Noticias
-
O crecemento da produción en Galicia será do 1,8% en 2024, fronte ao 2,2% no conxunto de España. En 2025, o devandito crecemento situarase no 2,5% para o caso galego, fronte ao 2,4% na totalidade do Estado. Estas son algunhas das predicións do equipo de Hispalink-Galicia, integrado polas investigadoras da USC María-Carmen Guisán, Maite Cancelo, Emilia Vázquez Rozas, Pilar Expósito, Rosario Díaz-Vázquez e Eva Aguayo. Hispalink constitúe unha liña de investigación permanente en economía aplicada de quince universidades cuxo obxectivo principal é a revisión e análise da situación actual e perspectivas económicas ao longo do Estado.
-
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, remarcou hoxe o diálogo constante e permanente que a Xunta vén mantendo con todos os axentes da industria da automoción en Galicia, e avanzou que o vindeiro luns 1 de xullo o Goberno galego elevará á Mesa do Diálogo Social o plan director do sector. En resposta a unha interpelación parlamentaria, Lorenzana subliñou que a Xunta está a concentrar todos os seus esforzos en evitar o risco de deslocalizacións que afronta o sector, e en garantir a competitividade da industria auxiliar e o emprego de calidade e de longa duración.
-
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, indicou hoxe que o Consello de Goberno vén de dar luz verde á 'gratuidade da matrícula para os estudos de grao universitario, así como para os de ensinanzas artísticas superiores (Música, Arte Dramática, Deseño e Conservación e Restauración de Bens Culturais) en centros públicos galegos', tanto no caso de novo ingreso como no de continuidade de estudos, unha medida que será aplicable para o próximo curso e coa que, ademais, se cumpre un 'compromiso adquirido para os primeiros 100 días de goberno'.
-
O Foro Económico de Galicia, entidade coordinada desde o campus de Ourense polo Grupo Governance and Economics Research Network (Gen), presentou no Congreso dos Deputados o documento 'Propuestas para España: la Reforma de la Financiación Autonómica'. Nel recomenda, entre outros moitos aspectos, un federalismo corporativo e a cogobernanza. A presentación estivo encabezada polo presidente do foro, o empresario Emilio Pérez Nieto, e o seu director, Santiago Lago, catedrático da UVigo. O traballo foi elaborado polos economistas Santiago Lago (UVigo); María Cadaval, Xaquín Fernández Leiceaga (USC) e Jorge Martínez (catedrático emérito da Georgia State University).
-
Os hoteis e pensións galegos melloraron a súa rendibilidade e rexistraron datos históricos de viaxeiros e noites no mes de maio, como así o constatan os datos feitos públicos hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Con 552.000 viaxeiros aloxados e algo máis de 911.000 noites nos establecementos hoteleiros en maio, incrementouse un 16% a cifra de viaxeiros e un 14,5% a de pernoitas, en ambos casos con cifras superiores á pandemia e por riba da media española. Por mercados, destaca o incremento do internacional que medrou un 23% nese mes e Galicia colocouse como a terceira comunidade que medrou con máis intensidade en maio, por detrás de Aragón e Cantabria.
-
Galicia avanza cara á neutralidade climática a un ritmo tres veces maior que a media de España e da Unión Europea. Desde a aprobación, en 2019, da Estratexia galega de cambio climático e clima 2050 (EGCCE 2050), as emisións netas de gases de efecto invernadoiro baixaron en Galicia un 19,5%, tres veces máis que a media española (6%) e que a europea (6,1%). Nesta liña, no ano 2022 naceu a Alianza galega polo clima, co obxectivo de conectar ao tecido produtivo e social galego de cara a traballar contra o quecemento global, facer máis resiliente á Comunidade e establecer pautas de actuación para alcanzar a neutralidade climática. Esta iniciativaque conta xa con máis de 140 entidades adheridas, entre universidades, autoridades portuarias, clubs deportivos ou empresas.
-
A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, puxo en valor hoxe a aposta da Xunta polo emprego inclusivo no peche da xornada Trazando Camiños: oportunidades e aprendizaxes arredor da orientación especializada en persoas con dano cerebral adquirido, que tivo lugar en Santiago e estivo organizada por Sarela, a Asociación de Dano Cerebral de Compostela. A iniciativa busca reflexionar e poñer en común experiencias de inclusión sociolaboral no terceiro sector co obxectivo de crear ferramentas e estratexias para mellorar as taxas de emprego das persoas con dano cerebral.
-
Galicia defende a necesidade de que as posicións das comunidades autónomas sexan escoitadas e as súas singularidades tidas en conta na toma de decisións dentro da Unión Europea. Así o vai defender a comunidade galega nos Consellos de Ministros de Medio Ambiente do segundo semestre do ano, no que ostentará a representación das autonomías españolas. A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, participou hoxe nun encontro por videoconferencia que serviu para proceder ao traspaso.
-
O Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia acada xa unha execución financeira que supera o 83 % do seu importe total. Isto significa, subliñou, que xa se executaron por parte da Xunta máis de 1.300 millóns de euros ao abeiro deste programa, e ademais que o grao de aplicación do PDR supera en seis puntos a media nacional, que se sitúa no 77,2 %. O PDR supón para o rural galego unha aposta por fomentar a competitividade da agricultura na nosa comunidade, así como por conservar e revalorizar o seu patrimonio natural, promovendo a xestión sustentable dos recursos e a loita contra o cambio climático. Este programa representa ademais unha clara orientación cara á mellora da calidade de vida da poboación rural.
-
O alumnado galego volve destacar en PISA e sitúase no grupo de cabeza de España con mellores resultados en pensamento creativo, segundo se desprende dos datos do informe español dado a coñecer hoxe. Galicia obtén unha puntuación media de 34,3 puntos, 1,5 por riba da medida de España (32,8 puntos), 1,6 dos países da OCDE (32,7 puntos) e 2,2, da Unión Europea (32,1). No panorama español, a nosa Comunidade sitúase entre as tres onde se rexistraron mellores resultados, a tan só cinco décimas de Madrid, que encabeza o ránking con 34,8 puntos, e tres décimas de Castela e León, que ocupa a segunda posición con 34,6. Son, xunto a Asturias, as catro únicas autonomías que superan os 34 puntos, o que as sitúa no nivel 4, o mesmo no que se atopan os países con mellores puntuacións de todo o mundo.