Noticias
-
Galicia avanza na loita contra o cambio climático con 41 entidades adheridas xa á Alianza polo Clima e como membro activo da Misión de Adaptación da Unión Europea. Á Alianza Galega polo Clima xa se uniron universidades, autoridades portuarias, clubes deportivos, empresas e outras entidades, o que pon á nosa comunidade na vangarda fronte ao quecemento global e as súas consecuencias. Esta Alianza supón asumir as liñas estratéxicas marcadas polo Goberno galego nesta materia e unha serie de deberes como establecer accións dirixidas á adaptación ou mitigación do cambio climático en Galicia.
-
A Xunta presentou a Estratexia Galega de Mobilidade co obxectivo de reducir un 30% as emisións contaminantes derivadas do transporte e o 80% as vítimas mortais derivadas da mobilidade no ano 2040. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, e co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, presentou este documento que hoxe se somete a información pública.
-
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou hoxe en Madrid na V Conferencia sectorial para a mellora regulatoria e o clima de negocios, na que insistiu na colaboración por parte da Xunta e reclamou unha cogobernanza efectiva e real das Comunidades Autónomas na xestión dos fondos europeos. Conde sinalou que Galicia ten identificados proxectos que poderían impulsar a industrialización e a transformación do tecido produtivo que non están atopando resposta nos fondos europeos
-
'Queremos seguir avanzando na creación dunha rede única que vinculará aos diferentes servizos de Oncoloxía Radioterápica de Galicia, o que, sen dúbida, redundará en beneficio de todos os pacientes galegos'. Así o destacou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no Hospital Meixoeiro, nunha Xornada de transferencia de coñecemento interno: Rede de radioterapia do Sergas, acto no que estivo acompañado polo xerente da área sanitaria, Javier Puente.
-
As comunidades de Galicia, Asturias e Castela e León cuantifican en 7.900 M€ os investimentos necesarios para o Corredor Atlántico Noroeste e demandan unha planificación e maior compromiso por parte do Goberno de España para o impulso desta infraestrutura estratéxica. O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela, da Junta de Castela e León, Alfonso Fernández Mañueco, e do Principado de Asturias, Adrián Barbón Rodríguez, lideraron o encontro do Corredor Atlántico Noroeste que, baixo o lema Unha estratexia conxunta para un proxecto común, congregou en Santiago de Compostela preto de 1.000 persoas do empresariado, dos portos e das plataformas loxísticas das tres comunidades, así como axentes políticos e sociais.
-
O Consello da Xunta analizou hoxe os pasos a dar pola comunidade autónoma para acompañar ao sector pesqueiro galego no seu recurso contra o veto á pesca de fondo decretado por Bruxelas en 87 zonas de augas comunitarias e constatou a necesidade de recorrer a xuristas especializados en dereito comunitario para que as súas demandas ante a Xustiza europea teñan máis posibilidades de prosperar. O Executivo galego -que actuará como parte coadxuvante no recurso presentado pola Organización de Produtores Pesqueiros de Burela (OPP-7)- defende tanto a suspensión temporal da aplicación desta prohibición como a súa anulación definitiva, polo que decidiu contratar un servizo xurídico especializado para reforzar e apuntalar a súa estratexia e a da propia OPP co fin de acadar os mellores resultados posibles.
-
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, defendeu hoxe o necesario equilibrio que debe existir entre os obxectivos medioambientais, sociais e económicos na Política Pesqueira Común (PPC), que está en proceso de avaliación, e instou á Comisión Europea a recuperar este principio como piar. Así o asegurou durante a súa participación nunha reunión conxunta celebrada no Parlamento Europeo entre representantes da Comisión de Pesca da Eurocámara e da Conferencia de Rexións Periféricas Marítimas (CRPM) sobre a aplicación da PPC e as súas perspectivas de futuro.
-
O Foro Económico de Galicia, coordinado desde o campus de Ourense polo Grupo Governance and Economics Research Network (Gen), presentou este martes en Santiago de Compostela o seu Informe de Conxuntura socioeconómica IV/2022. Nel destácase que a economía galega frea a súa actividade. O informe, que se elabora trimestralmente, está asinado polos economistas Patricio Sánchez e Santiago Lago (ambos da Universidade de Vigo) e José Francisco Armesto e Fernando González Laxe, coordinador este último do estudo. Segundo indican en nota de prensa desde o Foro Económico de Galicia, 'a actividade económica galega presenta no terceiro trimestre do ano unha significativa ralentización do seu ritmo de crecemento'.
-
Galicia volveu colleitar éxitos na 43ª edición da Feira Internacional de Turismo ao manter un dos stands con máis actividade, acadando récords de asistencia nos 5 días que durou a feira e consolidándose como un punto de encontro para o sector turístico e amosando a Galicia como un referente en turismo sostible e de calidade, sendo recoñecido como un dos premiados na categoría “Stand sostible”. A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, foi a encargada de recoller o Premio Excelencias aos Concertos do Xacobeo.
-
O Servizo Galego de Saúde recibíu o Premio Nacional de Informática e Saúde, como a entidade pública ou privada que máis destaca en proxectos de Transformación Dixital no ámbito sanitario, e que entrega a Sociedade Española de Informática da Saúde. O xurado decidiu, por unanimidade, facer entrega deste premio tras avaliar proxectos como a historia clínica electrónica única (IANUS), o portal de saúde do paciente (E-saúde), a plataforma de Teleasistencia domiciliaria (Telea), a plataforma de xestión e distribución loxística (Logas), ou o portal do profesional (Fides).