovación (Gain) e do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape)- e o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole). Desde entón, 60 pemes das catro provincias galegas participaron no programa.
-
A Xunta insiste ao Goberno central na necesidade de liderar en Bruxelas a petición dunha "moratoria inmediata" de toda a nova normativa comunitaria que está poñendo trabas burocráticas innecesarias ás explotacións que "están asfixiando aos agricultores e gandeiros". Así o advertiu esta tarde o conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, na súa intervención, por videoconferencia, no Consello Consultivo de Política Agrícola para Asuntos Comunitarios, que estivo presidido polo ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas.
-
Investigadores do campus de Ourense, ligados á Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, realizaron un estudo de viabilidade dunha misión ao planeta Marte usando propulsión solar eléctrica, en contraposición coa propulsión química, que é o método empregado tradicionalmente no espazo. Nel demostran a súa superioridade e presentan un deseño preliminar completo dun satélite con este sistema eléctrico. O traballo foi publicado recentemente na revista Acta Astronautica nun artigo titulado Feasibility study of a solar electric propulsion mission to Mars e está asinado por Marco Casanova, Fermín Navarro e Daniele Tommasini (egresado e profesores respectivamente da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo).
-
O Festival de Málaga celebrará a súa 27ª edición do 1 ao 10 do vindeiro mes de marzo cunha decena de títulos galegos en exhibición. Ademais de As neves e Tratamos demasiado bien a las mujeres, que optan á Biznaga de Ouro na sección oficial a concurso, e de Aurora e Salvaxe, salvaxe, seleccionadas na categoría de longas documentais, a representación galega esténdese a outros moitos apartados do certame con sete curtas, ademais de ao mercado profesional MAFIZ. Nel, Galcia volverá contar cun espazo propio desde o que se coordinarán diferentes accións de difusión do noso audiovisual, como reunións profesionais, proxeccións para axentes internacionais de venda e un evento promocional.
-
Cinco anos despois do seu lanzamento a bordo dunha nave Soyuz dende a base espacial rusa de Vostochny, en Siberia, o Lume-1 reentrou este mércores na atmosfera. Neste tempo, o satélite da Universidade de VIgo completou máis de 28.700 órbitas arredor da Terra, percorrendo unha distancia aproximada de 1300 millóns de quilómetros. A mensaxe de reentrada na atmosfera recibiuse ás 04.04 horas desta madrugada e a última transmisión na estación de Vigo tivo lugar onte martes. Aínda que a vida útil destes nanosatélites é reducida, entre 6 meses e 1 ano, o Lume superou non moito estas expectativas e fíxoo con “todos os seus compoñentes en perfecto estado, o que é pouco común despois de tanto tempo exposto ao ambiente espacial.
-
Foron presentadas novas edicións dos programas Mentoring Traballo Autónomo e Galicia Camiño Emprendedor cos que a Xunta busca, entre outros, impulsar a consolidación de empresas e negocios. A primeira das iniciativas desenvólvese en colaboración coa Fundación Ronsel desde o ano 2020 para reducir os riscos na actividade profesional das persoas traballadoras autónomas, acompañalas na adaptación ou transformación dos seus negocios ás necesidades de mercado e á situación actual, e contribuír, mediante melloras nas áreas de xestión e outras, ao incremento dos seus contactos profesionais e da súa actividade económica, así como das condicións de traballo asociadas para acadar un maior benestar laboral.
-
O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, asegura que vivimos unha complicada situación para o sector marítimo-pesqueiro galego, onde a actual conxuntura, repleta de dificultades polo impacto económico dos conflitos en Ucraína ou Oriente Medio, fai necesario incrementar o apoio a unha actividade estratéxica. Por un lado, dixo, é máis necesaria ca nunca a rebaixa do IVE aos produtos do mar e, por outro, a activación dun Perte (proxecto estratéxico para a recuperación e transformación económica) que debe ser moito máis ambicioso que o avanzado, pois dotado con apenas 40 millóns de euros en axudas e outros dez millóns en préstamos é apenas a décima parte do que demandaba o sector.