Noticias
-
A economía galega xa recuperou o PIB prepandemia no cuarto trimestre do ano 2021, tres trimestres antes que a media de España, segundo as contas económicas trimestrais do IGE como resultado da revisión das estimacións anuais do período 2020-2021 coas contas anuais, logo da xa realizada polo INE. En concreto, o PIB galego incrementouse un 7,6 % en 2021, 2,4 puntos máis do inicialmente estimado; e un 4,1 % en 2022, tres décimas superior ao estimado nun primeiro momento.Por outra banda, a economía galega medrou un 1 % no terceiro trimestre de 2023 en relación ao mesmo período do ano anterior, como se desprende da Información de Contabilidade trimestral publicada hoxe polo IGE. En canto á evolución intertrimestral, de xullo a setembro, foi do -0,3 %.
-
Foi inaugurado na Coruña o novo centro Galaxy Lab da Cidade das TIC, que será un dos campos de probas de vehículos aéreos non tripulados máis completos de Europa. O Galaxy Lab -financiado ao 50% pola Xunta e polo Instituto Tecnolóxico de Galicia- vai prestar servizo a empresas, campus ou centros de investigación de todo o mundo que precisen experimentar ou testar de forma segura os seus drons para transporte de mercadorías ou persoas. Os seus máis de 1.000 metros cadrados de superficie permitirán realizar adestramentos nun contorno real, e ademais este centro vai actuar como tractor para seguir atraendo investimentos tecnolóxicos á comunidade.
-
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Consello autorizou o inicio da tramitación do Anteproxecto de lei para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial (IA), que converterá 'Galicia na primeira rexión europea en regular por lei o uso' desta tecnoloxía. 'O obxectivo é garantir que os sistemas de intelixencia artificial que se utilizan na comunidade son fiables e respectuosos cos dereitos fundamentais das persoas', resaltou. A lei establecerá os principios éticos para o deseño, adquisición implementación e uso de sistemas de IA por parte da Administración baixo criterios de dilixencia, auditabilidade, explicabilidade, transparencia, imparcialidade, ausencia de nesgos, seguridade ou privacidade.
-
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Consello acordou trasladar ao Goberno central unha petición formal para que se celebre unha nova Conferencia de Presidentes ante a “clarísima situación de desigualdade” na que queda Galicia respecto a outros territorios tras os acordos que sustentaron a investidura de Pedro Sánchez. Rueda lamenta o vivido na política española nas últimas semanas e asegurou que o seu deber como titular do Goberno galego é defender os intereses de Galicia fronte aos privilexios que están a recibir outros territorios.
-
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, subliñou hoxe que máis do 70 % dos autobuses que conforman a frota do transporte público autonómico conta coa etiqueta verde da categoría ambiental C e case o 22 % é eco. Vázquez Mourelle, co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, participou hoxe en Coirós na inauguración da primeira estación de servizo de Galicia con combustible 100 % renovable, impulsada por Repsol. A conselleira puxo en valor o compromiso do Goberno galego nese obxectivo común e compartido con Repsol pola descarbonización da mobilidade.
-
A nova estratexia Axenda Impulso Autónomo Horizonte 2027 rexerá as políticas públicas de apoio ao traballo autónomo durante os próximos anos. Farao a través dun marco que pretende fortalecer o ecosistema competitivo do traballo por conta propia e potenciar a calidade dos novos proxectos, tal e como puxo de relevo a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, no acto da súa presentación celebrado na Fundación Laboral da Construción. A representante autonómica destacou que o documento foi resultado dun proceso participativo no que a Xunta colaborou coas principais entidades do colectivo representadas na Mesa do Emprego Autónomo (UPTA-Agtamar, ATA e APE).
-
A porcentaxe de poboación con vontade de emprender en Galicia durante os vindeiros tres anos sitúase no 8,5%, cifra que evidencia a "restauración da confianza" no fenómeno emprendedor e "permite prever un maior crecemento" deste tipo de actividade nos próximos anos. Ademais, a Taxa de Actividade Emprendedora (TEA) na comunidade galega elevouse ata o 5,4%, 0,6 puntos máis que en 2021, sendo o segundo valor máis alto dende 2010 e moi próximo ao acadado nos últimos dez anos (5,6% en 2018). Estas son algunhas das principais conclusións que achega o Informe GEM Galicia 2022-2023.
-
O Diario Oficial de Galicia fai públicou a encomenda á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, da construción do Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia no Parque Tecnolóxico de Galicia, en San Cibrao das Viñas, cun investimento de máis de 6 M€. Esta actuación está agora mesmo en proceso de adxudicación. O obxectivo da Xunta é empezar as obras a principios do vindeiro ano para rematalas no 2025, xa que o contrato ten un prazo de execución de 20 meses. Para isto, a Xunta destina nos Orzamentos de 2024 un investimento de máis de 4 M€ e case 2,3 M€ no seguinte exercicio.
-
Ante a recente convocatoria da Conferencia sectorial de Medio Ambiente realizada polo Goberno central, Galicia e outras 13 comunidades e cidades autónomas acaban de impulsar unha fronte común para esixir que se volva convocar a este órgano multilateral conforme á legalidade vixente ao entender que, en caso contrario, se lles negaría a oportunidade de debater sobre asuntos clave para os seus respectivos territorios. A celebración desta reunión levaba pendente desde o pasado verán e entre os aspectos a tratar figura a distribución territorializada de varias partidas de fondos estatais.
-
Nesta iniciativa serán convidados a participar de xeito voluntario 400.000 galegos e galegas de entre 35 e 65 anos. As persoas serán escollidas aleatoriamente, polo que o mandatario galego fixo un chamamento a que participen, apelando ao beneficio colectivo que traerán consigo os resultados deste programa. Os participantes só terán que recoller unha proba de saliva e depositala en contedores no seu centro de saúde. Con estas probas, xerarase unha información fundamental para a historia clínica do paciente, pero tamén moi valiosa para a investigación e para coñecer o perfil xenético da comunidade. Tras a análise, os participantes serán notificados sobre se posúen ou non unha variante de alto risco. De ser así, serán derivados a profesionais especialistas para a confirmación e posterior seguimento.