Noticias
-
Tivo lugar o evento de ingreso dos proxectos seleccionados na Business Factory Aero, o programa de incubación, aceleración e consolidación impulsado pola Xunta no marco do Polo Aeroespacial de Galicia. Serán 11 iniciativas as que participarán na súa cuarta edición, a que máis propostas recibiu, un total de 88. Para o itinerario de incubación, orientado a empresas en fases iniciais dos seus proxectos, existen tres prazas; en aceleración, para empresas cun modelo máis evolucionado, son cinco as propostas; e, como gran novidade, a fase de consolidación, para empresas xa asentadas que queren ir un paso máis alá nos seus proxectos e na súa presenza nos mercados, na que haberá tres proxectos.
-
Galicia pechou setembro coa segunda cifra de paro (144.109) máis baixa de toda a serie histórica (1996) nese mes. Deste xeito, o desemprego baixou en Galicia no último ano nun -5,84% (-8.945 persoas). O paro caeu nas principais variables: nas catro provincias galegas e nas sete grandes cidades; e en todos os sectores económicos liderando o descenso por sexto mes consecutivo a industria (-12,22%). O desemprego tamén baixou con respecto a setembro de 2021 entre os colectivos prioritarios para a Xunta como son os menores de 30 anos (-9,77%) e as mulleres (-6,23%)
-
Na categoría de radio, o premio foi para a Asociación PuntoGal polo seu proxecto Abre na rede (da axencia Quattro IDCP), no que se asocia a lingua galega ás redes sociais e, en televisión, para R Cable e Telecable Telecomunicacións por Vai escampar, (Quattro IDCP). Na categoría de internet, premiouse o C.R.D.O Ribeiro polo anuncio Treixadura-Modo Ribeiro (Nasas). En prensa escrita Aqualia con A auga en Vigo é de alta calidade (Ecovigo Publicidade), e na categoría de centro educativo, o CIFP Leixa por Cambio climático.
-
O nivel de competencias dixitais entre a cidadanía galega continúa a súa evolución positiva. En 2021 aumentou nun 18,2% a poboación galega que dispón de como mínimo habilidades dixitais básicas, acadando o 61,6%. Entre os internautas, Galicia ocupa o sexto lugar entre as Comunidades Autónomas en competencias dixitais básicas ou avanzadas. Son parte dos resultados da análise de Competencias Dixitais elaborada polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia, adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, en base aos datos da Enquisa TIC nos fogares do ano 2021, realizada polo INE e que permite obter unha foto da situación actual das competencias dixitais en Galicia e un perfil sociodemográfico detallado.
-
Galicia é a 3ª comunidade autónoma cunha menor ratio de débeda por habitante no segundo trimestre do ano, segundo os datos publicados hoxe polo Banco de España. A débeda por habitante sitúase na comunidade galega nos 4.393 euros, fronte aos 6.699 euros da media española, co que cada galego debe hoxe 2.306 euros menos que a media autonómica. Con estes datos, Galicia, co 17,7%, ten un diferencial positivo de débeda coa media de 7,2 puntos no segundo trimestre, xa que o conxunto das CC.AA. ten unha ratio débeda/PIB do 24,9%.
-
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo hoxe un encontro cos responsables en materia pesqueira de Cantabria, País Vasco, Asturias e Andalucía para crear unha fronte común na defensa do sector pesqueiro ante a ameaza que supón o veto á pesca de fondo para o seu futuro. As comunidades do Cantábrico e Andalucía analizaron as repercusións que esta medida pode ter na frota e constataron a necesidade de traballar unidos na defensa dos intereses dos buques que faenan no caladoiro nacional e en augas comunitarias.
-
Airbus, Babcock e Telespazio serán novos socios estratéxicos e tecnolóxicos do Polo Aeroespacial de Galicia, segundo anunciou hoxe a Xunta de Galicia. Trátase dunha alianza con tres compañías de recoñecida traxectoria internacional nunha área estratéxica para a nosa comunidade. O Polo Aeroespacial de Galicia é unha folla de ruta para os vindeiros catro anos que busca impulsar a investigación e a implantación de empresas do sector na comunidade galega. A sinatura dos acordos de asociación con estas compañías suporá o impulso de 40 proxectos de I+D no eido dos sistemas non tripulados con 49,8M€ de fondos públicos e 233 do tecido empresarial.
-
A Unión Europea selecciona Galicia para formar parte da Misión de Adaptación ao Cambio Climático, unha iniciativa cuxo obxectivo é apoiar ás comunidades para acelerar a súa transformación cara á resiliencia climática, prestándolles axuda para comprender, prepararse e xestionar mellor os riscos introducidos por este fenómeno. Así, Galicia ratifica o seu compromiso de apostar pola neutralidade climática e impulsar os esforzos de adaptación a través da participación dos cidadáns no proceso de toma de decisións e mediante o estímulo de investimentos públicos e privados.
-
O veto á pesca de fondo aprobado por Bruxelas en preto dun cento de áreas de augas comunitarias tería un impacto de ata 816 millóns de euros na economía galega. Esta estimación, realizada en base ás Táboas Input-Output da Pesca-Conserva Galegas 2019, mostra que esa prohibición da actividade pesqueira provocaría o colapso de moitas outras actividades marítimo-pesqueiras e da cadea mar-industria, ben pola caída loxística, o arrastre comercial ou a perda de demanda de bens. Con este veto o Executivo comunitario obvia que nas áreas acoutadas se viña pescando desde hai décadas, e mesmo séculos, sen que esa actividade afectase aos hábitats.
-
Nesta vixésima edición, a #EURegionsWeek levará por lema Novos retos para a cohesión europea e centrarase en catro temas: a transición verde, a cohesión territorial, a transición dixital e o empoderamento da mocidade. A Fundación Galicia Europa (FGE) participa este ano como socia nun consorcio de rexións para organizar un seminario o 12 de outubro baixo o título Regions addressing integrated sustainable urban development trough Cohesion Policy projects. No encontro presentaranse casos de éxito relacionados co desenvolvemento urbano sostible por parte de municipios e rexións de Portugal, Romanía, Polonia e Eslovenia.