Noticias
-
O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o director Xeral do Instituto Tecnológico de Galicia (ITG), Carlos Calvo, asinaron un acordo para a cesión dun espazo na Cidade das TIC para a creación dun Centro de Excelencia en Investigación e Desenvolvemento de referencia internacional no ámbito da Intelixencia Artificial e as TIC orientadas ao desenvolvemento dos Sistemas Aéreos Non Tripulados (drons), denominado Galaxy-lab. 'Con este acordo de cesión complétase un longo período de colaboración entre ITG e a UDC', explicou o reitor, engadindo que o convenio asinado hoxe “reforzará ás dúas institucións” e remarcou a importancia deste día no avance do proxecto da Cidade das TIC. Para o director de ITG, o acordo de hoxe “abre un novo período” na relación entre a ITG e a UDC e confirma “o total apoio de ITG á Cidade das TIC”.
-
A partir deste venres o Fondo Galego de Garantía Agraria comezará a facer efectivo o pagamento de máis de 127 millóns de euros das achegas da Política Agraria Común correspondentes á campaña 2021-2022. Serán máis de 110 millóns de euros de axudas directas e outros 17 millóns do pago de desenvolvemento rural destinado a zonas con limitacións naturais. Estes pagamentos beneficiarán a máis de 25.000 agricultores e gandeiros da nosa comunidade. No marco das achegas directas inclúense 62,3 millóns de euros do pago básico, 31,8 millóns do pago verde, 7,7 millóns para vacún de leite, 3,5 millóns de euros para vacún de carne, case 2,4 millóns para pequenos agricultores e 2,2 millóns para agricultores mozos.
-
O paro baixou en Galicia na evolución anual e mensual no mes de novembro, ao tempo que creceron as afiliacións e a contratación indefinida. O mercado laboral continúa a súa recuperación e volve a situarse en niveis precovid-19 cun total de 152.747 persoas desempregadas, acadando unha cifra case idéntica á que había en novembro de 2007. A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, valorou hoxe os datos de paro rexistrado destacando que Galicia está a crear 'máis e mellor emprego'. Con respecto á evolución mensual, é a primeira vez que o paro descende na comunidade galega nun mes de novembro de toda a serie histórica (1996), rexistrando unha caída do 0,84%.
-
Un total de doce obras, seis na especialidade de moda e outras seis na especialidade de deseño de xoias, integran a exposición de obras finalistas no certame Xuventude Crea que dende este mércores pode visitarse na Igrexa da Universidade. No acto inaugural, déronse a coñecer as obras premiadas nas distintas modalidades. O primeiro premio en moda foi para Francisco Basteiro Salgado de Verín coa obra ‘Out of this world’. O segundo galardón da modalidade foi a parar a Marta del Río Moldes de Vigo por ‘Lost’, e o terceiro recibiuno Beatriz Chan Costa de Pontevedra por ‘Storm boy’. Nesta edición de 2021, presentáronse un total de 12 obras na especialidade de moda e 28 obras na especialidade de deseño de xoias.
-
A biblioteca da antiga Fábrica de Armas da Coruña acolleu o acto de firma do Convenio para a elaboración do Plan Director e Constitución da Estrutura de Cogobernanza da Cidade das TIC que asinaron a alcaldesa do Concello da Coruña, Inés Rey García; o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, Francisco Conde, en calidade de presidente do Igape; o presidente da Deputación Provincial da Coruña, Valentín González Formoso; o presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez del Corral, e o reitor da UDC, Julio Abalde.
-
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, trasladou hoxe á directora xeral de Asuntos Marítimos e Pesca (DG MARE), Charlina Vitcheva, e a representantes doutros departamentos da Comisión Europea que a posible eliminación das bonificacións aos combustibles na pesca provocaría que a frota galega deixase de ser rendible. Así o reflicte o informe de Galicia que a titular de Mar lles entregou nas xuntanzas mantidas hoxe en Bruxelas e no que se dá conta do posible impacto no sector pesqueiro das distintas propostas da Organización Mundial de Comercio (OMC) e da Comisión Europea para eliminar ou reducir as bonificacións aos combustibles da frota.
-
A economía galega creceu no terceiro trimestre do ano un 3,2%, un crecemento que é superior en medio punto ao avanzado polo Instituto Nacional de Estadística (INE) para España (2,7%). En canto á taxa intertrimestral, o PIB galego medrou un 1,4% entre os meses de xullo e setembro. Así o reflicten os datos da Contabilidade trimestral publicada hoxe polo Instituto Galego de Estatística (IGE). Desde o punto de vista da demanda, no terceiro trimestre do ano o consumo das administracións públicas medrou un 4,6% (por riba da media nacional onde o crecemento foi do 2,9%) e o gasto dos fogares galegos incrementouse un 1,5%, catro décimas máis que no conxunto de España.
-
Outubro confirmou o excelente ritmo de recuperación da demanda turística en Galicia, segundo os últimos datos achegados polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Con preto de 402.000 viaxeiros aloxados e máis de 754.000 noites, os hoteis galegos pecharon o mes pasado triplicando o dato do ano pasado, o que se traduce nunha recuperación do 95% da demanda turística dos hoteis galegos, 15 puntos mellor que o conxunto do Estado.
-
A xornada Todas as oportunidades do mar: avanzando na economía azul enmárcase nas actividades promovidas pola Conferencia sobre o futuro de Europa e celebrouse de xeito presencial no Museo do Mar de Galicia, en Vigo, pero tamén puido seguirse online. A finalidade deste encontro é difundir as liñas de traballo xeradas no marco da economía azul en Galicia e promover o debate sobre elas, destacar as boas prácticas que contribúen a xerar un modelo de desenvolvemento sustentable en termos ambientais, sociais e económicos en relación co mar e implicar á sociedade civil e empresarial na configuración do futuro proxecto europeo.
-
As rendas máis baixas pagarán no ano 2022 un 22,6% menos de IRPF que no 2009, e ademais case a metade dos contribuíntes galegos deixarán de pagar un de cada cinco euros por este imposto respecto do que aboaban no ano 2009. Na súa intervención no Debate de Totalidade do Proxecto de Lei de Orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 2022, o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos explicou que a Xunta leva aprobadas tres rebaixas na tarifa autonómica do IRPF en oito anos -2014, 2016 e 2022- e que o seu impacto foi o triplo para as rendas máis baixas que para as medias e altas.