Noticias
-
Nesta segunda edición, á que xa se sumaron en seis días máis de 3.000 comerciantes galegos, a partir do próximo luns, 24 de outubro, e ata o 31 de decembro os clientes poderán descargarse a través da web bonosactivacomercio.gal bonos desconto por 30 euros, que poderán empregar nos comercios finalmente adheridos. A principal novidade deste ano é que se amplían os tramos de desconto e os importes, de tal xeito que para compras a partir de 20 euros e inferiores a 30, o desconto será de 5 euros; para compras a partir de 30 e inferiores a 50, será de 10 euros; e para os que superen os 50 euros o desconto será de 15 euros.
-
As novas tecnoloxías disruptivas están cada vez máis presentes nas empresas galegas. O 10,9% das empresas galegas de 10 ou máis traballadores emprega algunha tecnoloxía de Intelixencia artificial, o que sitúa a Galicia no quinto posto do ranking por CC.AA, por diante de comunidades como Andalucía ou País Vasco, avanzando desde o noveno posto do ano anterior, tras experimentar un crecemento do 50% no último ano. Entre as empresas galegas que empregan Intelixencia artificial, cabe salientar o seu uso para a xeración de linguaxe natural (3º posto no ranking estatal) ou tecnoloxías que permiten o movemento físico das máquinas a través de decisións autónomas baseadas na observación do entorno (4º posto).
-
O presidente da Xunta anunciou que o Consello deu luz verde nunha reunión extraordinaria ao proxecto de Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma para 2023, os orzamentos máis altos da historia de Galicia, que ascenden a 12.620 millóns de euros e inclúen un conxunto de medidas de impulso para apoiar ás persoas, familias e empresas e fortalecer os servizos públicos. 'Nun contexto económico como o actual temos a obriga, máis que nunca, de axudar á xente a afrontar as dificultades e de que os esforzos se repartan dun xeito xusto e equitativo', destacou Rueda, quen fixo fincapé en que Galicia se converte así 'nunha das primeiras autonomías' en aprobar os seus orzamentos.
-
Galicia ocupa a sexta posición estatal no uso de software libre entre as pemes e as grandes empresasA maioría das empresas galegas empregan software libre, case nove de cada dez empresas de 10 ou máis traballadores con sede en Galicia (85,2%) o empregan. Nas empresas de menos de 10 empregados chega ao 66,4%, cun crecemento do 10,7% no período 2018-2021, fronte ao 3,9% que medrou a media estatal, reducíndose a distancia de 4,8 puntos porcentuais no 2018 a 0,9 puntos porcentuais no 2021. Son parte dos resultados da análise da presenza do software libre nas empresas galegas elaborada polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia.
-
Os día 9 e 10 de novembro a Cidade da Cultura acollerá a segunda edición do Encontro Galego de Ciberseguridade CIBER.gal dirixido a empresas, cidadanía e administracións públicas. Durante dúas xornadas e a través de diferentes actividades e relatorios de expertos de referencia, abordarase o estado da ciberseguridade nas empresas, traballadores e cidadáns. A mañá da primeira xornada centrarase nos retos da ciberseguridade nas administracións públicas, abordando os avances da Xunta e do Goberno do Estado, as implicacións para este sector da nova normativa estatal, as liñas de colaboración e sinerxías entre administracións públicas e casos de éxito.
-
Os Orzamentos do vindeiro ano 2023 incluirán máis de 2.700 millóns de euros para investimentos, un 8,5 % máis que no presente exercicio. Así llo avanzou o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos aos representantes das organizacións sindicais e da Confederación de Empresarios de Galicia. O titular de Facenda trasladoulle as liñas xerais das contas do ano que vén e que a Xunta presentará a vindeira semana. Neste sentido, explicoulles que Galicia vai priorizar o apoio aos sectores, familias e empresas máis afectadas pola inflación, garantir os medios e o persoal precisos para continuar prestando uns servizos públicos de calidade, e seguir modernizando a sanidade, a educación e as políticas sociais.
-
O Foro Económico de Galicia, coordinado desde o campus de Ourense polo Grupo Governance and Economics Research Network (Gen), presentou en Santiago de Compostela o seu Informe de Conxuntura Socioeconómica III/2022. Nel destácase que a economía galega minora o seu crecemento (4,4% fronte ao 6,8% de España). O documento está asinado polos economistas Patricio Sánchez e Santiago Lago , José Francisco Armesto Piña e Fernando González Laxe, coordinador este último do estudo. Segundo indican en nota de prensa, 'nun contexto de elevado grao de incerteza e o mantemento de tensións inflacionistas, a economía galega modera o seu crecemento no terceiro trimestre do ano, que se sitúa no 4,4%, sete décimas menos que nos trimestres anteriores'.
-
A Cidade da Cultura acolle os foros do proxecto 'Eurorrexión destino turístico intelixente' (EDIT) liderado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e financiado co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). No proxecto EDIT participan, ademais, a Axencia Turismo de Galicia, Turismo do Porto e Norte de Portugal, a Universidade do Minho, o Instituto Politécnico de Viana do Castelo e a asociación CCG/ZGDV Centro de Computación Gráfica. Entre os obxectivos do proxecto EDIT está o de normalizar os datos procedentes de sensores de Galicia e o Norte de Portugal que permitan controlar, analizar perfiles e xestionar os fluxos turísticos.
-
Esta infraestrutura permitirá implantar e testear aeroxeradores de entre 100 e 900 kW de potencia que deseña e fabrica Norvento. Un tipo de aeroxeradores coa tecnoloxía máis innovadora do sector para proporcionar baixos prezos enerxéticos en proxectos de enerxía distribuída e repotenciación de parques co mínimo impacto. A previsión da empresa é que estas instalacións cheguen a albergar tres modelos máis, aparte do que xa está instalado, ata acadar os 2 MW de potencia total. A maiores, tamén se instalará un sistema de almacenamento eléctrico con baterías deseñado pola empresa pensado para redes de distribución, supercargadores do vehículo eléctrico e industrias ou plantas de xeración renovable.
-
A UE está a revisar actualmente a lexislación vixente en materia de uso do solo, cambio de uso do solo e silvicultura (LULUCF polas súas siglas en inglés) co obxectivo de que estes sectores acaden a neutralidade climática en 2035. Para iso, a UE está a reforzar os incentivos para aumentar o número de sumidoiros naturais de carbono nas terras agrícolas e para reducir as emisións destas actividades, incluídas as emisións agrícolas distintas do CO2, como as derivadas do uso de fertilizantes e do gando.