Noticias
-
O Nodo Galego de Ciberseguridade pon en marcha o ciclo de actividades de formación, concienciación e orientación para o tecido empresarial galego. En total, están previstas unha vintena de actividades que se desenvolverán ao longo deste primeiro semestre do ano, cunha periodicidade aproximada dunha á semana. O ciclo comeza o vindeiro mércores 27 de abril cunha sesión formativa organizada grazas á participación de Altia e a colaboración da Fegamp. Esta actividade componse dunha sesión inicial cun enfoque informativo onde se exporá a actualidade respecto da normativa de protección de datos, e terá continuidade nunha segunda sesión de carácter práctico e dinámico, programada para o 3 de maio.
-
O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe que a Xunta vén de activar a Estratexia Naval 2022-2026 para avanzar cara á recuperación, ao crecemento e á diversificación do sector e aproveitar o Perte aprobado polo Goberno central. 'O obxectivo é orientar os esforzos dun sector estratéxico nos vindeiros anos; promover a colaboración entre estaleiros e os distintos elos da cadea; incentivar a diversificación dos produtos e mercados, e situar Galicia no lugar que lle corresponde ante o Perte do naval aprobado, por fin, polo Goberno central', abundou Feijóo.
-
A Xunta de Galicia presenta as novas convocatorias dos programas InnovaPeme e DeseñaPeme, cun importe de 4,3 millóns de euros, que permitirán mobilizar 8,6 millóns, e que chegarán a unhas 90 pemes e microempresas galegas e lles permitirán introducir as vantaxes da innovación nos seus procesos de organización, produtos e servizos. Así, a Administración Autonómica segue a traballar pola mellora na competitividade das empresas galegas, favorecendo a innovación no tecido empresarial da nosa comunidade, especialmente nas empresas máis pequenas, que habitualmente atopan máis atrancos neste ámbito.
-
O bo tempo meteorolóxico e as reservas de última hora para os días festivos, especialmente a partir do xoves permitiron que Galicia peche unha Semana Santa cunha ocupación media por riba das previsións establecidas polo sector en boa parte dos destinos turísticos galegos, que o sector sitúa por riba do 80%. No caso de destinos turísticos como Ferrol, Ourense Santiago de Compostela, a Mariña lucense ou Ribeira Sacra a ocupación foi incluso maior, situándose entre o 90% e o 100% nalgúns casos.
-
As estacións de servizo galegas terán á súa disposición unha liña de apoios para que poidan facer fronte aos anticipos que están a desembolsar ao ter que rebaixar 20 céntimos no litro de combustible ao seus clientes. A Xunta inclúe esta medida dentro do Plan de Choque que aprobou para facer fronte ao actual contexto económico no que o pagamento deses adiantos está a provocar ás gasolineiras un problema de liquidez.
-
De cara á celebración de Semana Santa o sector turístico avanza boas perspectivas con previsións de ocupación entre o 60% e o 80%, se ben existen territorios que agardan acadar incluso ocupacións maiores como poden ser Santiago de Compostela, Ferrol ou Viveiro, polos de atracción polas celebracións vencelladas á Semana Santa. A meteoroloxía, as viaxes de proximidade e as reservas de última hora marcarán as ocupacións finais, aínda que o ritmo de chegada de peregrinos que se detecta nas últimas semanas apunta a unha Semana Santa boa para o sector. De feito, só na primeira semana do mes de abril chegaron a Santiago case 4000 peregrinos, máis dos que se chegaron en todo o mes de xaneiro e febreiro e tres veces máis dos que chegaron no mesmo período o ano pasado.
-
O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe en rolda de prensa que a Xunta facilitará, a partir do martes, financiamento ás estacións de servizo para que poidan afrontar o adianto da bonificación dos 20 céntimos por litro decretada polo Goberno central. Para tal fin, puntualizou, aprobarase un programa dirixido a pemes e autónomos para obter financiamento, especialmente centrado naqueles sectores máis afectados pola invasión rusa, como é o caso das gasolineiras.
-
A conselleira de Política Social, Fabiola García, sinalou que a Xunta solicitou ao Goberno central que se aplique ao Ingreso Mínimo Vital (IMV) o mesmo modelo de coxestión das Pensións non Contributivas. Hoxe respondeu a unha interpelación sobre esta cuestión no Parlamento de Galicia onde concretou que o Goberno galego xa mantivo unha primeira reunión con técnicos do Ministerio de Inclusión, Seguridad Social y Migraciones para avanzar na transferencia de competencias. Fabiola García lembrou que Galicia reclamou desde a creación do Ingreso Mínimo Vital a súa xestión para evitar duplicidades e incompatibilidades desta prestación con outras axudas autonómicas e para axilizar a súa tramitación.
-
Cae o desemprego en Galicia, e creceron as afiliacións e a contratación na evolución mensual e anualGalicia cun descenso de 1.173 persoas é a terceira comunidade autónoma na que máis caeu o paro con respecto a febreiro; e a cuarta en termos relativos cun -0,76% menos de paro. En Galicia baixou o paro e aumentaron as afiliacións e a contratación tanto na evolución anual como mensual, pese ao actual contexto socioeconómico de incerteza xerado pola guerra de Ucraína, a suba enerxética e a folga de transportes. Con respecto ao inicio da pandemia (febreiro de 2020), Galicia (-7,76%) continúa cunha baixada do paro maior que a rexistrada no Estado (-4,23%) con 3,23 puntos de vantaxe. Na evolución anual, cunha caída do -15,15%, o paro volve a baixar en marzo tras as subidas experimentadas en 2020 e 2021 polo efecto da covid-19.
-
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou hoxe por videoconferencia no Consello Consultivo de Política Agrícola para Asuntos Comunitarios no que o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, informou das medidas de apoio aprobadas polo Goberno central destinadas aos sectores agrario e pesqueiro no marco do Plan nacional de resposta ás consecuencias da guerra en Ucraína. Nel a titular de Mar defendeu que as axudas habilitadas en España son insuficientes para paliar as dificultades polas que está a atravesar o complexo mar-industria de Galicia e lamentou a tardanza do Executivo do Estado en adoptar unhas decisións que noutros países da Unión Europea foron tomadas de xeito inmediato.