Noticias
-
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, trasladou á oposición unha proposta para levar ao Goberno central unha posición única de Galicia en temas como a sanidade, os fondos europeos, as infraestruturas e as competencias sobre o litoral. Tras sendas reunións mantidas coa portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e co secretario xeral do PSdeG-PSOE, Valentín González Formoso, Rueda incidiu na importancia do diálogo entre as forzas políticas, 'é o que a cidadáns nos piden', aseverou, apelando a necesidade de que Galicia conte cunha postura de país.
-
Tivo lugar o Consello Consultivo de Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios no que se realizou un debate previo ao próximo Consello de Ministros de Pesca da UE, onde se abordará a comunicación da Comisión Europea en relación coas orientacións para a fixación das posibilidades de pesca para 2023. Nel Galicia defendeu a necesidade de que o próximo exercicio se incrementen as posibilidades de pesca das principais especies que captura a frota galega en augas comunitarias despois de varios anos de recortes. A propia Comisión Europea recoñece os avances rexistrados no estado das poboacións de peixes en augas comunitarias, especialmente no Atlántico Noreste onde a maioría das especies se atopan en niveis de rendemento máximo sustentable.
-
Inaugurouse a terceira reunión do ano da Comisión de Recursos Naturais (NAT) do Comité Europeo das Rexións (CdR), que se celebra en Santiago de Compostela. Esta é a segunda vez que Galicia acolle unha reunión externa deste órgano comunitario, que nesta ocasión reúne a máis de 70 representantes locais e rexionais, entre os que se atopan os presidentes doutras rexións europeas como A Puglia (Italia), Kuyavia-Pomerania (Polonia) ou Bretaña (Francia).
-
Galicia pechou o mes de maio con 146.120 persoas sen emprego, a menor cifra nun mes de maio de toda a serie histórica (1996) e tamén a máis baixa desde setembro de 2007, cando se rexistraron na comunidade autónoma 140.960 parados. Ademais, o número de persoas sen emprego sitúase por debaixo das 150.000 persoas por primeira vez desde 2008 (en xullo dese ano houbo 149.318 persoas desempregadas). En canto ao paro, con respecto ao inicio da pandemia (febreiro 2020), o desemprego reduciuse na comunidade galega nun -12,10% fronte ao -9,95% do Estado. O desempregou caeu na evolución anual e mensual e nas principais variables: en todos os sectores de actividade, nas catro provincias e nas sete grandes cidades.
-
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o Consello da Xunta acordou hoxe autorizar a subscrición dos convenios entre a Axencia Galega da Innovación (Gain), o Centro Tecnolóxico de Supercomputación de Galicia (Cesga) e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo para poñer en marcha o programa de comunicación cuántica e, deste xeito, seguir avanzando no Polo de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia. Cun orzamento de 9,6 millóns de euros, o obxectivo é mellorar a confidencialidade e seguridade das comunicacións a través de sete liñas de traballo.
-
O Proxecto Nós é unha iniciativa estratéxica impulsada pola Xunta de Galicia en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela que chegará ás tres universidades galegas enmarcado na Estratexia Galega de Intelixencia Artificial e ao que se pretende dedicar un total de 15,5M€. Previsto para levarse a cabo en catro anos, este mes entrou na súa segunda fase de execución, na que se sacarán adiante seis dos oito subproxectos nos que se divide, centrados na síntese de voz, no recoñecemento da fala, na xeración automática de textos, nos sistemas de diálogo, na tradución automática e na corrección e avaliación lingüística
-
O 15 de xuño abre a nova convocatoria da BFAero cun enfoque máis internacional e na busca de sinerxías co Polo Aeroespacial de Galicia. Deste xeito, dáse continuidade á colaboración coa Fundación CEL Iniciativas por Lugo para desenvolver dúas novas edicións, a cuarta e a quinta, cun investimento total de 7,2M€ co que se pretende apoiar 25 empresas do sector. O obxectivo é potenciar o ecosistema tecnolóxico cun enfoque máis internacional e maximizar as sinerxías entre a aceleradora e o Polo Aeroespacial de Galicia, facendo da BFAero un referente na Unión Europea de innovación aberta e disruptiva no sector.
-
A Xunta de Galicia vén de incrementar este ano nun 20% o orzamento das axudas destinadas a impulsar a transformación dixital e a modernización do comercio galego de proximidade e o sector artesán, chegando así aos seis millóns de euros. Estas axudas están destinadas a pemes comerciais de menos de 20 traballadores e a obradoiros artesáns. O obxectivo desta orde é que mediante a mobilización público-privada de nove millóns de euros se poida apoiar aos sectores comercial e artesán no aproveitamento das oportunidades que ofrecen a tecnoloxía e o contexto actuais, para poder chegar aos potenciais clientes por novas vías, ofrecéndolles experiencias únicas e personalizadas nos seus procesos de compra.
-
A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades vén de rexistrar na aplicación informática do Ministerio de Universidades a proposta de oferta de prazas de novo ingreso en títulos oficiais de grao e máster para as universidades públicas galegas cara o curso académico 2022/2023, unha oferta que foi consensuada coas vicerreitorías de titulacións e que será oficial unha vez que se ratifique formalmente nas vindeiras semanas pola Conferencia General de Política Universitaria. Como principais novidades, as universidades públicas galegas incorporarán o vindeiro curso tres novos títulos de grao e 10 novos mestrados universitarios.
-
A economía galega medrou no primeiro trimestre do ano 2022 un 5,1% en relación ao mesmo trimestre do ano anterior. O instituto Galego de Estatística (IGE) publica hoxe os datos de contabilidade trimestral referentes ao primeiro trimestre deste exercicio. En canto á evolución intertrimestral, o PIB autonómico medrou un 0,7%. Desde o punto de vista da demanda, neste primeiro trimestre do ano o gasto en consumo final medrou no último ano un 2,4% -cun crecemento interanual do 3,2% no gasto en consumo final dos fogares- e as exportacións aumentaron un 4,3%.