Noticias
-
Galicia amplía a 52,3 millóns de euros os fondos destinados á licitación de Compra Pública Precomercial para a selección de socios estratéxicos e tecnolóxicos cos que desenvolver o novo programa de I+D no Polo Aeroespacial de Galicia. Aos 40M€ de fondos propios xa comprometidos, súmanse os 12,34M€ obtidos do Plan Complementario de I+D+i de Biodiversidade do Ministerio de Ciencia e Innovación -ligado ao Mecanismo de Recuperación e Resiliencia da Unión Europea- para o desenvolvemento dun programa destinado á monitorización e observación da biodiversidade no que se utilizarán sistemas aéreos e mariños non tripulados para a captura de datos.
-
O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe en rolda de prensa que o Consello da Xunta aprobou hoxe o Plan Estratéxico 2022-2030 para deseñar a Galicia do futuro e acadar unha recuperación sostible, competitiva e inclusiva. Logo de cualificar este Plan como un 'documento de país' e como 'unha ferramenta útil', o presidente da Xunta incidiu en que 'sen planificación só pode haber improvisación'. Deste xeito, no tocante ás principais prioridades, Feijóo incidiu en que este Plan prevé un crecemento medio sostido ata 2030 de entre o 2 e o 2,5% anual e que nesta década se reduza 4 puntos a taxa de paro e que cara ao ano 2030 baixe ata o entorno do 8%.
-
O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, solicitou esta mañá no Parlamento de Galicia que o Goberno central corrixa o rumbo á hora de xestionar e repartir os fondos europeos. Conde lamentou a actual distribución, marcada polo centralismo, a discrecionalidade e a lentitude, fronte á experiencia que as comunidades autónomas teñen na execución deste tipo de recursos -e que só están recibindo o 28% dos fondos Next Generation-. A Xunta entende que esta crítica á cogobernanza é unánime, pois o Banco de España ou a CEOE xa se manifestaron subliñando o baixo impacto dos fondos no PIB e o escaso acceso da empresa.
-
O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, resaltou hoxe que a candidatura galega ao Perte de enerxías renovables, que o Goberno aprobou o pasado mes de decembro, suma iniciativas que poderían chegar a mobilizar máis de 3800M€ e conta coa colaboración de empresas de referencia no sector como Naturgy, Iberdrola, EDP Renovables, Navantia e Repsol, ademais de prestar especial atención ás pemes. O Perte de enerxías renovables convocado polo Goberno prevé mobilizar un investimento público-privado de 16.370M€ e a creación de 280.000 postos de traballo.
-
O 43,06% das empresas que empregan especialistas en tecnoloxía en Galicia contratan mulleres con esta especialidade, unha porcentaxe que soamente superan Madrid, cun 44,26% e Estremadura cun 43,94%, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística. O Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA) destaca, así mesmo que, de acordo co estudio realizado sobre a inserción laboral do Sistema Universitario de Galicia, a porcentaxe de mulleres que se manteñen empregadas en especialidades STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) nos dous primeiros anos tras obter o título é dun 83,9 por cento, lixeiramente superior á de homes, que é dun 83,3.
-
Galicia trasladou este venres ao Goberno central a súa oferta dun milleiro de prazas de acollida en distintos centros para recibir a refuxiados a guerra en Ucraína. Ao mesmo tempo, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reiterou esta dispoñibilidade para axudar a calquera persoa afectada polo conflito. Neste senso, sinalou que o Goberno autonómico “está a orde” do que concreten os ministerios competentes en materia de acollida e acción humanitaria, e apuntou que hai tempo que a Xunta se puxo en contacto coa recentemente creada Asociación Galega de Axuda a Ucraína para mostrar o seu apoio.
-
BioGalicia Summit é un encontro de carácter internacional centrado no sector da biotecnoloxía e organizado pola incubadora de alta tecnoloxía BioIncubaTech, liderada pola USC en colaboración coa Cámara de Comercio de Santiago de Compostela e Uninova e co apoio da Xunta de Galicia e a Fundación Incyde. Dentro deste ámbito, Galicia participa no Plan Complementario de Biotecnoloxía aplicada á Saúde impulsado polo Ministerio de Ciencia e Innovación, xunto a outras catro comunidades autónomas, para desenvolver ferramentas de diagnóstico, pronóstico e terapias de medicina personalizada.
-
A economía galega medrou no ano 2021 un 5,2%, un crecemento dúas décimas superior ao avanzado polo Instituto Nacional de Estadística (INE) para España. O instituto Galego de Estatística (IGE) publica hoxe os datos de contabilidade trimestral referentes ao cuarto trimestre que mostran que Galicia recuperou máis da metade do PIB perdido durante a pandemia e que neste 2022 estará en disposición de recuperar a riqueza prepandemia. Ademais, os datos do 2021 confirman que, ao igual que en 2020, a economía galega tivo un mellor comportamento que a española.
-
A nova Estratexia de Formación Profesional Galicia 2030 impulsará a oferta de dobres titulacións en ciclos formativos. Así o explicou o secretario xeral de Educación e FP, José Luis Mira, na súa comparecencia no Parlamento para dar conta desta nova folla de ruta que guiará as accións da Xunta de Galicia nestas ensinanzas. Centrada no reforzo da oferta e na súa adaptación ás necesidades dos sectores produtivos, no fortalecemento e extensión da rede de centros de excelencia, a estratexia impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade conta cun orzamento de 900M€ ata 2024.
-
Os establecementos hoteleiros galegos triplicaron en xaneiro o número de viaxeiros e superaron en máis do dobre o número de noites consumidas respecto de xaneiro do ano pasado, segundo os datos recollidos no informe de Conxuntura Turística Hoteleira publicada hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Deste xeito, Galicia rexistrou en xaneiro un total de 127.380 viaxeiros e 236.312 noites cunha estadía media de 1,9 noites. Estas cifras tradúcense en que Galicia mantén un bo ritmo de recuperación da demanda turística galega, que recupera este mes o 76% da demanda turística respecto a 2019.