Noticias
-
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, resaltou hoxe que o Goberno galego 'xa ten mobilizados a práctica totalidade' dos 937 M€ que Galicia recibiu do Executivo central ao abeiro dos fondos do Mecanismo de recuperación e resiliencia (MRR). O total dos fondos Next Generation no tramo de subvencións ou transferencias financeiras non reembolsables para España acada os 77.234 millóns de euros. Destes fondos, Galicia ten asignados 1.285 M€, pero polo momento só recibiu 937 M€, é dicir, 'aínda falta por transferir unha cuarta parte dos fondos', resaltou Rueda, quen reclamou premura ao Goberno central para non deixar escapar unha oportunidade única como son estes fondos europeos.
-
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, valorou que o Goberno central presentase o recurso contra o veto á pesca de fondo establecido pola Comisión Europea e agradeceu este traballo ao que Galicia trasladou a súa achega co obxectivo de fundamentalo. Non obstante, a titular de Mar defendeu a necesidade de que o Executivo estatal solicite a suspensión temporal desta prohibición pois é unha medida arbitraria e sen base científica que está a ter un importante impacto na actividade da frota, polo que esta suspensión 'sería un bo respaldo para o sector'.
-
A Xunta de Galicia porá en marcha o Observatorio da Innovación do Patrimonio Cultural, co obxectivo de coñecer as iniciativas de carácter público e privado que se centren en abordar o patrimonio cultural galego desde un enfoque innovador. Así, a través deste observatorio detectaranse as boas prácticas arredor do patrimonio material e inmaterial de Galicia e impulsaranse a valoración e a sustentabilidade das intervencións realizadas e a súa difusión. Este coñecemento permitiu sentar as bases do Plan Catedrais, a folla de ruta para actuar nos inmobles máis senlleiros da Comunidade.
-
Galicia rexistrou este ano máis de 2,1 millóns de viaxeiros aloxados e máis de 4,7 millóns de noites no conxunto dos aloxamentos turísticos galegos, cifras que superaron nun 12,4% a cifra de viaxeiros do ano 2019. Destaca de todos eles o turismo interno -dos residentes en Galicia- que superan os niveis de demanda dos últimos anos, rexistrando 570.000 noites só no ámbito hoteleiro, -a cifra máis elevada da serie histórica. Marcan tamén dinámicas positivas os turistas procedentes de Madrid, Andalucía e Castela e León, con incrementos tanto en relación ao pasado ano como en comparación co 2019.
-
O Bono Activa Comercio xa mobilizou preto de 5 millóns de euros en vendas no comercio de proximidade galego. Ata a data adheríronse á iniciativa máis de 6.200 establecementos, e esta cifra pode seguir aumentando ata o 30 de novembro. A Administración autonómica xa ingresou aos negocios participantes preto dun millón de euros, correspondentes aos bonos xa utilizados polos clientes. En total a Administración autonómica destina 5 millóns de euros a este programa co que se busca impulsar as compras no comercio de proximidade, atraendo clientela aos establecementos locais e contribuíndo ao mesmo tempo a aliviar o impacto da inflación na capacidade de gasto dos fogares galegos.
-
O Polo Aeroespacial de Galicia, para o que hai algo máis dun ano se aprobou o novo Plan Estratéxico, permitiu en cinco anos mobilizar xa 164 millóns de euros de investimento público-privada, atraer a compañías punteiras do sector, crear ou acelerar 24 novas empresas e abrir as portas á participación de 900 profesionais. O Goberno galego apostou polos vehículos aéreos non tripulados, cuxa incorporación para a mellora dos servizos públicos permitiu, entre outros adiantos, perseguir o furtivismo, loitar contra os incendios forestais, buscar persoas desaparecidas ou recuperar espazos naturais a través da cartografía.
-
O novo centro de Protonterapia en Galicia situará á nosa comunidade na vangarda en novos tratamentos contra o cancro e que aspira a ser o primeiro do sistema sanitario público español. Estará emprazado en Santiago de Compostela, e Galicia aspira a ser pioneira en ofrecelo a pacientes da sanidade pública, tanto aos galegos como aos de Castela e León e, previsiblemente, os de Asturias. Neste momento só dous centros privados de España (grupo Quirón Saúde e centro CUN en Madrid) ofrecen esta terapia, e Galicia será o primeiro servizo público en ofrecer este tratamento.
-
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, remarcou nas XVI Xornadas CIBER-BBN, de Biomedicina, Biomateriais e Nanomedicina, a importante capacidade investigadora sanitaria coa que conta Galicia, ao situarse como a cuarta comunidade autónoma con maior número de institutos acreditados. O Palacio de Exposicións e Congresos da Coruña acolleu por primeira vez as xornadas anuais do CIBER-BBN, referente da investigación e innovación tecnolóxica a nivel nacional e internacional. O Ciber de Bioenxeñaría, Biomateriais e Nanomedicina CIBER-BBN, é un dos 13 grupos que conforman o Centro de Investigación Biomédica en Rede de España, un consorcio que conta con os máis de 5.000 investigadores.
-
Ao longo de 2021 retomouse a tendencia crecente da actividade emprendedora en Galicia, que quedara en suspenso durante a pandemia, e que o ano pasado resistiu a crise sanitaria, evitando o peche de iniciativas emprendedoras e mantendo as xa consolidadas, 'malia que todos os indicadores deben observarse con certa prudencia'. O 27% da poboación galega percibe a existencia de oportunidades para emprender e o 51% considera que ten coñecementos e habilidades para facelo. Estas porcentaxes correspondentes ao ano 2021, indican 'que se recuperou parte da confianza para emprender (aínda que esta aínda se sitúa por baixo da observada nos ámbitos estatal e internacional) e que se mantén a autoconfianza nas capacidades propias para emprender (con valores similares aos observados nos eidos estatal e internacional)', matiza o informe.
-
O presidente do Goberno galego asegurou que Galicia conta co ecosistema innovador, o talento e a vontade para acoller a sede da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial. No acto de presentación da candidatura galega, Rueda recordou que Galicia conta co apoio de máis de 70 organismos e empresas cun rico sistema de innovación tecnolóxica no que prestan servizo máis de 50 firmas, o 80% delas, galegas. A Comunidade, ademais, conta desde hai máis dun ano cunha Estratexia para o desenvolvemento da intelixencia artificial e quere ser pioneira acollendo a sede da primeira axencia europea encargada de velar pola implantación das normas que van lexislar e regular o uso dos datos masivos, o dereito á intimidade das persoas ou o impacto das máquinas na sociedade.