Noticias
-
A Academia Makers ofrecerá ás persoas con interese en emprender dúas actividades: accións formativas sobre competencias básicas para o emprendemento; e os modelos de innovación de emprendemento para makers. Así, os emprendedores potenciais dentro da comunidade maker adquirirán coñecementos sobre ferramentas de xestión e competencias sobre temas específicos de innovación para aumentar as súas probabilidades de éxito na súa inserción empresarial como emprendedores. O programa sempre segue a filosofía maker coa que os emprendedores aprenden a través do que fan, sobre todo en eidos que implican colaboración e tecnoloxía.
-
Estas demandas de Galicia foron trasladadas esta semana polo Goberno autonómico ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, a través dunha carta na que se fai fincapé no malestar da cadea mar-industria de Galicia pola súa exclusión dos Proxectos Estratéxicos para a Recuperación e Transformación Económica do ámbito agroalimentario. A misiva tamén expón a inquedanza xerada por representantes do Goberno central ao afirmar de xeito erróneo que algunhas destas empresas están amparadas pola Política Agraria Común.
-
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, demandou hoxe na Conferencia Sectorial de Enerxía a retirada do Real Decreto de aforro e eficiencia enerxética, que, tal e como lembrou, 'non foi consensuado en ningún momento coas comunidades autónomas nin cos sectores produtivos'. Así, avogou por que se poida atopar un acordo e tomar medidas cun impacto real 'nese obxectivo compartido para fomentar o aforro e a eficiencia enerxética'. Neste sentido, o responsable de Economía, Industria e Innovación trasladou ao Goberno que desde a Xunta de Galicia se ofrece “a máxima colaboración e implicación de Galicia” no desenvolvemento deste tipo de actuacións, pero dándolle prioridade ao que están pedindo tanto familias como tecido produtivo.
-
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o Goberno galego axudará con apoios de ata 10.600 euros ás persoas autónomas que se encontren en situación de desemprego e desexen volver emprender tras ter que cesar a súa antiga actividade por causas económicas e a aquelas que teñan en mente cambiar de actividade económica para volver emprender nun sector emerxente. Para iso, o Consello da Xunta aprobou hoxe as bases coas que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade convocará o bono Nova oportunidade, que estará dotado con cinco millóns de euros. Con este crédito, o Goberno galego prevé poder beneficiar a preto de 500 persoas traballadoras por conta propia.
-
Galicia acadou no mes de xullo a cifra de paro máis baixa de toda a serie histórica (desde 1996) con 139.850 persoas desempregadas. O paro cae e as afiliacións aumentan tanto na evolución anual como mensual. Con respecto a xuño, o paro cae en Galicia (-0,77%), mentres que en España aumenta (+0,11%). De feito, a comunidade galega posiciónase como a cuarta rexión na que máis descende o desemprego tanto en termos relativos como en absolutos. Decreceu nun 0,77%, caendo en todos os sectores de actividade, excepto nos servizos. Liderou o descenso a agricultura e a pesca (-4,04%). O paro tamén baixou nos principais colectivos con máis dificultades para atopar un emprego, destacando o ritmo de caída entre os menores de 30 anos (-4,97%).
-
A Xunta vén de aprobar un límite de gasto non financeiro da Comunidade Autónoma para o exercicio 2023 de 12.599 millóns de euros, o máis alto da historia da Administración autonómica, para atender as prioridades dos galegos. Concretamente, o teito aprobado hoxe no Consello extraordinario sitúase un 8,2 % por riba do orzamento do presente exercicio, o que permitirá elevar a capacidade financeira da Comunidade en 958 M€. Esa marxe adicional destinarase a desenvolver os eixes expostos no debate de investidura: traballo, familia e futuro. Galicia é a primeira comunidade autónoma que adopta esta decisión.
-
O impulso de empresas tractoras que promovan modelos de innovación aberta e busquen estar en contacto con novas tecnoloxías que consoliden os seus modelos de negocio é a meta que persegue Unirisco, a primeira empresa de capital risco vinculada aos proxectos das universidades galegas. Os reitores da USC e da UDC, Antonio López e Julio Abalde, xunto co presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e José Ramón Rioboo, deputado de Emprego, acaban de asinar un protocolo de colaboración para impulsar na provincia, a través de Unirisco, a creación de novas empresas innovadoras cunha importante base tecnolóxica.
-
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo un encontro cos integrantes do Consello Galego de Pesca no que tamén participou a directora xeral de Asuntos Marítimos e Pesca (DG MARE) da Comisión Europea, Charlina Vitcheva, para analizar a situación do sector do mar de Galicia e os retos aos que se enfronta na actualidade. Nesa xuntanza os representantes dos distintos elos da cadea mar-industria e a Administración galega trasladaron a necesidade de adoptar medidas de xestión baseadas en estudos sólidos para evitar casos como a proposta de prohibir a pesca de fondo en preto dun cento de áreas europeas. Ese veto inclúe o palangre de fondo malia ser unha dar artes máis selectivas e sustentables que existen.
-
O Foro Económico de Galicia, coordinado desde o campus de Ourense polo Grupo Governance and Economics Research Network (Gen), presentou en Santiago de Compostela o seu Informe de Conxuntura Socioeconómica II/2022. Nel destácase que España e Galicia están 'lonxe aínda de recuperar os niveis económicos prepandemia que xa acadaron Portugal, Francia ou Italia' e apúntase como 'novos factores de inestabilidade' a elevada inflación, os confinamentos manufactureiros en China, o conflito en Ucraína, o retraso na execución española dos fondos europeos e o crecente clima de incerteza financeira internacional.
-
Alfonso Rueda subliñou que a Axenda Financeira de Galicia 2022 aspira a mobilizar 400 M€ para axudar a facer realidade os proxectos do tecido empresarial. Lembrou que é igualmente obrigado que os fondos europeos cheguen ao tecido produtivo para xerar novas oportunidades industriais. 'Non podemos facelo en solitario. Necesitamos que o Goberno tome a iniciativa cun reparto áxil e concreto', dixo, insistindo en que se necesitan certezas para que Stellantis poida competir, para que proxectos transformadores como o polo forestal de Altri en Lugo e a planta orientada de baterías de Showa Denko na Coruña sexan unha realidade, ou para que os proxectos de reindustrialización das Pontes, a nova planta de papel tisú de Ence ou o proxecto de hidróxeno renovable de Reganosa xeren novas oportunidades.