Noticias
-
A Xunta puxo en marcha o ano pasado o Bono Activa Comercio con descontos de 30 euros para os beneficiarios. Nada máis saír a convocatoria no mes de outubro, esgotáronse en tres días os bonos dispoñibles. Desde a súa posta en marcha foron máis de 166.000 os galegos que os descargaron para facer as súas compras nos máis de 6300 comercios adheridos en toda Galicia, de tal maneira que o 60% dos concellos galegos contan con algún establecemento asociado.
-
Este proxecto de colaboración público-privada pretende converter a Galicia nun referente internacional do hidróxeno verde, a Alianza Industrial Galega do Hidróxeno Verde, da que forman parte máis de 700 empresas, institucións e axentes sociais. A iniciativa pretende que esta fonte de enerxía limpa se converta nunha oportunidade estratéxica para a industria produtora, pero tamén para outros sectores como o transporte ou a loxística. Ao encontro asistiron representantes das empresas que cobren toda a cadea de valor que integra a Asociación Galega de Hidróxeno (AGH2), así como das universidades galegas, institucións e axentes sociais.
-
A Comisión Europea acaba de aprobar os programas dos fondos estruturais Feder e FSE+ xestionados pola Xunta para o período 2021-2027, que achegarán a Galicia 2.300 M€ entre as axudas europeas e a cofinanciación da Comunidade Autónoma. O Programa Galicia FEDER 2021-2027, deseñado para recibir a axuda do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, conta cunha asignación financeira da UE que ascende a 940,2 M€, o que, xunto coa financiación da Xunta, achegará un importe total para o Programa de 1.567 millóns de euros. Unha cantidade coa que se seguirá traballando para impulsar a innovación, a transición dixital e a competitividade das pemes, así como para avanzar na transición ecolóxica.
-
As contas públicas de Galicia para o ano 2023 recibiron hoxe o visto e prace no Pleno do Parlamento galego. Estes orzamentos son os máis altos da historia da Comunidade e ascenden a 12.620 millóns de euros para apoiar ás familias, a dinamización económica e fortalecer os servizos públicos. Son tamén uns presupostos de impulso, do impulso que Galicia necesita. Os presupostos de 2023 reforzan un ano máis o gasto social, é dicir, a sanidade, a educación, as políticas sociais, e o fomento do emprego. Así, estes orzamentos inclúen o maior gasto social da historia da Comunidade que ascende a 9.368 millóns de euros (709M€ máis que no vixente exercicio) para sanidade, ensino, políticas sociais e emprego.
-
Clausurouse a segunda edición da Aceleradora de proxectos turísticos Turislab, que rematou con 8 startups seleccionadas entre as 117 presentadas. As 8 startups finalistas participaron durante oito meses nun programa de formación nas instalacións de Turislab, no complexo do Centro Superior de Hostalaría de Galicia e contaron tamén co apoio de titores, mentores e expertos colaboradores. Ademais, tiveron a ocasión de darse a coñecer no Investors Day ante investidores privados que poden estar interesados en financialas para potenciar a súa competitividade. Das 8 propostas que participaron no proxecto da Aceleradora en 2022, foron distinguidas Boldest, Wonder Experience e Spa Relajarse, ademais de Tric Track Circuítos Permanentes, recoñecida coa distinción Talento emprendedor.
-
A nosa comunidade rexistrou no verán de 2022 preto de 2,1 millóns de viaxeiros aloxados e máis de 4,7 millóns de noites en aloxamentos turísticos, o que mellora os datos de 2019 nun 12,4% e os do ano pasado nun 14,7 %, e supón un récord absoluto do sector turístico galego. Deste xeito, Galicia supera en sete puntos os rexistros globais do Estado, e é unha das comunidades onde o crecemento é máis elevado. Cabe destacar que o 81% desta demanda provén do turismo nacional (de toda España), con importantes subas nos turistas procedentes de Madrid, Andalucía e León. O turismo interno (da nosa comunidade) acada tamén cifras récord, con 570.000 noites no ámbito hoteleiro.
-
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, celebrou que o éxito da marca Galicia Calidade asociara para sempre a excelencia ao nome e aos produtos da Comunidade. Na gala na que se celebrou o XXV aniversario do distintivo, o titular do Goberno galego puxo en valor a traxectoria das 150 empresas que se animaron a formar parte 'dunha marca esixente' e que contribuíron á singularidade e ao prestixio da Comunidade galega en todo o mundo. 'Vinte e cinco anos despois, está marca segue representado o desexo de ser excelentes e seguir triunfando', aseverou o mandatario galego na súa intervención.
-
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, asegurou hoxe que o resultado do Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea no que se fixaron os totais admisibles de capturas (TAC) e cotas para 2023 en augas comunitarias é negativo para Galicia e España pois apenas supón avances en relación coa proposta inicial presentada pola Comisión Europea. A titular de Mar, que estivo seguindo co sector desde Bruxelas o avance dos debates malia non formar parte da delegación negociadora española -composta polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e o Goberno cántabro en representación das comunidades autónomas españolas-, lamentou que neste cumio non se acadase ningún dos obxectivos marcados para atender as necesidades da frota galega e española.
-
A Xunta de Galicia, en coodinación coa Inspección de Traballo, refozarán de cara o vindeiro ano as actuacións previstas para seguir loitando contra a economía irregular, o fraude na contratación e previr os riscos no traballo, entre outros. Así, o total de actuacións ou ordes de servizo previstas para 2023 aumentarán nun 6,6% ata chegar ás máis de 41.000, dividéndose en cinco grandes áreas: prevención de riscos laborais, emprego e relacións laborais, seguridade social, economía irregular e traballo de estranxeiros e outras actuacións (accións no programadas).
-
A designación de Galicia como sede da AESIA é un recoñecemento aos esforzos da nosa Comunidade por situarse na vangarda da transformación dixital pese as limitacións de partida relacionadas coas súas características poboacionais e xeográficas. A actual posición de Galicia é o resultado da aplicación de dúas axendas dixitais e, neste momento, da Estratexia Galicia Dixital 2030 (EGD2030). Precisamente, o eixo transversal da EGD2030 refírese á especialización da nosa Comunidade no coñecemento e na aplicación das tecnoloxías. A instalación da AESIA na nosa Comunidade cumpre e reforza os obxectivos de atraer infraestruturas e entidades de referencia, así como de reter e atraer talento dixital.