Noticias
-
Galicia contará o próximo curso cunha oferta de 46.714 prazas de novo ingreso, o que representa 4.540 prazas máis que o curso que agora remata (preto dun 11 % máis) e unha cifra récord no conxunto das 214 ofertas diferentes entre os 153 ciclos de grao básico, medio e superior, 22 másteres, 24 títulos de alta especialización e 15 programas formativos. A FP galega medra no conxunto da Comunidade e en cada un dos territorios e na case totalidade dos sectores e familias grazas á potenciación da modalidade de FP Dual Intensiva, aos másteres de FP e aos itinerarios de alta especialización.
-
A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) celebrou en Santiago de Compostela a 36ª edición da súa Asemblea Xeral Ordinaria. No evento, que transcorreu con total normalidade, aprobáronse as Contas Anuais e o Informe de Xestión do exercicio 2023. Ademais, presentouse a Memoria Anual de Actividades de 2023 e informouse sobre o Plan Anual de Actividades previsto para 2024. Segundo o rexistro oficial, en Galicia existen 180 cooperativas agroalimentarias, que en 2022 contaban con aproximadamente 34.000 socios.
-
Un total de 106 universitarios que remataron os seus estudos no ano 2023 veñen de ser galardoados cos Premios fin de carreira pola súa excelencia académica. Así o recoñece a Xunta de Galicia, que publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución con estas distincións. O 62% do alumnado recoñecido son mulleres e, do total de galardoados, 52 pertencen á Universidade de Santiago de Compostela, 35 á de Vigo e 19 á da Coruña. Os mellores expedientes distribúense entre 64 titulacións nos diferentes campus.
-
Tivo lugar a entrega de distintivos Q e S de Calidade Turística 2024 da Axencia de Turismo de Galicia. Este ano entregáronse 53 novas distincións Q de Calidade e 39 S de Sostibilidade. Actualmente, Galicia é a segunda comunidade autónoma con máis distintivos Q e a cuarta de distintivos S. O sector turístico galego atravesa un dos seus mellores momentos, con cifras récord no 2023 e cada vez máis diversificado e desestacionalizado, e con máis de 1,3 millóns de viaxeiros que se aloxaron nos establecementos turísticos galegos nos primeiros catro meses do ano e á crecente tendencia á internacionalización do destino, cun crecemento do 5% do número de turistas estranxeiros que se aloxaron en Galicia no que vai de ano.
-
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, solicitou ao Goberno central que non permita a deslocalización das compras en economías emerxentes a través do reparto dos fondos dos PERTE. Así o manifestou logo do encontro celebrado hoxe co Clúster de Automoción e Mobilidade de Galicia (Ceaga), onde tamén avanzou que a Xunta estuda posibles modificacións no orzamento dos fondos Feder que lle corresponden a Galicia para favorecer a industria galega da automoción.
-
Baixo o título 'Horizontes Dixitais', o Centro GaiásTech organiza 4 de xuño unha xornada sobre os retos e oportunidades da transformación dixital nos sectores cultural, deportivo e turístico. O encontro, que terá lugar na Sala Eisenman da Cidade da Cultura, está dirixido á cidadanía e empresas e os interesados en asistir só precisan inscribirse na portal do GaiasTech. A xornada estrutúrase en tres mesas redondas, unha por sector, ademais dun relatorio e unha demostración de olería orixinal. O CEO de Neuromobile, Raúl Serapio, recoñecido como uns dos 100 directivos máis creativos pola revista Forbes en 2022, será o encargado da conferencia inicial.
-
O equipo de investigación liderado polo investigador do Departamento de Historia da Universidade de Santiago de Compostela Edgard Camarós quedou sorprendido polo descubrimento de marcas de corte arredor de crecementos canceríxenos nun antigo cranio exipcio, o que lles permitiu desenvolver novas ideas sobre como os antigos exipcios trataron a enfermidade. Estes achados, consideran, constitúen unha evidencia de que as sociedades antigas tentaron explorar e operar tumores hai milleiros de anos. 'Este achado é unha proba única de como a medicina exipcia antiga tentaría tratar ou explorar o cancro hai máis de 4.000 anos', engadiu o autor principal do estudo, para quen 'esta é unha nova perspectiva extraordinaria na nosa comprensión da historia da medicina'.
-
O Servizo Galego de Saúde comeza cos primeiros proxectos da súa Estratexia de Economía Circular 2030Situar a sanidade galega na vangarda da protección do medio ambiente é o obxectivo da Estratexia de Economía Circular do Servizo Galego de Saúde 2030, que acaba de poñer en marcha os seus primeiros proxectos. O grupo de traballo de implantación vén de celebrar esta semana unha nova xuntanza na que se abordaron, entre outros asuntos, a uniformidade de datos da pegada de carbono que se achegarán ás Nacións Unidas e ao Ministerio de Sanidade pola carreira cara ao cero, así como a análise do estado de situación dos proxectos tractores das áreas sanitarias.
-
Entre as principais novidades da actualización de 2024 está o incremento do número de cámaras nos montes que permitirá que o 85% do territorio galego en risco de incendio contará con videovixilancia. En concreto, vanse instalar outras 24 cámaras en 12 novas localizacións, e dicir, a rede de videovixilancia fixa vai contar con 177 cámaras en 88 puntos. Á hora de establecer a localización concreta das cámaras, tívose en consideración o feito de que proporcionen cobertura visual das zonas nas que se rexistra unha maior actividade incendiaria, con especial atención ás Parroquias de Alta Actividade Incendiaria (PAAI) e ás zonas de alto risco de incendios (ZAR).
-
Dentro do seu compromiso por seguir afondando nun turismo de calidade e desestacionalizado e tamén na procura de fórmulas que atraian a Galicia viaxeiros de alta capacidade de gasto, Turismo de Galicia está participando en Milán nunhas xornadas con máis de 20 operadores especializados neste mercado. Enmárcase na aposta por seguir reforzando a presenza do turista internacional, que está medrando nos últimos anos e que é un dos obxectivos estratéxicos máis inmediatos. Ademais, lévase anos traballando para atraer un tipo de viaxeiro de alto poder adquisitivo que estatisticamente realiza un importante número de viaxes ao ano, polo que contribúe a romper a estacionalidade turística.