Noticias
-
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, anunciou que o Goberno autonómico vai aplicar as vantaxes da intelixencia artificial á Administración educativa dixital para mellorar a toma de decisións de cara ao éxito escolar, crear un expediente académico único e habilitar un portelo único de comunicación da comunidade educativa. "Será a través do proxecto EdugalIA, un programa pioneiro e moi innovador xa que non se ten feito en ningunha outra comunidade autónoma", explicou.
-
Galicia acollerá a primeira reunión conxunta do equipo de traballo interrexional do proxecto GIFT (Green Infrastructure for Forest and Trees), que se constituíu o pasado mes de xuño e cuxa misión é establecer ao longo dos vindeiros catro anos medidas e políticas sectoriais efectivas na xestión da infraestrutura verde e da paisaxe. Os días 29 e 30 de agosto celebrarase en Santiago a primeira revisión entre pares desta iniciativa co fin de analizar e mellorar da man dos socios implicados os instrumentos políticos directamente relacionados coa infraestrutura verde, entendida como unha rede de elementos que melloren a resiliencia ante o cambio climático, contribúan á conservación da biodiversidade e beneficien á contorna.
-
A Xunta puxo a disposición da industria forestal unha ferramenta gratuíta que permite etiquetar a trazabilidade dos produtos mediante o uso da tecnoloxía Blockchain. FORTRA é unha plataforma desenvolvida pola AMTEGA e a Axencia Galega da Industria Forestal en colaboración coa Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural. A tecnoloxía blockchain asegura que os datos non poden ser manipulados ou eliminados unha vez son introducidos e asinados en cada elo da cadea, o que ofrece unha garantía de autenticidade e transparencia. Isto permite que os produtos leven unha etiqueta que ofrece toda a información sobre a orixe a e transformación da madeira.
-
A Consellería do Mar destina este ano 7,5 millóns de euros a achegas para as empresas de comercialización ao por maior e de transformación dos produtos da pesca, o marisqueo e a acuicultura para compensar o impacto dos incrementos de prezos pola guerra en Ucraína de distintas materias primas que son fundamentais para o desenvolvemento da súa actividade. Así o recolle a orde pola que se aproban as bases reguladoras destas axudas, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, que sae publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG).
-
O obxectivo do Club de Ciencia é proporcionar un escenario propicio para desenvolver estratexias metodolóxicas que promovan capacidades, coñecementos e técnicas, a través dunha invitación ao descubrimento, que aumenten o interese dos participantes por mergullarse nos diversos campos da ciencia e as súas posibilidades de aplicación na tecnoloxía.
-
A Consellería do Mar pon a disposición do sector da acuicultura de Galicia máis de 3,6 millóns de euros en axudas para paliar os efectos da guerra de Ucraína. Así o especifica a convocatoria destas achegas, que permitirá compensar ata o 100 % dos custos adicionais nos que incorreron as empresas deste ámbito no ano 2022 trala invasión rusa. Poderán beneficiarse as empresas titulares de establecementos de acuicultura en todas as súas fases de explotación, cría, cultivo ou reprodución, situadas nas zonas terrestre, marítimo-terrestre ou marítima e que teñan as súas instalacións en Galicia. Os custos obxecto de compensación son o incremento de prezos rexistrado do 1 de marzo ao 31 de decembro de 2022 no combustible dos buques auxiliares deste sector e no consumo eléctrico das súas instalacións de produción.
-
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, confirmou a boa evolución do mercado laboral de Galicia tras coñecer os datos de paro rexistrado e afiliacións á Seguridade Social publicados hoxe. Destacou que estes datos, unidos aos coñecidos a semana pasada da Enquisa de Poboación Activa (EPA), constatan que en Galicia descende o paro e estase a crear emprego. De feito, a EPA reflectiu que a taxa de paro en Galicia caeu por debaixo dos 10 puntos -9,6- e que continúa a ser máis baixa que a do Estado -11,6-. No mes de xullo, a comunidade autónoma acadou o número de paro máis baixo de toda a serie histórica por cuarto mes consecutivo con 127.445 persoas sen emprego, a mellor cifra desde hai 27 anos.
-
O Goberno galego ten adxudicado xa no primeiro semestre o 70% dos 527 millóns de euros dos fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR) previstos no orzamento inicial para 2023, é dicir 370M€. A isto hai que engadir 59 millóns adicionais en convocatorias ou licitacións adxudicadas, correspondentes aos vindeiros exercicios do período de vixencia dos fondos MRR que se estenden ata 2026. Con todo, desde a posta en marcha do Plan de Recuperación, a Xunta publicou convocatorias por máis de 893 millóns de euros, dos que se adxudicou preto do 69% (616 M€). No que se refire aos beneficiarios, cómpre salientar que, ata o de agora, preto de 33.000 persoas físicas, 7.300 autónomos, máis de 2.700 empresas e 200 entidades locais favorecéronse dos fondos de recuperación xestionados pola Administración galega.
-
Segundo os datos de Comercio Interior do libro en España en 2022 que veñen de ser publicados, a edición en galego o pasado ano foi de 1.855 volumes, cun aumento do 8,2% respecto de 2021. Ademais, o sector editorial vendeu un 5,6% máis, ata superar os 2.500M€ de vendas, e destaca sobre todo o aumento nas vendas de libros en papel, cun 5,9% máis. Estas cifras enmárcanse nunha xeira de bos datos que inclúe tamén o último Barómetro da Cultura Galega, co 52,5% do sector incrementando os seus ingresos en 2022, cun emprego estable para preto do 70% das entidades consultadas e cunha expectativa de maior facturación pese ao pesimismo da evolución da economía.
-
Esta Alianza conta xa con 74 entidades adheridas -universidades, autoridades portuarias, clubes deportivos, empresas e outras entidades-, e segue reunindo esforzos que permitan situar a Galicia á cabeza das rexións europeas na loita contra o cambio climático. Cómpre lembrar que esta Alianza supón asumir as liñas estratéxicas marcadas polo Goberno galego nesta materia e unha serie de deberes como establecer accións dirixidas á adaptación ou mitigación do cambio climático en Galicia.