Noticias
-
O dispositivo despregado pola Xunta nas praias e no mar para a recollida dos pellets perdidos polo mercante Toconao en augas portuguesas permitiu recuperar ata o momento preto de 2.800 quilos deste material, o equivalente 111 sacos. A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, fixo balance dos resultados obtidos ata a xornada de onte e salientou que desde o 10 de xaneiro tamén se retiraron dos areais máis de 6.000 quilos doutros plásticos asimilables a residuos urbanos.
-
Segundo os datos estatísticos do Informe anual de inserción laboral do alumnado de FP, que nesta ocasión analiza a situación dos estudantes que remataron os seus estudos no curso 2019-20 en Galicia, o 85,4% dos titulados de FP estaban traballando no período 2019-20, o que significa un crecemento do 0,8% con respecto ao último estudo publicado ata o momento relativo ao período 2017-18. No caso da FP Dual -onde os estudantes combinan formación académica con formación práctica nas empresas dos respectivos sectores-, a porcentaxe de empregabilidade acada o 97%.
-
O Consello da Xunta aprobou o Protocolo de actuación contra as violencias sexuais e LGBTI fóbicas nos espazos de lecer nocturno. Esta medida enmárcase no obxectivo de “tolerancia cero” ante calquera tipo de violencia e busca “previr, detectar e saber como actuar no caso de detectar algunha”. É o resultado dun proceso participativo coas achegas do Observatorio da Violencia de Xénero, do Observatorio LGBTIQ+, e das entidades representativas do sector que, a través da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, fixeron as súas alegacións: a Federación de Hostelería de Pontevedra (Feprohos), a Federación de Asociacións Provinciais de Empresarios de Salas de Festa, Baile e Discotecas de Galicia (Fesdiga), a Asociación de Hostelería de Galicia e a Asociación Galicia de Noite.
-
O Foro Económico de Galicia, coordinado desde o campus de Ourense polo Grupo Governance and Economics Research Network (Gen), presentou este xoves en Santiago de Compostela o seu Informe de conxuntura socioeconómica IV/2023. Nel destacan que nun contexto de contracción económica na UE o crecemento da economía galega tamén amosa unha ralentización. Porén, engaden os seus autores, “as taxas de variación interanuais seguen a ser superiores ás dos principais socios comerciais galegos, agás Portugal”. Segundo o documento, o PIB galego medra un 1%, oito décimas inferior á media española, e en termos intertrimestrais a economía galega contráese un 0,3%, porcentaxe superior á estimada na zona euro e que contrasta coa suba do 0,3% en España.
-
A Xunta de Galicia intensificará a vixilancia das praias ante a posible chegada de máis pellets nos vindeiros días polo cambio das condicións marítimas, segundo informou hoxe a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez. Durante a reunión que mantivo esta tarde con técnicos de MeteoGalicia para analizar a evolución das correntes mariñas, á que tamén asistiron o subdirector xeral de Servizo de Gardacostas, Lino Sexto, e a directora de Instituto tecnolóxico para o control do medio mariño (Intecmar), Covadonga Salgado, avaliáronse as previsións meteorolóxicas e a súa incidencia no desprazamento do material vertido polo mercante Toconao en augas portuguesas. Nesa liña, a vicepresidenta segunda explicou que un cento de efectivos se unirán, nos próximos días, ás máis de 200 persoas do operativo medioambiental despregado pola Xunta.
-
A Xunta organizará no primeiro trimestre deste ano varias mesas de traballo abertas á participación de todos os membros da Alianza galega polo clima, para sentar as bases para establecer novas vías de colaboración e sinerxías na loita contra o cambio climático. Serán os primeiros encontros promovidos para favorecer o intercambio de experiencias, proxectos e iniciativas entre os aliados. Ano e medio despois da posta en marcha desta iniciativa para fomentar a colaboración entre axentes sociais e económicos e sumar o maior número de apoios en Galicia, chegou o momento de dar un paso máis e promover sinerxías entre os case 100 socios que suma.
-
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou hoxe na Conferencia Sectorial de Turismo en Madrid, onde se aprobou unha ampliación do reparto entre as Comunidades Autónomas dos fondos europeos Next Generation. No horizonte 2026 serán case 8,5M€ os que a Xunta de Galicia xestionará a maiores para un Plan de Competencias Dixitais e impulsar medidas de eficiencia enerxética, entre outras accións. En concreto o Goberno autonómico executará o Plan de Competencias Dixitais cun investimento de preto de 2,5M€ e unha previsión de formación de 892 profesionais do sector a través de cursos de 150 horas. O prazo de execución será ata o ano 2026.
-
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno galego creará un novidoso mercado voluntario de créditos de carbono para que “as empresas e os cidadáns poidan compensar as súas emisións” e contribuír na loita contra o cambio climático ao financiar proxectos sostibles que persigan estes obxectivos. O Consello avaliou na súa reunión de hoxe o proxecto de decreto polo que se regula o Sistema de créditos de carbono da Xunta de Galicia e se acorda iniciar a súa tramitación. Esta norma permitirá a creación dun mercado voluntario de créditos de carbono propio da nosa comunidade, unha iniciativa na que están implicadas a Vicepresidencia segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a Consellería do Medio Rural.
-
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, estivo presente hoxe na reunión de seguimento da Axenda da Economía Azul Sustentable de Galicia na que participaron os membros do seu consello asesor, un encontro no que se presentaron os últimos avances de cara a validación definitiva da estratexia que pretende facer de todo o que rodea o mar na comunidade galega un motor de crecemento socioeconómico e medioambiental, e que no seu cronograma marca como gran obxectivo a súa posta de largo e activación durante o primeira metade de 2024.
-
A Rede Localis, xestionada polo grupo Governance and Economics Research Network (Gen) da Universidade de Vigo, presentou este mércores en Santiago de Compostela o seu quinto informe, titulado Retos e desafíos dos municipios de menor poboación. Nel abórdanse os principais retos da xestión municipal: a modernización, a demografía e o inframunicipalismo, incidindo na necesidade de melloras para os municipios con maiores problemas demográficos. O documento foi presentado polos codirectores da Rede Localis, Concepción Campos e Alberto Vaquero, e a coordinadora da rede, María Cadaval, nun acto que contou coa participación da directora xeral de Administración Local da Xunta, Natalia Prieto.