Noticias
-
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, expuxo este mércores que Galicia seguirá demandando na Comisión Europea recursos financieiros para unha descarbonización da frota asumible e realista. Así o trasladou na apertura do II Foro Riazor Globan Maritime Sustainability, organizado pola Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas da Universidade de A Coruña, e que, durante dous días, reúne na cidade herculina a distintas organizacións empresariais que operan na cadea de valor do ámbito marítimo para analizar as tendencias do sector e explorar novas vías para a transición enerxética do transporte marítimo, da pesca e da acuicultura.
-
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que a Xunta lle trasladará de inmediato ao Goberno central o seu desacordo coa proposta recibida para empezar a negociar a transferencia á Comunidade das funcións, servizos e medios necesarios para asumir a xestión completa do litoral ao entender que limita a súa capacidade de acción e mantén inxerencias estatais sobre as súas competencias. 'O noso obxectivo é chegar a un acordo no menor tempo posible, logo dos meses de espera tras a sentenza do Constitucional', indicou.
-
A capital de Galicia prepárase para acoller, entre os días 19 e 24 de outubro, a elite científica en Intelixencia Artificial. A celebración da European Conference on Artificial Intelligence (ECAI 2024) -o congreso máis importante de Europa no ámbito, e un dos tres de referencia en todo o planeta- converterá Compostela en capital mundial da IA; un evento de extraordinaria magnitude que conta xa con máis de 1.600 persoas rexistradas procedentes de todo o mundo, situando a cidade como un referente internacional no campo das tecnoloxías intelixentes. Paralelamente ás intensas labores de coordinación como institución responsable deste encontro, o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS) programou a 'Semana da cidadanIA', unha serie de encontros abertos co obxectivo de aproveitar a oportunidade histórica desta conferencia para achegar a IA ao público xeral.
-
O congreso ofrece na Cidade da Cultura presentacións da man de expertos internacionais da materia e varias mesas redondas con investigadores, administracións públicas e empresas, nas que se discutirá sobre o estado destas tecnoloxías e as súas aplicacións na industria. En concreto, as conferencias abordarán temas como os retos actuáis das tecnoloxías cuánticas ou como salvar a fenda entre a investigación nestas tecnoloxías e a súa aplicación na industria. Pola súa banda, as mesas redondas versarán sobre iniciativas públicas para fortalecer este ecosistema en España e Europa, fomento do emprendemento ou as oportunidades de financiamento en tecnoloxías cuánticas.
-
O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou na sesión plenaria número 162 do Comité Europeo das Rexións (CdR), enmarcado na edición deste ano da Semana Europea das Rexións e das Cidades (#EURegionsWeek). De especial interese para Galicia foi a aprobación do ditame titulado Unha transición xusta para todas as rexións da UE, no que se reivindica un enfoque inclusivo e equitativo neste proceso cara a unha economía sostible para que ningún territorio quede atrás. O documento subliña a necesidade de apoio específico para as rexións máis dependentes dos sectores afectados pola transición xusta.
-
As intensas interrelacións existentes entre as inevitables transicións ecolóxica -en gran medida enerxética- e dixital determinan e condicionan o sector industrial galego. Así o considera o Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia da USC (Idega), que decidiu centrar na transición industrial o informe especial deste ano, elaborado no marco de A Economía Galega. Informe. Para o persoal experto do instituto universitario, a transición na industria debe abordarse 'nos contextos do cambio climático, que en parte a motiva, das obrigas adquiridas de descarbonización e, tamén, da crecente conflitividade en distintos puntos do planeta, cun cambio da xeoestratexia global e das relacións de interdependencia a nivel internacional'.
-
O Goberno galego concedeu no período 2021-2024 un total de 2.374 axudas, por importe de case 9,6 millóns de euros, dirixidas a concellos e particulares co obxectivo de corrixir impactos paisaxísticos na comunidade. Estas achegas (para mellorar o estado de inmobles particulares e de edificios, equipamentos e outras instalacións municipais), mobilizaron un investimento total de 14 millóns de euros. A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático destaca que a demanda deste tipo de axudas é crecente, o que permitiu que desde o ano 2021 chegaran a 283 dos 313 municipios galegos, o que supón máis do 90% do total.
-
O novo edificio do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) albergará as novas infraestruturas tecnolóxicas avanzadas do centro que estarán a disposición da comunidade científica e das empresas. Galicia é a comunidade que consegue unha maior achega entre todos os membros da Rede española de supercomputación (RES), formada por 14 nodos distribuídos por todo o Estado, que recibe, no seu conxunto, 63 millóns de euros. Deste xeito, que Galicia capta o 75% dos fondos repartidos en toda España. O edificio situarase nun soar cunha superficie de máis de 9.100 metros cadrados e terá unha superficie construída de 5.800 metros cadrados, que cumpre con todos os requirimentos imprescindibles para o seu funcionamento.
-
O mercado laboral de Galicia continúa na súa senda de crecemento e acada, con 120.992 persoas, a cifra de paro máis baixa nun mes de setembro de toda a serie histórica (desde 1996). Ademais, a comunidade galega rexistra 1.085.846 persoas afiliadas, a cifra máis alta nun mes de setembro desde o ano 2008 e que aumenta en 14734 persoas en relación co mesmo mes do ano pasado. Na evolución anual tamén cae o paro nas catro provincias galegas, nas sete grandes cidades, en todos os sectores de actividade e tamén en colectivos prioritarios nas políticas activas de emprego da Xunta como as mulleres, os menores de 30 anos e os parados de longa duración.
-
RDG Comercializadora Galega de Enerxía venderá o 100% da enerxía a consumidores galegos, tanto particulares como empresas e industrias, sempre a un prezo máis barato que o prezo de mercado, que se poderán beneficiar dun desconto medio do 50% sobre o prezo do mercado no caso da veciñanza que vive próxima a infraestruturas de xeración renovable. No caso dos particulares, os primeiros beneficiarios destas condicións estarán nun radio próximo a onde estea instalado, por exemplo, un parque eólico, ou mesmo en concellos limítrofes. No que respecta ás empresas e industrias, o obxectivo é democratizar o acceso a un prezo eléctrico máis competitivo, para o cal a comercializadora ofrecerá contratos de compravenda de enerxía a longo prazo (PPA) a todo tipo de empresas.